- FAISÁN.
A primeira ahora realicei os transectos habituais polos prados de Taraza, en Meirás, pois este ano quero facerlle un seguimento ás Folosas pintadas (Locustella naevia) que anidan na zona, e iso inclúe averiguar as datas de chegada. Por agora nada, pero si puiden sorprender un fermoso macho de Faisán vulgar (Phasianus colchicus).
A Primavera é a estación na que resulta máis doada a súa detección, sobre todo grazas ao seu reclamo territorial (un "coo-oor-coc" moi gallináceo). A de hoxe foi a primeira observación logo de inverno, época na que parece que os tragase a terra, polo difícil que é observalos.
Faisán vulgar (Phasianus colchicus), macho
Na comarca de Ferrol o Faisán conta con varios núcleos reprodutores bastante estábeis, moitas veces asociados a zonas húmedas e compartindo, curiosamente, o mesmo hábitat que a Folosa pintada. Resulta intrigante qué pode levar a dúas aves tan diferentes a compartir requerimentos de hábitat, pero así é: os lugares onde teño detectado a presenza da Folosa (prados de Doniños, Valdoviño ou no val de Moeche) son case coincidentes cos do Faisán. Vai ti saber...
- ÁGUIA PESCADORA. Pois hoxe non vin unha, senón as dúas que xa observara Eloi en Forcadas! Unha delas era adulta, a outra non o teño claro (fáltanme guías "top" para identificación). Pero o máis interesante foi o seu comportamento. Fóronse xuntiñas pola praia e tomaron dirección cara uns cantís mariños. Intentei seguilas no coche a toda pastilla, pero as perdín. Insisto en que debemos estar moi atentos con esta especie.
- BUBELA. Pois outra nova foi a observación a curta distancia dunha Bubela (Upupa epops), ave que na zona aparece só no paso primaveral. Atopeime con unha, dentro dunha finca particular sitada entre casas.
Até hai pouco a Bubela debeu ser ave reprodutora na aldea ferrolá de Liñares, un lugar con certo carácter mediterráneo no que a fauna se refire, e inzada de muros e casas de pedra. Pero hai anos que non a vexo por alí.
Bubela (Upupa epops)
- FALCÓN COMÚN. E xa postos en faena, achegueime tamén a unha furna na que teño documentada a cría do Falcón alomenos desde o ano 1988. A verdade é que quería afotar o Merlo azul (Monticola solitarius), que non vin. Ún dos falcóns veu por alí para saudar. O outro chiaba desde o emprazamento do niño probablemente (hoxe non quixen achegarme moito, pero parece que volve a ser o dos anos oitenta). Como comprenderedes non podo revelar o lugar exacto do niño, "por motivos de seguranza".
Cada vez que estás diante dun niño desta auténtica xoia da nosa Natureza, sínteste un privilexiado. Sobre todo por veren cómo se conserva este territorio de cría co paso dos anos.
Falcón común (Falco peregrinus)
Pola costa, apareceron tamén outros habitantes típicos, como unha parella de Choias (Pyrrhocorax pyrrhocorax) e outra de Corvos (Corvus corax), Lavercas (Alauda arvensis), Corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis), Gaivotas patimarelas (Larus michahellis),... Pero as catro especies citadas anteriormente cobraron hoxe especial protagonismo, sen dúbida.
Acantilados típicos de Valdoviño
Espérovos na Lastra.
Unhas fotos preciosas...¡encántame a bubela! E non sabía que había faisán por aló...todo un descubrimento para min...
ResponderEliminarPois así é, Inés. Na (escasa) bibliografía que posúo o Faisán aparece sempre como un ave introducida con poboacións reprodutoras moi cativas no contexto español. Sen embargo, na nosa zona eu considéroa, de facto, un "ave autóctona". Vexo que se adaptou moi ben e quexa forma parte do ecosistema e, aínda que non coñezo nada da súa biloxía (danos noutras especies por predación ou competencia)penso que foi un efecto máis positivo que negativo. Polo menos os Azores do lugar han saber agradecer o detalle.
EliminarNon hai moito, Pepe Vidal comentaba no foro de Galiciaves a observación de exemplares nestes prados de Taraza, e se cuestionaba que fosen exemplares reprodutores. Sinceramente, pareceume bastante mal que se dubidase da súa palabra, pero é o pan de cada día para os que non temos nin "curriculum" nin "publicacións".
Unha aperta
Boas Xabi,
ResponderEliminareu atopeinos preto da aula da natureza do Tamuxe, e coido que outra vez na estrada Santiago-Vilalba, pero non e unha especie que teña visto moito. Enciña da Lastra, non e mal plan, espero que non chovera moito, porque aqui..
Cesar Ayres
Pois apenas choveu na Lastra (por iso fun ata alí). Empezou mal pero acabou sendo unha visita.."apañadita". Xa o verás hoxe mesmo.
EliminarCon respecto ós faisáns sabes que vivín moito tempo en Atios e aló tamen había un núcleo reproductor bastante asentado a pesar dalgún cabrón (non da especie Capra aegagrus hircus ou cabra doméstica, senón dos outros) que se adicaba a foguealos dende o balcón da casa en plena veda e dentro dun refuxio de fauna.
ResponderEliminarImaxino que este núcleo se expandeu cara a Taraza no seu día.
Por certo e xa que falas da coincidencia dos hábitats coa folosa. Que saibas que un grande núcleo desta especie témolo no nosos TECOR na parroquia de Sedes, en torno á eirexa de Santiestevo de Sedes. Ó mellor váleche de algo a pista.
Alégrome de que apareceran por fin xuntas as dúas pescadoras. Hoxe non andaban pola tarde por Forcadas.
Terei que achegarme logo por Sedes, non vai ser que soe a flauta. De todas formas algunhas desas coincidencias que mencionaba dábanse nos anos oitenta e noventa, pero hoxe en día a Folosa desapareceu, ou polo menos eu non a detectei, en lugares onde era frecuente (Moeche, Doniños, San Xurxo,..). Para que te fagas unha idea da escaseza actual deste paxariño, ademáis da poboación de Taraza-lagoa, só coñezo outra cita con indicios de cría (por Mondoñedo, creo) en toda Galiza!
Eliminar