Seguidores e seguidoras

xoves, 19 de xuño de 2014

Máis cousas dos Cirrios pálidos (Apus pallidus)

NOTA PREVIA: Posiblemente vou deixar de publicar entradas en galego reintegrado e máis en inglés. O motivo é, simplemente, que me levan algo máis de tempo que as feitas en galego normativo ou español (que domino moito máis), pois teño que consultar cousas de gramática, ortografía ou léxico. Agora ando liado con mil historias así que, temporalmente, vou limitarme aos idiomas máis doados para min.

Como sabedes, Ferrol alberga a poboación galega máis norteña de Cirrio pálido (Apus pallidus). Co tempo fun aprendendo algunhas cousas sobre estas aves excepcionais. Desde a identificación en condicións adversas (sen ópticas!), a fenoloxía migratoria, os horarios de actividade ou mesmo sobre a construción dos niños. Pero este ano o que prioricei foi o rexistro fotográfico. O ano próximo tentarei levar a cabo un censo para avaliar con algo de precisión o número de parellas nidificantes nas colonias.

 Grupo de Cirrios pálidos saíndo dos niños situados nunha "azotea"

 Porque difícilmente se han repetir as facilidades que estou a ter para levar a cabo este rexistro. Aínda que as "circunstancias" que rodean a situación destas colonias fixeron extremadamente difícil a consecución destas fotografías. A súa calidade é bastante mala, pero para min son todas elas ouro puro. Non imaxinades o que tiven que facer para poder tomalas, de verdade. Pero non podo estenderme moito máis sobre este tema. Sei que sodes bós observadores e xa imaxinaredes de que estou a falar.


  Neste días de Xuño, as colonias están a pleno rendemento. Ao igual que os seus parentes próximos, os Cirrios comúns (Apus apus), son aves que inician a actividade moi cedo. Logo de saír dos niños botan un par de horas patrullando pola zona e a media mañá (8,00-10,00 h.) entran constantemente para alimentar aos polos, para, pouco despois, desaparecer literalmente da zona. Remontan vó e os perdo de vista. Á tardiña non podo controlalos por temas de loxística...


  Para a identificación hai varios rasgos diagnósticos que, con un pouco de práctica, resultan doados de apreciar:
- Reclamo. Lembra lixeiramente ao son do ar pasando por un burato estreito, e mostra un ascenso e descenso no ton. O do Apus apus é, digamos, máis liñal ou metálico, coma o pito que sopra un árbitro de fútebol.
- Coloración máis apardazada. Pero iso só se aprecia con boa luz. Nestas mañás cubertas de nubes tan habituais en Ferrol veredes cirrios negros. Sen embargo, se fai sol, e o paxaro voa sobre un fondo escuro, apréciase moi ben (ou se vos pasas por riba da cabeza)
- Cabeza. O máis importante. Non é só que teña o branco da gorxa moito máis estendido; é que tamén posúe a testa clara. Iso fai que vistos a media distancia podamos apreciar claramente os ollos sobre o fondo xeral da face, moito máis clara. Coma se levase "óculos de sol" ou un antiface. Penso que é o rasgo máis claro para a súa identificación.


    Lamentablemente tiven que disparar case sempre en formato JPEG, xa que con RAW non dispuña da posibilidade de disparo en refacho (o refacho de JPEG tampouco é para botar foguetes, apenas tres disparos por segundo). Así que apenas puiden retocar as fotos; algo moi necesario, dadas as circunstancias de dificultade extrema que tiven que afrontar: a distancia enorme, a posición incómoda do fotógrafo, o nerviosismo e a falta de tempo disponíbel á hora de enfocar (estaba pendente de que non me afotaran a min...en fin..)


   Agora que xa estiven en San Andrés de Teixido e que tamén publiquei estas imaxes, xa podo morrer en paz.



     Déixovos cunha das poucas fotos que puiden facer en RAW:

Cirrio pálido (Apus pallidus)

 Ata a próxima!

2 comentarios:

  1. Pois agora que xa temos a custosa reportaxe fotográfica, para o ano que ven a ver se vai logo ese censo ; ) Coas dúas cousas aprendemos con Bichos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Iso de "custosa", non o sabes ben, Quique. Pero quedei a gusto. Pero ti déixate de rollos e arrea coa segunda parte da visita ao Delta . Xa sabes que teño algo de masoca.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos