Seguidores e seguidoras

sábado, 3 de marzo de 2012

Mazaricos mouros na Frouxeira

     Se hai dous meses a lagoa da Frouxeira era triste noticia pola esaxerada crecida das súas augas, agora o problema é o seu baixo nivel. Eu fun moi crítico cos defensores daquel asolagamento, porque consideraba que era moi prexudicial. Como sempre dixen, os cambios bruscos de nivel penalizan moitísimo o asentamento de comunidades vexetais e animais. Porque iso é o auténtico problema que ten A Frouxeira, na miña opinión.

 A canle de desaugue non funciona como debera. As profundas transformacións sofridas na barra dunar durante as extracións masivas de áridos (anos 50-70) e no propio leito da canle (anos 2003 e 2008) han ter moito que ver nisto. Hoxe en día a entrada das mareas coas preamares apenas ten incidencia. Porque hai tan só dez ou vinte anos, as preamares enchían con forza A Frouxeira, cobrindo a miúdo o areal cunha lámina de auga. Sen embargo, dun tempo apara acó, o nivel adoita estar sempre moi baixo, algo que de manterse no tempo, provocará unha severa diminución na comunidade de aves nidificantes este ano.

 Podemos dicir logo, que a canle ten un problema de "colesterol" (para entendernos...). Por culpa nosa a dinámica actual está moi alterada, e a canle non funciona ben. Dubido moito que nos anos 40 se desen estes cambios tan brutais nos niveis da lagoa (baixou dous metros en dúas horas na última apertura de Xaneiro).  Penso que nun caso así o obrigado, o sensato, é unha intervención "médica" para eliminar este colesterol malo, ou sexa restaurar a canle e a barra dunar ao estado anterior á crise do Prestige, retirando as areas e pedras que acabaron por estragar a lagoa. Nesta liña vai a última reclamación que fixemos desde a SGHN-Ferrol. 

 Non obstante, cando a lagoa está tan baixa, resulta moi fácil a observación das aves. Hoxe o ambiente estaba animado. O máis interesante foi:

 - 17 Mazaricos mouros (Plegadis falcinellus). Como soe pasar en anos de seca no Sur peninsular, sempre se deixan ver aves pouco frecuentes por latitudes norteñas. Este ano semella o ano dos Mazaricos mouros, que están a aparecer por toda Galiza en pequenos grupos.


 O nome galego despista un pouco, pois esta especie é realmente un Ibis, esa familia emparentada coas Garzas que inmediatamente asociamos con África. Aínda que vistos a distancia certamente parecen mazaricos moi escuros.


 De cerca, son aves moito máis chamativas. Grazas ao traballo impagábel de Antonio Gutiérrez (o mellor observador de anelas na Comarca) sabemos que estes Ibis teñen procedencia andaluza. Probablemente proveñan todos eles de Doñana, que debe estar padecendo unha seca atroz este inverno.


  Deixando ben patente a súa proximidade taxonómica coas garzas, non paraban de pescar pequenas Anguías (Anguilla anguilla) na ribeira areosa da lagoa.


  Pero a forma do seu bico semella máis deseñada para outro tipo de capturas. Sei por experiencia o sumamente esvaradiza que resulta unha anguía viva nas mans (escúrreseche das máns coma se tivese aceite!)


 Por momentos pensei que este Ibis perdía a súa presa.


   Menos mal que lle caeu en terra e puido recollela de novo. Bueno, "menos mal" para o Ibis, se entende... (a anguía non pensaría o mesmo)


 En plena voráxine "angilicida", unha Gaivota chorona (Larus ridibundus) apareceu por alí como quen non quere a cousa.


  Este Corvo pequeno (Corvus corone) parecía ter as mesmas intencións..


 A máis decidida foi a Gaivota, que non o pensou demasiado e se botou a polo botín!


 Non me quedou claro cómo acabou o conto, porque estiveron longo rato revolvendo na auga cazador, presa e parásito.


 Desde logo foi unha observación ben exótica, que merecía un "especial" neste blogue. Seguimos..


 - 1 Cullereiro (Platalea leucorodia) en plumaxe nupcial.


- 7 Patos asubiadores (Anas penelope)

- 3 Patos rabilongos (Anas acuta). Por fin puiden sacar algunha foto decente a este elegante pato..




- 31 Patos culleretes (Anas clypeata)



- 124 Cercetas reais (Anas crecca). Supoño que polo medio contei a de Carolina que anda estes días na lagoa.


- 58 Patos frisados (Anas strepera). Non censei os Alavancos (Anas platyrhynchos) que nestas datas andan xa  preparando os lugares de aniñamento ou quizá coidando xa das postas.

- 1 Pato cristado (Aythya fuligula). O resto dos patos mergulladores (xénero "Aythya") xa marcharon.

- 55 Galiñolas negras (Fulica atra). Pouco a pouco o seu número irá decrecendo. Probablemente non quedará ningunha parella para nidificar este ano.


- 1 Águia pescadora (Pandion haliaetus). Pescou un Muxe (Lisa sp) na parte SW da lagoa.


  É todo un privilexio poder contemplar esta rapaz. Hai uns anos resultaba moi rara de ver pola comarca de Ferrol, pero agora xa é un visitante regular nos pasos e durante a invernada.


 Ún dos síntomas máis evidentes da inminente chegada da Primavera é a aparición das primeiras follas dos Salgueiros (Salix atrocinerea).


 Nestes días de finais de inverno, tamén aparecen as flores do Salgueiro.


 A outra especie leñosa que forma o bosque de ribeira é o Ameneiro (Alnus glutinosa), que tamén está en flor. As flores femininas teñen semellanza con pequenas piñas en miniatura..


 En fin, que vén a Primavera na Frouxeira.

20 comentarios:

  1. Pois si que son fotos ben cucas, as que máis pra o meu gosto as das anguías...compréndese que coa farta de peixe de luxo- Frouseira calidade- que se están a dar se queden unha tempadiña con nós. Síntoio polas anguías, que de seguir a seca tamén por acó han de ter moi poucas oportunidades de fuxir.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  2. Entendo aos "Mourinhos", Rafa. Probei unha vez unha cazolada de Anguía e estaba realmente exquisita. O lugar, por certo, era nada máis e nada menos que o Delta do Ebro. Iso si, metéranme un bon clavo por aquela media ración (con tanto alemán como hai no delta, os prezos tamén eran "alemáns"...)
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Pueg! A mi me parece una carne muy fuerte y aceitosa....según gustos!:)

    Bonitas y elocuentes fotos Xabi. Qué grande parece la gaviota...engañan esos Moritos, eh?

    Por aquí también se están yendo la Fochas a toda pastilla..nunca las he visto largarse de día (ni llegar) por lo que sospecho que lo hacen con nocturnidad. Lógico, dada su torpeza al volar...pienso yo.

    ResponderEliminar
  4. Opa, Mikel:

    En mi defensa debo alegra que, en aquella época, un servidor era lactovegetariano. Quizá eso, o bien el "colocón" derivado de la masiva intoxicación por aves que se padece en el Delta, podrían ser la causa de mi "enajenación mental gastronómica".

    Por cierto, vaya observación esa de vuestroblog, con 100 Milanos negrosa en migración! Parece una fecha unpoco precoz.

    También me ha llamado la atención el tema de la Salicornia (Salicornia a secas, coño! tanto lío coas subespecies....). A uno, que es de costa, le sorprende ver esa planta en lugares de interior.

    Seguimos vigilando la Balsa de Zolina.

    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  5. Parabens Xabi,

    cada vez son mellores as fotografías, e moi boas observacións.
    Tamén quedei con ganas de comentar as tuas boas entradas de Villafáfila e o Xubia. A este dous sitios apetece ir, un nos queda mais a mán que outro, pero todo se andará.

    Apertas,

    Juan

    ResponderEliminar
  6. Grazas, Juan:

    Faise o que se pode..

    E Villafáfila é como a Meca. Hai que ir alí aínda que sexa unha vez na vida. Se che cadra a mediados de Abril ou Maio, nin o dubides. Vas flipar.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  7. Noraboa Xabi,son fotos moi espectaculares,gustoume moito de verdade.UNsaudo,Jorge.

    ResponderEliminar
  8. Graciñas, Jorge. A verdade é que tiven moita sorte cos Ibis. Por una parte os bichos estaban moi cerca da pista. E por outra a luz era bastante boa.
    Nalgún blogue da columna da dereita hai fotos mellores dos Ibis (Gaivotas e anillas ou Ferrolterra natura)
    Ata mañá.

    ResponderEliminar
  9. Parabens Xabi estupendas fotos as dos mazaricos.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  10. Moitas grazas, Marcos. Pero é que realmente estaban moi "a huevo", de verdade.

    De todas formas non sei que fixen ao cambiar a "plantilla" do blogue que as imaxes vense agora bastante pior que na plantilla anterior (a de fondo negro). Fíxate por exmplo no mapa de Pedroso, que apenas se distingue nada, e antes se vía moi nítido! E xuraría que non modifiquei o tamaño das fotos.
    Esta fin de semana vou meter outra entrada, e intentarei solucionar iso.
    Graciñas pola visita.

    ResponderEliminar
  11. Ola Xabi. Xa cho comentei por email, pero quería deixar constancia "pública" no blog: as fotos parécenme espectaculares, e a entrada en sí, tamén. Noraboa polo traballo e o que sempre nos ensinas no blog. Apertas.

    ResponderEliminar
  12. Pois qué queres que che diga, Quique...Sigo pensando que agora as fotos perderon calidade.

    Mañá vou facer unha entrada sobre O Xistral, e xa vos contarei todo o o lío éste das fotos.

    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  13. Hola Xabi, no te preocupes que las fotos están bien, pero lo más importante es el documento y, este es inmejorable.
    Envidia me da no poder estar por ahí.
    Jose

    ResponderEliminar
  14. Graciñas, José. O das fotos creo que xa o solucionei.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  15. Xavi, atopeinos de novo. E non te vas creer onde andan.
    Ponte en situación, beira de estrada xeral e prado, zona húmida mais cercana a 1 km.
    Están en Pedroso, no límite con Sedes, a man esquerda pasado o Matadoiro de Cantalarrana.
    Estes bichos son a leche ¡¡¡
    Esta semana xa me comentou un colega cazador que había ''pampos de maio'' (así é como se coñecen os mazaricos na zona) nesta pradeira. Para mín era algo cedo,así que hoxe de volta de pesca achegueime.
    O que non sospeitaba era que eran os mouriños. Non daba creto cando os vin.
    Se necesitas mais aclaracións para achegarte chámame ó tel (687717158)

    ResponderEliminar
  16. Olá Eloi:

    Con estas aves a min non me sorprende xa nada. Hai anos houbera outra pequena "invasión" e ata se pasaran polo encoro das Forcadas.

    Por certo, os "Pampos de Maio" deben ser os Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus), algo máis pequenos co real, e moi abondosos precisamente no mes das flores. Interesante ese nome que comentas.

    E como tí es pescador quero aproveitar para informarte de que desde a SGHN vamos apoiar a reclamación de Adega para que se atrase un pouco a temprada de pesca. O motivo, que ti coñecerás mellor ca min, é a seca e o baixo nivel dos ríos. ¿Qué opinas?
    O ano pasado fixéramos o mesmo cando unha vaga de lumes arrasaran os montes ourensás. Daquela solicitáramos a prohibición temporal da caza nos terreos afectados e nas súas inmediacións. Pois nestas circunstancias os danos á fauna son moito maiores

    Unha aperta e graciñas por comentar, como sempre.

    ResponderEliminar
  17. Pois vouche ser sinceiro. Paréceme unha putada ¡¡¡
    En todo caso pedide que ata que se resolva a seca, que a única maneira de pescar sexa con captura e devolución, ou sen morte.
    Paréceme inxusto que a xente que non extraemos peixes do río sexamos penalizados desta maneira.
    Ademais tendes que entender que con augas baixas a mellor gardería do río son os pescadores. Analiza e verás que sempre somos os pescadores os que detectamos os contaminantes ou o furtivismo durante o vrao.
    O dito contemplade como opción a pesca sen morte. De non ser así poidoche asegurar que terás a oposición frontal de todo o coelctivo. Se quedamos no río os conservacionistas, polo menos algo axudaremos a vixiar. E mais cando a gardería estará 100% nos incendios.

    ResponderEliminar
  18. Pois paréceme mi importante iso que dís, Eloi. Non reparara na posibilidade da pesca sen morte (entendo, por certo, que é a que ti practicas).

    O comunicado de Adega-SGHN penso que xa saíu. Pero a partir de agora terei iso en conta e o poñerei "encima da mesa" se teño ocasión cos compañeiros da SGHN. Douche a miña palabra.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  19. Pois agradézoche moito que teñades en conta esta opción polo que che comentei mais arriba.
    Mira eu habitualmente pesco sen morte, o que non quere decir que de cando en veces non sacrifique unhas troitas (2-4) para miña nai, que é a única da casa que lle gustan, un reo ou algún salmón.
    O tema está en que os probelemas reais dos ríos non son os da pesca afecioanda, senón de caudais e calidade de augas. Nin vos nin nos os pescadores podemos enganarnos de enemigo. O noso son os Villarmires que pupulan pola Galiza adiante.
    Con isto quéroche dicir que con non pescar non imos arreglar gran cousa. Posiblemente se pescamos sen morte fagamos menos mal e por isto penso que hai que convencer á xente que esta é a mellor opción. A maneira é dándole avantaxesó que volta as troitas ó río: Tempadas mais longas, mais zonas de pesca SM, poder pescar en vedas temporais, etc
    Educar e convencer, non impoñer. Esa é a clave.

    ResponderEliminar
  20. Coincido contigo en liñas xerais. Aínda que a experiencia me dí que, co persoal que temos, ás veces semella imposíbel educar, non quedando máis remedio que sancionar. Capítulo éste que está en cernes no noso país.
    Casos coma ti son os menos. Coñezo moitos "cazadores" na Bazán, pero só un cazador de verdade, co que se poda falar.
    Son moi escéptico coa conciencia do galego... qué queres que che diga. Hai moito depredador insensato por estas terras e ríos.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos