Río Eo ao seu paso por Abres
Estamos en Marzo, ergo, na "operación saída" para os Sapos comúns, que estes días morren por milleiros atropelados nas estradas que bordean os nosos ríos, mentras intentan chegar aos seus lugares de freza. Ás veces podemos atoparnos densidades elevadísimas de sapos mortos en certos tramos asfaltados.
Sapo común (Bufo bufo) esmagado na estrada
Aproveitando a chuvia, buscaba anfibios activos, ao abrigo das herbas da ribeira. E, cando esperaba máis ben outras especies, sorprendín esta Rá verde, media atontada polo frío.
Rá verde (Rana perezi)
Nunha canle tres Tritóns comúns pelexaban por conquistar unha femia (a da esquerda da foto). O macho da parte superior parece o máis espabilado.
Pintafontes comúns (Lissotriton Boscai)
A seguinte imaxe lémbrame a paisaxe que vin en dúas fotos tomadas a principios do século pasado en Pontedeume e Viveiro. Así era o noso litoral!
Áreas de prado próximas a Vegadeo (Asturies)
As diferentes xunqueiras da ría interior varían segundo a salinidade e a maior ou menor influencia mareal. Hai canaveiras de Phragmites australis, xunqueiras de Scirpus spp, Juncus spp e Spartina sp. Atopei algunhas pequenas extensións de Typha latifolia, e unhas áreas moi boas de Cladium mariscus, como éstas que aparecen en primeiro plano.
Nesta canaveira pareceume escoitar o canto dunha Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), pero non puiden confirmalo. A verdade é que teño o oído un pouco atrofiado.
Ben, en canto escampou puiden sacar as ópticas. E o primeiro que enfoco, zas!, unha Lontra alimentándose no intermareal do "Muro das Lamas". Que conste que, así de memoria, penso que é a miña primeira observación da especie aquí.
Lontra (Lutra lutra)
Outras cousas de interese que vin na ría fóron:
- 1 Mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis)
- 1 Garza branca (Egretta alba)
- 1 Cullereiro (Platalea leucorodia)
Garza branca (Egretta alba)
Cullereiro (Platalea leucorodia), xoven
- Alavancos (Anas platyrhynchos). Non detectei xa ningún Asubión (Anas penelope) nin Rabilongo (Anas acuta)
- Unha parella de Patos bastardos (Aythya marila). Poño unha "foto" testemuñal (era moita distancia)
Parella de Patos bastardos (Aythya marila)
- 14 Pentumeiros (Melanitta nigra)
- Unha Águia pescadora (Pandion haliaetus). Ésta é a pescadora máis famosa e polémica do mundo mundial, podedes crerme...
Águia pescadora (Pandion haliaetus)
- Un Rascón (Rallus aquaticus). Detectado polo reclamo.
- 3 Gabitas (Haematopus ostralegus)
- 15 Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola)
- 4 Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus)
- 7 Mazaricos reais (Numenius arquata)
- 4 Biluricos comúns (Tringa totanus)
- 1 Bilurico escuro (Tringa erythropus)
- 41 Biluricos claros (Tringa nebularia)
Bilurico escuro (Tringa erytrhopus)
Biluricos claros (Tringa nebularia)
Logo achegueime ata a famosa Charca de Rinlo, a meca das rarezas pola costa norte galega. Recei para non atoparme con ninguén coñecido (sempre podería dicir que andaba buscando anfibios).
Charca artificial de Rinlo
A charca ten moi boa pinta, aínda que non observei ningún anfibio; e agora falo en serio. A priori reúne unhas condicións bastante boas para a reprodución de rás, sapos e tritóns, pero sorprendentemente non vin nada.
De aves, pois 6 Patos culleretes (Anas clypeata) e un bando de 6 Virapedras (Arenaria interpres) foi o máis noticiable, neste lugar tan propenso a novidades extraordinarias. Ún dos virapedras mirou o reloxo, veu que era a preamar e marcharon todos para o correspondente reposadoiro mariño.
Virapedras (Arenaria interpres)
Por último encontrei esta pequerrecha baixo unha pedra. Poucas veces teño observado este padrón cromático (manchas pequenas e máis alaranxadas do que semellan na foto). No sei se pode corresponder con fenotipo S.s. bernardezi puro ou non. Iso queda para ti, Martiño. Tiña o GPS sen pilas, pero seguro que ti has ter as coordenadas da famosa charca. Se non mírochas eu no mapa.
Píntega común (Salamandra salamandra) xuveníl
E, por suposto, esta entrada quero adicarlla a Enrique Sampedro, por motivos obvios (Ría de Ribadeo). Aínda que non poda volver pola terra todo canto el quixera. Un abrazo Quique!
Vexo que estiveches no MEU río de salmón.
ResponderEliminarUn par de apuntes.
A primeira foto que é augas arriba da pasarela do refuxio de pesca, en Xesteira?
Outra mais. Non sei quen preguntaba o outro día polas londras do Eo. Como se pode ver están centradas case de seguro nas lampreas como decía eu. Estes primeiros días no intermareal porque no Eo teñen entrada tardía, pero dentro de pouco (20 días) estarán a tope dándolles cera no río
Je, je, imaxinaba que che había gostar a entrada, Eloi, coma bon pescador que és. Eu acordeime moito de ti por aló. Houbo un momento en que mesmo imaxinei observar un Salmón...que finalemente non era senón un triste Muxe.
EliminarEfectivamente, a primeira foto é xusto augas arriba da pasarela colgante. E o que preguntaba polo das Londras no Eo era probablemente o meu bon amigo Quique Sampedro que, en breve, há de aparecer por aqui.
A desgraza é que non vou poder pescalo ata Maio.
ResponderEliminarTemos dúas administracións (galega e asturiana, que pra fodes ó pescador si que se poñen de acordo) que se lles enche a boca coa pesca sustentable, pero que en vez de permitir un inicio de tempada de pesca con captura e devolución, prefiren ter ós pescadores na casa.
En Asturias por exemplo a tempada abreu a semana pasada, sen poder matar os salmóns, e soamente se poderán coller sen restriccións a partir de Maio, e iso si por un período curto e cun cupo anual de 3 peixes por pescador.
Eiquí non, perfiren ternos no dique seco ata Maio.
Haberá logo que esperar para ir visitar esa marabilla que é o Eo. E como non, para tomar uns jarrillos cós amigos en Amaido
Boas Xabi,
ResponderEliminaro das pintegas alaranxadas poderia ser "recen saida de fabrica", as veces os metamorficos teñen unhas cores diferentes. Os sapos cara a auga en Marzo?, non e cando saen os metamorficos? ai non, que o Sur tamen existe en Galicia..
Cesar Ayres
Fermosa entrada Xabi. Qué che vou dicir, si estabas no lugar máis bonito do mundo... je, je, je. Agora en serio, as fotos son unha pasada. E vaia o que che cundiu a xornada. Qué mogollón de sitios e especies viches nun só día.
ResponderEliminarUnha puntualización, sobre a pescadora, creo que esa non é a famosa "Panchita". Si te fixas, non ten anela. "Panchita" anda xa por terras francesas, segundo as miñas informacións. Esa probablemente sexa o outro exemplar invernante que había este ano na ría.
En fin, que non fixeches máis que porme os dentes largos. Por sorte, en tres días estarei eu mesmo por aló.
Unha aperta e moitas grazas pola dedicatoria. Fíxome moita ilusión ver esta entrada : )
Grazas aos tres:
ResponderEliminarEloi: coidado cos jarrillos, que logo a troita de 300 gr dicimos que pesa catro quilos...
César: Pois podía, podía. Cativa era a máis non poder e por medidas ben podía ser un metamórfico (as datas cadran,... "má o meno")Pero as explosión de metamórficos de B.bufo non será antes de finais de Xuño por estas terras, meu amigo meridional.
Quique: Foi un pracer.
Un abrazo.
Ah, por certo, Quique, agora xa fago sempre fotos en RAW, e iso nótase...(unha vantaxe da SX50...)
ResponderEliminarE tanto que se nota. Quedei impresionado coas fotos, que moitas delas sei desde onde están sacadas, e podo comparalas coas que sacaría eu coa miña cámara. Mellor no facer comparacións...
EliminarPor certo, acabo de enlazarte no Facebook do meu blog, así que si tés algunha visita por esa vía, xa sabes de ónde ven ; )
Pois xa notei un incremento de visitas do Facebook famoso (non o crerás, pero eu nunca entrei nin en Facebook nin en Twiter!!)
EliminarE o do RAW nótase, pero tés unha maneira para mellorar a calidade das fotos que seguramente non usas. E iso non é senón algo tan clásico coma un trípode. Antiguamente os fotógrafos non lles quedaba outra, por culpa da baixa sensibilidade dos carretes. A partir de 400 mm de focal tiñan que montar a cámara en trípode si ou si. Agora temos estabilizadores de imaxe acojonantes, pero é que as nosas bridge equivalen a focais moi gordas (1000 a túa e 1200 mm a miña, creo). Así que non está de máis o uso do trípode para certas fotografías. A do cullereiro e a da lontra están feitas así.
Se pos o trípode, podes utilizar un ISO baixo e velocidades moderadas (1/250 ou 1/320 seg) co zoom a tope, mesmo en condicións malas de luz (as típicas de aqui, vaia). Se disparas a pulso tes que subir a unha velocidade moi rápida (1/500 e máis)ou aumentar a ISO, coa cal as nosas cámaras perden moito.
Intenta na mediada do posible non subir de, digamos, ISO 200 e velocidade 1/320 seg. Cantos máis baixos sexan estes valores mellores fotos farás (aquelas famosas dos gorrións no hospital creo que foran a 1/60 seg!)
Unha aperta
Por certo, as da píllara pequena tamén foron sobre trípode. Aínda non me pillei un disparador por cable, así que moitas veces uso o autodisparo con retardo de 2 seg.
ResponderEliminarMoitas grazas polos consellos Xabi. Poreinos en práctica, e seguro que o notarei moito. Eu nunca uso trípode, e lóxicamente, ten que notarse. E tamén probarei cos valores que me das. Sigo tirando as fotos en automático, por pereza, e claro, así tampouco podo ter resultados óptimos. Vai sendo hora de comezar a probar en manual.
EliminarQue disparabas en automático xa mo imaxinaba (eses brancos sempre queimados son o resultado da diagnose da cámara que marca un balanzo de brancos de 0,0, que está moi ben para paisaxes, pero que mata calquera foto de gaivotas, garzas ou calquera bicho que teña branco un día de sol)
EliminarEu son partidario de esforzarse un pouco nese sentido, por respecto aos nosos seguidores. E niso estou.
Boas,
ResponderEliminarCando son tan pequechas non teñen moi ben formado o patrón de coloración. Ademais, por esa zona hai citas de individuos de tipo gallaica, que complica máis a cousa. Estamos a traballar nese tema das subespecies de píntega pero a zona é complicada xa que ten zonas bastante degradadas (ou prados tochos ou escaliptos asquerosos). A ver se nesta primavera lle damos bastante caña para aclarar este tema por que hai cousas bastante raras.
Unha aperta,
Martiño
Por certo, cal é esa charca artificial? Hai unhas nesa zona pero non me parecen tan grabndes como a da foto. A ver se me pasas as coordenadas, plis.
EliminarMartiño
Acabo de mandarche un mapa escaneado coa localización da charca famosa. Por certo, dado que na mesma vila de Rinlo atopamos varios B. calamita, penso que esta charca tamén podería ser un ponto de reprodución para a especie (ten amplas zonas de augas someras e moita pedra nas inmediacións). A parte leste e sul é máis fonda, e presenta maior vexetación acuática. O resto ten un fondo bastante limpo e con moitísima pedra. Non me metín na auga, pero só detectei unha especie de molusco moi pequeno, moi abondoso no fondo todo.
EliminarEncantame este blog.
ResponderEliminar