Seguidores e seguidoras

mércores, 27 de maio de 2020

72 días despois. Recuperando sensacións.

  Logo de sete interminábeis semanas, este luns puidemos saír ao campo con normalidade. E co temporal de vento de nordés que temos estes días pola costa Norte o máis sensato era escoller un val abrigado, coma o do río Xuvia.



     Luns e martes percorrín diferentes roteiros na fronteira entre os concellos de San Sadurniño e Moeche, onde estou a controlar a poboación de picanzos vermellos (Lanius collurio). A especie conta alí cun importante número de parellas reprodutoras: 10-11 pares nunha superfice de aproximadamente 75 ha. E hai varias máis fóra desta área, perto xa de San Xurxo de Moeche.

 Paisaxes do val do Xuvia

 Camiño en Casalousada (Moeche)

   Agora que xa non hai limitacións podo levar "armamento pesado": binóculos, telescopio ou a Nikon P1000, moi boa para afotar aves mas non tanto cando paisaxes, especialmente con luz intensa (esta última foto, con ceo cuberto, é a que mellor quedou).

Camiño en Lamas (San Sadurniño)

 Picanzo vermello (Lanius collurio) macho
Nikon P1000 focal 2600 mm  ISO:360   V:1/200   F:7,1

 Picanzo vermello (Lanius colurio) femia

   Con esta bridge podemos fotografar doadamente moitas aves especialmente tímidas e fuxidías, caso da Pega rebordá, que arestora se ven acotío (a mantenza dos pitos é o que ten).


   Aínda que polo Norte lle chamamos Pega rebordá, no Sul de Galiza e Portugal coñécese coma Gaio.

Pega rebordá ou Gaio (Garrulus glandarius) distancia: 50 m
Nikon P1000 (focal 2000 mm)  ISO:800   V:1/160   F:6,3

  O forte vento (que non sae nas imaxes) é un factor limitante da biodiversidade. Anfibios, répteis, libeliñas ou bolboretas fuxen deste meteoro, resultando difícil observalos en días de vento forte. Este Gaiteiro azul aguantaba como podía entre as follas dunha silveira.

 Gaiteiro azul (Calopteryx virgo)

   Mañá amaina por fin este  vento do demo e consecuentemente subirán as temperaturas. Haberá que madrugar máis aínda para desfrutar as mellores horas.

Azulenta común (Prunella modularis)
Nikon P1000 (focal 2000 mm)   ISO:360   V:1/250   F:6,3

2 comentarios:

  1. Nicolás Magdalena García27 de maio de 2020, 23:27

    Bonito post, Xabi.

    É un pracer poder saír ó monte despois de tanto tempo. Ademais comezan a chegar algunhas especies estivais que alegra ver por fin.

    Eu (polo meu avó) sempre coñecín ó "Arrendajo" como Pega marza (a xente escríbeo así aínda que sempre o pronunciei como Pega marça).

    Unha aperta
    Nicolás

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Bem, esse problema fonético que mencionas ocorre com o galego normativo oficial mas nom com galego reintegracionista (ou galego-português), que escrevo agora. Segundo a norma reintegracionista de AGAL a grafía "-ç-" (cê cedilhado) forma parte da nossa língua e moitas palavras devem levá-la por etimologia, coma "Betanços", "caça", "raçom"... ou "pega marça". E esta letra tem a peculiaridade que se pode pronnunciar coma "-s-" (no Sul de galiza e Portugal) ou como "-z-" (no Norte).
      Quero dizer, a gente escreve "pega marza" por imposiçom da normativa oficial. Pero a forma que devera ter por etimologia e segundo os filólogos reimtegracionistas é "pega marça", com essa alternáncia fonética.

      Perdom polo rolho mas foi umha questom interessante.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos