Seguidores e seguidoras

martes, 17 de maio de 2022

Unha mañá ben interesante en Cospeito

  Ontes voltaba pola Terra Chá luguesa, na compaña de José Ramón Castro. A chaira recibíunos con ceo toldado e un orballo cativo. Axiña foi clarexando.

 A Espiñeira (Cospeito)

   Primeiro paramos nos campos da Espiñeira (Cospeito). Máis unha vez a madruga tivo premio. En cuanto escoitabamos os moitos paxaros que nese momento estaban a cantar unha lebre apareceu e desapareceu pola pista adiante. Había moitos anos que non tiña observacións dela no noso país. Un lagomorfo que, coma tantas outras especies, está a extinguirse na maior parte do territorio.

Lebre ibérica (Lepus granatensis) fotografada en Zamora

    Apenas quince minutos depois chegaba a segunda sorpresa da mañá: unha martaraña que patrullaba  pola pista da parcelaria. Aínda que resulta doado observar este mustélido nos meses de xullo e agosto estranoume ver un exemplar activo a mediados de Maio. Deunos tempo a sacar unha imaxe documental a través do parabrisas do carro.

Martaraña (Martes martes) Foto: José Ramón Castro
Nikon P900 focal 950 mm   ISO:1600   V:1/100   F:5,6

    Grazas ás observacións directas ou aos excrementos atopados estamos a comprobar que a martaraña visita espazos abertos con máis frecuencia do que pensaba. Tentamos relocalizala de novo mas foi imposíbel, a pesares da escaseza de cobertura forestal presente no lugar.

Agras da Espiñeira

   Maio é o mes por excelencia para desfrutar da Natureza na sua plenitude. Por momentos a cantidade de paxaros que estaban a cantar fixeron esquecer o triste panorama de xornadas anteriores. Sempre é un pracer volver ouvir o paspallás (Coturnix coturnix), o cuco (Cuculus canorus), o ouriolo (Oriolus oriolus), a laverca (Alauda arvensis) ou a papuxa común (Curruca communis).

  Unha parella de paspallás saíu voando case baixo os nosos pes.

Parella de paspallás (Coturnix coturnix)

Picanzo vermello (Lanius collurio)
Nikon P1000 focal 2600 mm   ISO:140   V:1/160   F:7,1

Laverca (Alauda arvensis)
Panasoni G7 + 100-300 mm  ISO:2000   V:1/125   F:5,6

  Resultou especialmente gratificante a observación de varias papuxas comúns (agora Curruca communis), paxaro insectívoro extinguido na comarca de Ferrol - Ortegal, onde agora só podemos ollalo nas pasaxes migratorias.

Papuxa común (Curruca communis). Disparo a través do parabrisas do carro
Panasonic G7 + 100-300 mm   ISO:1600   V:1/320   F:5,6 

Papuxa común (Curruca communis)

  Esta papuxa é un taxón eurosiberiano que habita principalmente lindeiros forestais e sebes en terras agrícolas. Na miña opinión é unha das papuxas mais bonitas, que canta pousada ou en voo. Iso si, é igual de difícil de afotar que as outras papuxas. E o tele 100-400 para a G7 vai ter que esperar...

Papuxa común (Curruca communis)

  Tiña pensado facer un transecto pola Zapateira e pola Veiga de Pumar pero cascou o motor de arranque do meu carro e houbo que abortar misión (grazas que demos acendido de novo e puidemos voltar a Ferrol). Terminamos coa rula común, outra das xoias do noso campo, que observábamos na aldea da Zapateira:

Rula común (Streptopelia turtur)
Nikon P1000 focal 2000 mm   ISO:560   V:1/200   F:6,3

Vémonos na próxima entrada!

6 comentarios:

  1. Que pena lo del coche , por que llevábamos unas buenas observaciones en unos minutos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A verdade é que estábamos "en racha". Foi unha mágoa terminar a xornada antes de tempo por culpa do p. Fiat de los c.

      Eliminar
  2. Un bo paseo con moitos avistamentos. Grazas ao teu blogue practico moito a identificación de especies por foto (que de cara ao exame que farei en xuño, venme fenomenal, hehe).
    Apertas,
    Inés González

    ResponderEliminar
  3. Xaquín Ferreiro Dopico21 de maio de 2022, 10:25

    Bo día e perdoa o "off-topic".

    https://www.meneame.net/m/actualidad/perrhijos-nuevo-modelo-familia-afianza

    Sociedade enferma...

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos