Seguidores e seguidoras

martes, 7 de xaneiro de 2014

A Frouxeira abreu. É hora de pedir responsabilidades

  Esta mañá pasaba pola ría de Ferrol para censar varias cousas importantes (aves mergulladoras e limícolas). Estaban todos os que tiñan que estar, así que arranquei pitando ata Valdoviño, ao enterarme pola prensa dixital de que a lagoa abrira espontáneamente onte a última hora.

 Ao chegar, encontreime con un auténtico "overbooking" no aparcadoiro. Entre o lamentable accidente de onte, cando unha onda brutal arrastrou unha familia en Punta Frouxeira, e a apertura do lago, aquilo estaba cheo de Guardia Civil, Policía, Televisión, Protección civil,...Desde aquí espero de todo corazón que atopen os corpos dos desaparecidos e, esperemos, que algún deles con vida.


  Ah, claro, polo medio tamén estaban os todoterreo dos"Vigilantes de la Playa":


   Imaxino que facendo algo....facendo... non sei...controlando...a ver....en fin...iso que fan sempre: nada.

  Primeira parada: trazado da canle aberta polos técnicos da Xunta, por terceiro inverno consecutivo. Resultado: o mesmo que nos tres anos anteriores. Non existe. O mar reclamou de novo o seu espazo e aquilo volve ser o que era antes.

 Ubicación da canle deseñada pola Xunta, completamente cegado polo mar

    Mirando en dirección Oeste, avistábase a desembocadura que a lagoa abreu espontáneamente onte. O lugar onde rachou a barreira de area é o coñecido e esperado por todos (por todos os que coñecemos aquilo, se entende).

 Desembocadura natural da lagoa na praia

  Recoñezo que, nun ataque de "enaxenación mental optimista" quixen ser positivo e, no seu momento, valorei con esperanza este novo trazado que fixeran os da Xunta. Parecía que quizá desta volta, e cun pouquiño de axuda mecánica, puidese consolidarse. Pero os técnicos non axudaron. Así que volta a empezar.

 E porqué non quixeron abrir a canle? Pois volo digo eu agora (iso non vai saír na prensa, pero eu estou aquí para informar).

 Penso que Medio Ambiente quedou preso dos seus propios tecnicismos. A catalogación de hábitats prioritarios e a sectorialización da barra dunar que se fixo no borrador do Estudo de conservación limitaron enormemente as actuacións das palas mecánicas, xa que non podían pisar hábitats prioritarios tal como foron catalogados. Vamos, que o acceso das escavadoras quedaba limitado a espazos de area non vexetada, a praia vaia.
 Non digo que me pareza mal esa limitación coma norma xeral, pero digo eu que haberá casos onde habería que facer unha interpretación flexíbel. Porque aquí estamos falando de familias gravemente afectadas pola inundación, por exemplo. Falamos dunha situación de emerxencia.

 Para os que non se enteraron aínda de nada:
 A LAGOA BALEIRA MÁIS CANDO ABRE SOA, QUE NON VOS ENTERADES!!!


     Se estivesemos nun país civilizado, agora habería unha cascada de dimisións e se abonaría unha importante compensación aos afectados. Pero isto é Galiza, señores e señoras.

   O último inverno, houbo quen culpou ás "vibracións no sistema dunar que provocaban as escavadoras" da apertura da canle. Unha apertura que foi absolutamente espontánea e que, coma onte, os que debían levala a cabo non a fixeron. Estou ansioso por entrar na páxina web de certa organización para ver qué causa atribúen agora a esta apertura: veciños actuando furtivamente pola noite? extraterrestres?, Al Quaeda? o poder opressor espanhol?

   Son tres invernos consecutivos pasando o mesmo. E parece incríble que aínda haxa persoas que defenden que a lagoa só se vacía cando é aberta artificialmente. Quizá é porque vivir en Compostela ou Lugo, non ter pisado a lagoa máis que para saír na foto, e non ter falado coas súas xentes, pois non axuda a coñecela.
 Por outra banda, para os neuróticos obsesionados aínda coa falacia da "desecación da lagoa provocada pola Xunta", recomendaría tratamento de choque urxente en clínica psiquiátrica.

   Eu estiven estes anos intentando informar aló onde me deixaron. Outros, pensando o mesmo ca min, intentan ser políticamente correctos e non mollarse máis do necesario. Creo que é un error. Iso provoca ambiguidade. E nestes casos non se pode ser ambíguo, porque está en xogo a relación xa de por si difícil entra os paisanos e o colectivo naturalista. Tal como anunciaba eu en Galiciaves hai tres anos.  Eu desde logo non penso levar as culpas das nefastas actuacións da Xunta. Porque ao final, queridos seguidores de Bichos, a culpa é dos ecologistas. Sempre! Pero ollo, non vaia ser que nesta ocasión sexa certo (por acción ou por omisión).

2 comentarios:

  1. Xa o dixen nunha ocasión anterior. Se o problema é o uso de maquinaria, ofrezome coa axuda duns colegas, e un par de caixas de Estrella, a solventar a papeleta.
    E os chamados ''defensores do medio natural'' que sigan por este camiño, que se lucen de carallo ¡¡¡
    E o peor, dandolle munición á administración ...

    ResponderEliminar
  2. En fin,... teño a conciencia tranquila. O tempo deume (deunos) a razón. Outros probablemente se atopan agora no fío da navalla. E o "Exército silencioso"... prefiro calarme.
    Iso si, o das dimisións non o verán os nosos ollos.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos