Seguidores e seguidoras

sábado, 19 de febreiro de 2022

Ría de Ortigueira, comeza a migración

   Febreiro é un mes de transición. A invernada de aves vai chegando ao seu fin, en cuanto a primavera comeza asomar a cabeza tímidamente.  Na ría de Ortigueira as primeiras acuáticas en marchar son as anatídeas como o asubiador ou o rabilongo. Axiña o farán tamén os mazaricos e pouco depois o resto das limícolas.

  Esta mañá achegueime até aló coa ideia de fotografar a mobella ártica (Gavia arctica) que apareceu por xaneiro. Non tiven moita sorte con ela mas aproveitei para facer un reconto dalgunhas especies doadas, que vos poño a continuación:

  • 49 Patos culler (Spatula clypeata)
  • 332 Asubiadores (Mareca penelope)
  •  32 Lavancos (Anas platyrhynchos). Deles só 3 femias
  • 18 Patos rabilongos (Anas acuta)
  • 208 Cercetas reais (Anas crecca)
  • 1 Rascón (Rallus aquaticus). Escoitado en Cuíña
  • 9 Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)
  • 1 Mobella grande (Gavia immer)
  • 1 Mobella ártica (Gavia arctica)
  • 10 Pilros grosos (Calidris canutus)
  • 18 Corvos mariños reais (Phalacrocorax carbo)
  • 6 Corvos mariños cristados (Gulosus aristotelis)
  • 6 Garzas brancas (Ardea alba)
  • 45 Garzotas (Egretta garzetta)
  • 50 Garzas boieiras (Bubulcus ibis), hoxe pousadas no intermareal central
  • 26 Cullereiros (Platalea leucorodia)
  • 1 Águia pescadora (Pandion haliaetus)

 E por suposto toda a limicolada habitual, aínda que o número de pilros comúns (Calidris alpina) baixou de maneira evidente.

Mobella ártica (Gavia arctica). Foto testemuñal

   A mobella ártica estaba ben lonxe e aínda por riba a contra-luz. Puiden tirar algumha foto documental e pouco máis.

Mobella grande (Gavia immer, esda) e ártica (Gavia arctica, drta)

 Nas imaxes podemos apreciar algunhas diferenzas morfolóxicas entre a mobella grande e a ártica, como a diferente forma do peteiro, da testa ou da cor facial (cun límite moi nítido escuro/branco na ártica; moito máis difuso na grande).

Mobella grande (Gavia immer,esda) e ártica (Gavia arctica, drta)

   Un grupiño de corvos mariños cristados adultos e xóvenes pescaban perto do peirao de Ortigueira.

Corvo mariño cristado (Gulosus aristotelis)

  Hoxe as garzas boieiras descansaban no intermareal central.

Bando de garzas boieiras (Bubulcus ibis)

   O mellor foi atopar un novo mirador sobre "a curva de San Clodio". Hai vinte anos tiñamos unha boa visibilidade desde o bar "O Muchacho", na estrada xeral, pero a merda do eucalipto acabou formando unha pantalla que fixo imposíbel seguir censando desde alí. Hoxe, de maneira casual, descobrín un acceso que non coñecía e que permite contar desde un lugar semellante.

Novo mirador sobre a "curva de San Clodio"

  E máis nada por hoxe. En breve subirei outra entrada breve con novas cousiñas primaverais, desas con escama e antenas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos