Seguidores e seguidoras

venres, 24 de xaneiro de 2014

De censo pola Ría de Ribadeo

  Hoxe achegábame até a ría de Ribadeo, fronteiriza entre Galiza e Asturies, xunto con Pepe Vidal. Aínda que o censo da SGHN xa foi realizado a semana anterior (por Marcos Otero), tiña ganas de facer unha visita á ría antes da charla do próximo sábado. Xa postos, era unha boa ocasión para repasar algunhas especies das que había números aparentemente moi baixos.

   A maré estaba alta e o mar estaba moi batido dentro da ría. Un problema importante á hora de contar anátidas e localizar aves mergulladoras.


Diferentes enseadas da ría de Ribadeo

   A cousa finalmente saíu bastante ben e puidemos censar o seguinte:

- 2 Mobellas grandes (Gavia immer)
- 1 Mobella ártica (Gavia arctica)
- 12 Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)

 Mobella grande (Gavia immer)

 Mobella ártica (Gavia arctica)

 Mobella ártica, detalle cabeza


Mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis)

- 15 Garzas reais (Ardea cinerea)
- 10 Garzotas (Egretta garzetta)
- + Garzas boieiras (Bubulcus ibis) en prados de gando por terras asturianas (non quedamos ata a tardiña para censalas no durmideiro)
- 5 Cullereiros (Platalea leucorodia)
- 53 Corvos mariños reais (Phalacrocorax carbo)

 Cullereiro (Platalea leucorodia), xuvenil

- 2 Águias pescadoras (Pandion haliaetus)
- 462 Patos asubiadores (Anas penelope)
- 344 Lavancos (Anas platyrhynchos)
- 63 Patos frisados (Anas strepera)
- 72 Patos rabilongos (Anas acuta)
- 4 Pentumeiros (Melanitta nigra)
- 14 Gabitas ou Lampareiros (Haematopus ostralegus)
- 113 Mazaricos reais (Numenius arquata)
- 4 Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus)
- 3 Mazaricos rabinegros (Limosa limosa)
- 18 Biluricos común (Tringa totanus)
- 2 Biluricos escuros (Tringa erythropus)
- 65 Biluricos claros (Tringa nebularia)
- 2 Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos)



Pilro común (Calidiris alpina)

- 210+ Pilros comúns (Calidris alpina)
- 7 Gaivotóns (Larus marinus)
- +++ Gaivotas comúns (Larus spp)
- 2 Carráns cristados (Sterna sandvicensis)

 Como vedes, a cousa está moi frouxa este ano. Marcos mellorou un pouco estas cifras a semana pasada pero seguen a ser uns números moi baixos para o que é esta ría e, sobre todo, para o que foi esta ría, que veu a menos nos últimos anos. 

 Un grande misterio a invernada de aves acuáticas. Depende do frío na Europa occidental, da situación e conservación dos principais humidais, dos cambios acontecidos nos seus hábitats, de tantas cousas que se nos escapan que, ano tras ano, ún non sabe realmente o que se vai atopar ata que se pon diante do telescopio e comeza a nosa rutina favorita, a rutina dos censadores: un , dous, tres, catro, seis, dez, vinte, cen,...


16 comentarios:

  1. Moi interesante Xabier, boa entrada e estupendas fotos. Este fin de semana, (se o próximo temporal que xa entra o domingo mo permite) vou tentar facer un censo eu, a ver que se coce. Verémonos entón o fin de semana que ven. Apertas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Verémonos logo, Óscar. E sorte no teu censo. A ver se non che toca SW (é un vento que move moito a auga)
      Unha aperta

      Eliminar
    2. Pois censo abortado... tiña pensado adicar hoxe e mañá...pero xa me cheiraba a min que ía estar fastidiado. Chuvia e vento duro... esperarei.

      Eliminar
    3. Desde logo que non son as mellores condicións para censar unha localidade coma Ribadeo. En humidais de pequena dimensión, onde as distancias son curtas e chegan os binóculos é máis doado. Pero nas rías, onde é imprescindíbel o telescopio, o vento é un factor moi limitante, pois che quita estabilidade no trípode e, consecuentemente, visibilidade. En días así podes probar a internarte nas xunqueiras con botas de goma, a ver se levantas Rascóns (Rallus aquaticus), Escribentas das canaveiras (Emberiza schoeniclus) ou Becacinas pequenas (Lymnocryptes minimus).

      Eliminar
  2. Para ir só un día sacastedes bastantes bos números. Ainda que lóxicamente hai especies que vos quedásgedes algo cortos, ou que nin vístedes (boto de menos as cercetas). Pero así é a ría, dependendo do día e de ónde se metan os bichos, sae máis ou menos no censo. Pero o que está claro é que este ano, con todos os que a censamos, vai estar mellor contada que nunca... : ) A ver qué lle sae a Óscar.
    Espero ver esas fotos chulas na túa charla da próxima semana ; )
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. O noso censo, Quique, é de onte. Non de antonte nin da semana pasada. Digo isto pòrque as poboacións de aves acuáticas invernantes poden mudar moito en cuestión de días.E polos datos que temos houbo un forte baixón nestas últimas datas. Marcos sacou só 34 cercetas e 264 pilros comúns o pasado fin de semana. E se el fixo ese conteo (e repetido dous días seguidos) podes ter a certeza que son os que había neses momentos.
      Estamos nun ano especialmente chuvioso (non pola cantidade recollida senón pola continuidade de xornadas con precipitacións). É un factor que, desde a miña experiencia persoal nisto dos censos, soe baleirar progresivamente os humidais. Recordo casos históricos, como A Frouxeira en xaneiro de 2001, no que producíu unha fuxida masiva dalgunhas spp como a Focha.
      Así que o que vós puidéstes ver a finais de Decembro o mesmo a primeiros de este mes, pode non ter nada que ver co que se rexistre agora. Por exemplo, en Nadal había 44 Patos chupóns na Frouxeira. Ben, pois agora só quedan dous.
      E xa estou intentando preparar o power point. A ver como queda.
      PD: Nas circunstancias en que estaba a ría onte, non sei eu se outro censador sacaría mellores datos ca min invertindo o mesmo tempo. Non esqueza vostede, señor Sampedro, con quen está a falar!! ;) Un abrazo

      Eliminar
    2. Ja, ja, ja! Non o esquezo, seňor Prieto, claro que non : ) Só che daba as miňas impresións.
      Xa falamos durante a semana. Apertas amigo.

      Eliminar
    3. Oe, falando en serio, o xantar vai ter que ser lixeiro (tipo tapa ou bocata light). Onte con Pepe comimos de menú e despis pedía papas. A miña relixión poríbeme facer esforzos físicos ou intelectuais logo de comer. Son hábitos adquiridos (levo 25 anos erguéndome ás seis da mañá para ir currar) e a siesta é mota siesta do noso Señor.
      Iso, cun aperitivo hei aguantar sen problemas para a sesion de tarde. Doutra maneira igual me poño a contar patos e ocorre o pior: ún dous, tres, catro, cinco, seis, zzzzz...

      Eliminar
    4. Sacrilexio! Cómo se che ocorre falar en Galicia de comer algo "lixeiro"? Ja, ja, ja. Tranquilo home, que non has comer o que non queiras. O caso será que non caias na tentación... : )

      Eliminar
    5. Igual é porque eu, de galego, teño o "xusto e necesario" (nacionalidade, idioma, tono de voz e carácter). Afortunadamente carezo doutros rasgos diagnósticos da especie, tais coma a incapacidade xenética para cumprir normas colectivas ou o gosto compulsivo polo consumo de carne.

      Eliminar
    6. A ría concordo en que cambia moito. Por exemplo, hoxe saín botar un ollo pese a como está o tempo, e puiden ver 54 Garzotas xuntas que chegaron dende fóra da Ría e foron pousarse nos barcos de cultivos mariños en Castropol. Persoalmente nunca vira tantas xuntas en Ribadeo.

      Eliminar
    7. Probablemente esas Garzotas estaban sedimentadas en prados da beira asturiana e viñan durmir á ría (ou non). No censo, Marcos apenas detectou 19 exemplares.
      Pero esas 54 garzotas supoñen unha cifra bastante normal para Ribadeo. Pero éste non é un inverno normal, en absoluto. Xa vos contarei máis opinións persoais ao respecto na charla.
      Unha aperta

      Eliminar
    8. Hola,
      Con permiso de Xabi, me gustaría comentar algunhas cuestións aquí reflectidas. En primeiro lugar, efectivamente parece que houbo unha desbandada de aves ó longo da invernada na ría. Con todo, a situación realmente importante non é esta, senón a que se ven producindo desde hai anos, cunha clara tendencia negativa das poboacións de aves acuáticas, especialmente en especies como Anas acuta e Anas penelope.
      Por outra banda, Oscar, as ardeidas que normalmente pousan nos barcos de Castropol non son garzotas (Egretta alba) senón garzas boieiras (Bubulcus ibis), aínda que algunha garzota pode quedar con elas. ¿poidera ser que confundiras estas especies?
      A variabilidade intra- anual nos censos de acuáticas invernantes é un tema de moito interese, e corrixir os efectos que poidan ter sobre as estimas poboacionais das diferentes especies precisaría dunha maior organización e coordinación entre a xente que dedica esforzos a esta tarefa.
      Saúdos
      Marcos Otero

      Eliminar
  3. Na mensaxe anterior onde poño Egretta alba evidentemente quería poñer Egretta garzetta.
    Desculpas
    Marcos Otero

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas pola visita Marcos.
      De todas formas, que conste que moitas Egretta garzetta teñen hábitos semellantes a Bubulcus en canto a áreas de alimentación e repouso, pola zona de Castropol. Durante o día ambas spp atópanse espalladas por prados de gando a carón da autovía e, á noitiña, volven durmir á enseada. Lembro de facer algún reconto no durmidoiro, hai catro ou cinco anos, e case me saían 50% cada sp.
      Unha aperta.

      Eliminar
    2. Non tiven dudas de que eran Garzotas, e foi ver tantas xuntas nun grupo o que me chamou a atención. En principio vin nada raro no bando, polo que creo que non había ningunha Bubulcus, pero tamén pode ser que se me colara algunha porque estaba bastante lonxe.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos