Seguidores e seguidoras

domingo, 10 de marzo de 2013

Podiceps nigricollis en plumaxe nupcial

  Tocaba xa facer unha entrada en inglés, pero o escaso tempo de que dispoño últimamente para publicar obrígame a obviar certos elementos que me supoñen una maior esforzo para editar as entradas (apartado musical, edición en RAW, etc..). Así que, por non ter que recorrer ao dicionario, vouna facer no máis doado para min.

  Co temporal de SW que estamos a ter estes días por Galiza, ocorréuseme que a ribeira Sul da ría de Ferrol podería ser un bon sitio para visitar hoxe. A posibilidade de fotografar a varias aves mergulladoras coa súa plumaxe nupcial pareceume motivo dabondo para desprazarme até Maniños e Fene. As Mobellas (Gavia immer) non as vin, máis si puiden pasar un bon rato co noso invernante máis característico: o Mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis). 


  Ao longo do inverno, esta especie parece que foi cambiando de preferencia nos seus lugares de alimentación na ría. Se nas primeiras semanas da invernada, o grupo principal escollía habitualmente augas de Barallobre-Maniños, pouco a pouco fóron desprazándose cada vez en maior número cara o peirao do Seixo, xa en Mugardos. Hoxe estaban todos aló (non os contei, pero poderían ser perfectamente os 73 censados en Xaneiro)


 Houbo un momento en que o día parecía querer despexar, e algunha tímida raiola de sol permitíume retratalos con certa decencia. O emprego do trípode foi moi necesario, porque o vento que "petaba" non era cousa de broma.


  En principio, non conseguín identificar ningún Mergullón real (Podiceps auritus) polo medio deles. Esta rareza (perdón) foi case anual durante un tempo, aínda que agora levamos uns invernos sen saber del. Curiosamente, na seguinte foto hai un "personaxe" que aparece no medio do grupo correndo en sentido contrario do grupo. E, mirando a foto,... mmm, pois case que me parece que puidese ser un P.auritus (pola forma da cabeza). A ver se alguén ten as cousas máis claras ca min.


   Na nosa terra, o Mergullón de pescozo negro é un invernante claramente de costa, onde podemos atopar concentracións que en ocasión poden superar o centenar de indivíduos, coma por exemplo en Rianxo, en Ferrol e quizá en Ribadeo "anos há". Ata onde eu sei non aniña aínda por aquí. As localidades máis cercanas onde comprobei a súa reprodución foi na lagoa de La Nava (Palencia) e nas de Villafáfila (Zamora). Pode que na Terra Chá este mergullón puidese atopar lugares axeitados para intentar a cría. Estou a pensar en Riocaldo ou Cospeito. Ou tamén no lago artificial de As Pontes, que podería ser un sitio a vixiar nos próximos anos. Sería unha incorporación nova á avifauna nidificante galega.


  Por agora, quédanos contemplalo nas nosas rías, onde xa lucen a súa fermosa plumaxe nupcial.

 Que teñades boa viaxe de volta, mergullóns!

4 comentarios:

  1. ¡Qué pasada Xabi! Impresionantes fotos. En canto o do auritus, parecer paréceo, pero eu tampouco me atrevo a opinar. Déixoo para os expertos, que hai moitos por aí...
    Apertas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si que ficaron ben as fotos, Quique. Tiven moita sorte porque no momento en que máis se achegaban oa peirao foi precisamente cando as nubes deixaron un pequeno claro (que aproveitei para "acribillalos", lóxicamente)
      Tiña moitas ganas de collelos en nupcial. O meu próximo obxectivo deste tipo son as Mobellas. En Ortigueira téñoas visto mesmo ata mediados de Maio, co aspecto de cría completo, e son algo digno de verse desde logo.
      Unha aperta

      Eliminar
  2. POis iso que marcho mañá sen falta ao Seixo e a Maniños por ver se teño sorte e se me achegan ao porto e os podo disfrutar. Obrigado.
    UNha aperta

    ResponderEliminar
  3. Mira primeiro no Seixo, que é onde andan agora máis habitualmente (onte había forte SW).

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos