Seguidores e seguidoras

martes, 13 de marzo de 2012

Bicheando polo Xistral

 Cambiando de terzo, a pasada semana estiven tamén por terras de Abadín, en Lugo. Concretamente na serra do Xistral, que é un pequeno macizo montañoso de perfís suaves e redondeados, cunha cobertura vexetal dominada polo mato baixo e herbazal.


 Os montes máis altos superan lixeiramente os mil metros de altitude, aínda que debido á súa situación xeográfica e climática fai que ás veces pareza máis, polo tipo de fauna e flora que se dan aquí.


 Por desgraza, o expolio enerxético estragou estes montes nas últimas dúas décadas, e os cubríu con centos de muíños eólicos.


  Se miramos desde un alto en calquera dirección, o panorama é desalentador. As empresas enerxéticas alegan que a súa enerxía é necesaria. Supoño que teñen parte de razón neste mundo do hiperconsumo insostíbel. Xa case sentía vergoña por estar aló, despois de percorrer sesenta quilómetros gastando conbustíbeis fósiles, mentras millóns de persoas carecen de luz eléctrica e auga corrente. ¿E..... para qué?


 Adiquei a mañá a prospectar un piñeiral dominado por Pinus pinaster e Pinus radiata, situado nas coordenadas UTM (0619  4811  686m. aprox). Aínda que os máis interesantes para as aves son os de Pinus sylvestris, neste de hoxe puiden observar os seguintes protagonistas:


- Un bando de 25 Píllaras douradas (Pluvialis apricaria) que pasou voando a grande altura en dirección N. Esta limícola está en pleno paso migratorio na zona estes días.
- Petos verdes (Picus viridis).
- Unha Cotovía pequena (Lullula arborea) cantando desde unha ladeira de mato
- Estreliñas riscadas (Regulus ignicapillus)
- Ferreiriños cristados (Parus cristatus)
- Ferreiriños comúns (Parus ater)
- Gabeadores comúns (Certhia brachydactyla)
- Pimpíns vulgares (Fringilla coelbes). Un macho cantor
- Tordos charlos (Turdus viscivorus). Varios machos cantores
- Tordos comúns (Turdus philomelos)
- Un grupiño de 15-20 Tordos reais (Turdus pilaris). Afotei éste a primeira hora desde o coche.


- E como non hai piñeiral sin piñas, tampouco hai piñas sen dono. Este Esquío (Scirius vulgaris) mantívose paralizado durante un bon rato, pero sen sacar os "piños" da piña, non fora ser...Qué risas me botei..


 Baixo un tronco podre atopei unha Píntega (Salamandra salamandra). Hai que recordar que nesta zona a forma que se dá pertence á subespecie S.s. bernardezi, caracterizada polo deseño das manchas amarelas a modo de liñas lonxitudinais (non manchas), aínda que posúe tamén outras diferencias morfolóxicas coa subespecie S.S.gallaica do centro e sur do país.

 Resulta moi interesante que O Xistral é dos poucos lugares de Galiza onde a Píntega é vivípara, é dicir, que "pare" crías completamente desarrolladas, idénticas a un adulto en miniatura. No resto do país a femia dá a luz larvas con branquias que deben crecer na auga ata a metamorfose. (Fonte: Pedro Galán, "Viviparismo y distribución de Salamandra saamandra bernardezi en el norte de Galicia", Bol. Asoc. Herpetol.Esp. 2007- 18).


 Nas partes máis secas do camiño de volta, voaban as primeiras Cicindelas (cicindela campestris) da temporada. Este coleóptero é un terrible depredador, tanto na fase de larva como de adulto.


  Perto do mediodía despraceime ata unha zona de turbeiras que coñezo para buscar ún dos nosos lacértidos máis escasos: a Lagartixa da braña. Hai varios tipos diferentes de turbeira. En xeral veñen a ser unha especie de brañas hiperhúmidas, onde o solo está permanentemente encharcado e nos que, co tempo, acaban formándose depósitos de turba. Cando se prospectan hai que ter un coidado extremo, debido ao irregular do terreo, moi pantanoso, e cos pequenos barrancos que forman as correntes de escorrentía.


  Nos bordes, a turbeira dá paso ao "Ucedal", que é un hábitat notablemente máis seco.  Nesta época do ano, as matas de Calluna vulgaris aparecen secas e apagadas entre outros tipos de uuzes ou quirogas. O ano pasado visitei unha braña no Sur de Ourense que lucía fermosísima, coa súa alfombra malva de queirogas.


  Na turbeira, o que debía ser un lugar pantanoso e encharcado aparecía en moitas ocasións case sen auga, debido á seca deste inverno. Estas follas de Espiga de auga (Potamogeton polygonifolius) deberan estar flotando sobre unha lámina de auga.


 As flores da Herba centella (Caltha palustris) son moi familiares para os que andamos buscando anfibios nos prados enchoupados a finais de inverno. Son sempre un dos primeiros anuncios da Primavera.


 Pola contra, nos lindeiros forestais aparecían os bonitos Dentes de can (Erythronium dens-canis).


 Nos encharcamentos da turbeira, situada en UTM (0621  4812  715), agolpábanse as larvas da Rá vermella (Rana temporaria), quizá o anfibio máis representativo destes hábitats de montaña.


 Os Tritóns comúns (Lissotriton Boscai) andan xa entregados aos seus rituais amatorios. Esta femia quedou bastante ben para ser unha foto na auga.


 O macho, como se aprecia na foto, ten unhas proporcións diferentes, con cabeza de tamaño relativamente maior e glándulas parótidas moi chamativas no pescozo. Adoita ter un moteado máis groso normalmente.


 A charca era unha auténtica "mina". Nela coexistían as tres especies de tritóns galegos, algo que non é demasiado frecuente. O Tritón palmado (Lissotriton helveticus) sempre me pareceu o máis bonito, coas súas membranas interdixitais nas patas traseiras e a pequena crista dorsal.


 Na auga móvese con moita máis soltura que o Tritón común, a pesar de que a fase acuática dura menos habitualmente no palmado. As palmaduras traseiras quizá axuden nesta tarefa.


 Tamén había exemplares do xigante dos nosos tritóns, o Tritón Verde (Triturus marmoratus). Na fase terrestre son dun verde moi bonito pero durante os meses en que permanecen na auga vólvense máis escuros e dun aspecto máis xelatinoso. As femias máis grandes, como ésta da foto, poden acadar os 16 cm. de lonxitude.


 Pasaba da unha do mediodía, cunha temperatura duns 12 º C, e os réptiles comezaron a deixarse ver. Nun pequeno curtado rochoso estaba esta femia de Lagartixa da serra (Iberolacerta monticola).


 A poucos metros, un macho, lucindo xa cores case nupciais, con ese verde precioso en gorxa e ventre. Nestes montes do norte lucense resulta probablemente, o lacértido máis abondoso. De feito aparece desde o nivel do mar nesta provincia ( e no extremo Norte coruñés)

 En total vin 8 adultos e un xuveníl de I. monticola.


 Tardou en aparecer, pero despois de varias horas de prospección localicei a primeira Lagartixa da Braña (Zootoca vivipara), unha lagartixa de hábitat e distribución moi restrinxidos no noso país. De todas formas nos últimos anos avanzouse moito no coñecimento das súas poboacións, pero a instalación de tantos parques eólicos nos mellores montes galegos tivo que afectar tremendamente a éste e a outros hérpetos, pola masiva destrución de brañas e charcas.

 Finalmente observei tres exemplares de Z. vivipara. Poño unha foto dun macho que saquei hai dous anos na mesma braña. Todos os hérpetos fóron observados nas coordenadas anteriores, agás unha das Viviparas, que foi en (0619  4812)


 Espero que desfrutárades o paseo por aqueles montes. A pesar der todo, aínda queda moito que ver por aló.

   Ata outra.


12 comentarios:

  1. Moi boa entrada Xabi, gustóume moito.
    O dos eólicos é unha peniña.
    Saúdos
    Paco

    ResponderEliminar
  2. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  3. Fermosa a entrada Xabi, dende logo coíncido contigo nesa preferencias polo palmeado é moi guapo.
    A lagartixa das brañas... un luxo, eu tamén a vin polo xistral, pero pola coriscada e a faladoira aínda nunca a din visto igual con sorte este ano...
    Un saúdo Xabi.
    Toñito

    ResponderEliminar
  4. Únome aos parabéns pola entrada.

    Tamén polo novo aspecto do blogue.

    Apertas,
    Damián

    ResponderEliminar
  5. Graciñas aos tres. A verdade é que hai lugares onde resulta máis doado escribir entradas bonitas, como a montaña, os vales de Ourense ou Villafáfila. O Complicado é sacar unha entrada atractiva nun eucaliptal de Ferrolterra...

    Para Toñito, non sei se tes o novo Atlas de hérpetos da SGHN. Nel aparecen as novidades na distribución da Z. vivipara e, a modo de nota breve, unha mención ao descobrimento de última hora desta sp na provincia da Coruña. En concreto no concello de Mañón.

    Se queres podo darche algún consello para localizala. Escríbeme ao persoal (xabi.prieto@yahoo.es)

    Unha aperta aos tres.

    ResponderEliminar
  6. Non teño o atlas, soupen da cita por un artigo no boletín da AHE,movinme pola zona pero de momento nada.
    Mándoche un correo xabi.
    Toñito.

    ResponderEliminar
  7. Parabéns Xabi, que boa entrada, lembráchesme tempos mozos nos que lle daba máis os herpetos na compaña dos colegas da época.
    Saúdos
    Marcos

    ResponderEliminar
  8. Bueno, Marcos, é que pola Coruña tes uns compañeiros de "quinta" que... mamaíña querida (Pedro, Souza, Carregal, Monteagudo...buf!!). Con esa xente non me estrana que tiveses unha visión ampla da observación.

    Sempre pensei que cando ún empeza moi novo nisto da Natureza, o máis habitual é aprender primeiro de campos como a herpetoloxía ou a entomomoloxía. Por un motivo obvio. Para un rapaz de doce ou trece anos resultará máis asequible coller un Escáncer ou unha Píntiga que identificar un ave sen prismáticos. Fíxate que a mioría da xente que se inicia de maior empezan directamente pola ornitoloxía(traballo=diñeiro=ópticas). Pero a maioría dos que empezamos sendo nenos lle damos a todo. Sempre me pareceu que é así.

    Un abrazo e graciñas pola visita.

    ResponderEliminar
  9. Xabi, lo de las salamandras vivíparas do Xistral, ¿es por la zona o por vivir sin agua?. Detrás de mi casa (concello de Portomarín) encontré una en una carballeira, y el regato más próximo está a varios centenares de metros. Tras leer una entrada de David en su blog naturalezacantabrica pensé que "mi" salamandra sería también de las vivíparas...

    ResponderEliminar
  10. Olá Toño:

    Ben, por falta de auga non será (porque no Xistral hai máis auga que eólicos..). Polo artigo de Galán, que acabo de repasar, os episodios de viviparismo danse nas poboacións máis norteñas de Galiza, correspondentes ao "fenotipo" S.salamandra bernardezi. Pero observa tamén viviparismo nas píntegas das Illas Ons, que corresponden á subsp "S.s. gallaica".

    Pero, en principio, as residentes no centro-Sur de Lugo serían todas "ovovivíparas", é dicir, que paren larvas acuáticas (con branquias) que botarán varios meses na auga ata acadar a metamorfose.

    Outra cousa, Toño. Estes bichos, aínda que non teñan ás, móvense máis do que pensas. Ademáis hai moitos pequenos pontos de auga que a nós se nos pasan completamente (pequenos charquiños, regatos, pozas cubertas de salgueiros,..) pero que lles serven perfectamente para realizar as postas e completar o ciclo.

    Unha aperta e moitas grazas pola visita.

    ResponderEliminar
  11. Ola:

    A carqueixa (Pterospartum tridentatum) é unha leguminosa de flores amarelas e se aparece nun ambiente húmido ou turboso, entón non se trata de tal ambiente.

    Como este erro hai máis nos seus comentarios.

    Penso que os textos quedarían moito máis lucidos se confirmara que o que aparece nas fotos é o que a vostede lle parece que é.


    Atentamente,

    Manuel A. Rodríguez Guitián.

    ResponderEliminar
  12. Veño de comprobar na guía de Xosé Ramón García e, efectivamente o nome de "Carqueixa" fai alusión a Pterospartum. Obviamente a pranta das fotos é Calluna vulgaris, así que ímola deixar simplemente con nome científico, xa que (entendo) a palabra "carqueixa" non se correspón con este taxón. Agora mesmo parece que teño problemas para editar esa entrada (é moi antiga) pero en canto poda hei modificar o texto.
    Coma teño comentado en numerosas ocasións a miña bibliografía e coñecimento naturalista é bastante xeral, así que en campos coma botánica ou entomoloxía estou exposto a moitos erros. Así que agradécese especialmente a corrección por parte dos expertos coma é teu caso.
    Se pode indicarme qué outros erros hai poderei corrixilos (en canto me permita o carallo este de blogger).
    É unha honra a visita a este humilde blogue por parte dun dos precursores do movimento naturalista en Galiza coma é vostede. Moitas grazas por comentar.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos