NOTA: preséntovos a primeira colaboración en Bichos do xoven naturalista cedeirés Álvaro Pérez Pérez. Tanto o texto como as fotos son da súa autoría. Aproveito para felicitalo polas fotos estupendas que xa consegue coa Panasonic FZ82.
A medio camiño entre a lagoa da Frouxeira e a ría de Ortigueira temos a ría de Cedeira, un lugar ao que non se lle presta tanta atención ornitolóxica. E é normal, tendo eses competidores nos arredores. Esta é unha ría pequeniña que está partida en dúas zonas pola península da Robaleira. Unha zona sumamente humanizada, ao norte, e outra algo mellor conservada, ao sur. Nesta última temos a ben coñecida praia de Vilarrube, custodiada por dous ríos: o das Ferrerías, polo occidente, e o das Mestas, polo extremo oriental. É neste último onde se forma o esteiro das Mestas, o lugar no que fixen o censo o pasado día 11 de setembro.
Ao ser un esteiro hai que ter sempre en conta o réxime mareal. O día da visita había lúa chea, polo que as mareas eran moi vivas. Achegueime no momento en que a marea estaba máis baixa coa esperanza de atopar algunhas limícolas, iniciando a ruta no lugar do Puntal (Vilarrube, Valdoviño). Alí hai unha boa panorámica da maior parte do intermareal pero ao non ter telescopio tampouco puiden precisar moito.
Por aló foron asomando unha águia pescadora, un picapeixe, un pequeno bando de gaivotas escuras, outro máis numeroso de choronas, bandos mixtos de lavandeiras brancas e amarelas e un mínimo de 12 biluricos das rochas. Unha vez feito o control desde aló crucei a ponte cara o lado cedeirés para chegar ao lugar de Campelo, desde onde podes controlar o resto do esteiro. Como non teño telescopio optei por realizar un percorrido a pé pola zona do Cubilote (a zona que ten sedimentos areosos na súa maioría, en vez de limos).
Foi entón cando levei unha agradable sorpresa ao comprobar que entre as formacións de Salicornia había grupiños de pilros e píllaras. Entre eles destacaban tres pilros grosos e máis adiante atopaba un grupiño de pilros tridáctilos. O feito de estaren agochados entre a vexetación xunto coa miña escasa experiencia nesta familia de aves dificultaron a identificación. Por tanto púxenme a sacar fotos a canto bicho vía para identificalos despois, sempre cun ollo posto no nivel da auga, pois a marea comezaba subir. Finalmente aparecía tamén un pilro de bico longo (o primeiro desta sp para min).
- 95 Lavancos reais (Anas platyrhynchos)
- 29 Píllaras reais (Charadrius hiaticula). Mínimo
- 3 Pilros grosos (Calidris canutus)
- 1 Pilro de bico longo (Calidris ferruginea)
- 6 Pilros tridáctilos (Calidris alba). Mínimo
- 27+ Pilros común (Calidris alpina). A vexetación dificultou moito contalos. Había máis
- 12 Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos)
- 1 Bilurico alinegro (Tringa ochropus). Escoitado
- 67 Gaivotas chorona (Chroicocephalus ridibundus)
- 1 Gaivota patimarela (Larus michahellis)
- 10 Gaivotas escuras (Larus fuscus)
- 5 Gaivotas sp (Larus fuscus/michahellis)
- 1 Gaivotón (Larus marinus)
- 5 Garzas cincentas (Ardea cinerea)
- 1 Águia pescadora (Pandion haliaetus)
- 1 Picapeixe (Alcedo atthis). Probablemente 2 ex
- 3 Papamoscas negros (Ficedula hypoleuca)
- 2 Estrildas (Estrilda astrild) * En Campelo. Primeira vez aquí
- 6+ Lavandeiras boieiras (Motacilla flava)
- 1 Lavandeira boieira tipo británica (Motacilla flava lutea/flavissima)
Para Xabi: Moi boa fichaxe.
ResponderEliminarPara Álvaro: Que grande estrea! Noraboa.
Desde logo. Teño moitas ganas de que vos coñezades. En canto recupere un pouco das cervicais pasamos por Ortigueira. Ademáis das evidentes capacidades naturalistas que mostra semella que ten moi boa intuición para a fotografía (como reflicte este post). Así que ten coñecer ao Padrino, haha...
EliminarEspectacular , muy bonito post Álvaro Pérez y enorabuena a los dos,ahora tenemos el futuro con está juventud para la conservación.
ResponderEliminarTemos futuro para a conservación, certo (e espero que tamén para a ortografía).
EliminarBoas Xabi, a verdade quedou moi bonito o texto coas imaxes así no medio. Moitas grazas por contar comigo de formar parte deste blog e coma sempre un pracer!
ResponderEliminarPd: dan ganas de facer un blog propio ;)
Álvaro Pérez
Foi un auténtico pracer. Levas dentro o virus coñecido como "virus Curt" aínda que todavía non és consciente. E non teñas dúbida que estás moi capacitado para criar un blogue naturalista de calidade. Se te animas por suposto contarás co meu apoio técnico en canto necesites.
EliminarUn abrazo.
Excelente fichaxe!!! Parabéns polo texto e polas fotos. Por certo, a estrilda formará parte da paisaxe de Cedeira ben axiña, como xa o é das Rías Baixas, das zonas húmidas da Costa da Morte e de recunchos ás veces insospeitados do Arco Ártabro. Non está apenas estudado o impacto na fauna nativa, pero un grupo destes bicos de coral, buscando larvas e imagos de insectos para as súas crías nunha zona palustre, ben seguro que ten impacto nas folosas que alí crían (a idea é de Manu Polo, ten moito sentido...). Unha aperta cracks, Damián
ResponderEliminarBoas Damián, moitas grazas polas túas palabras.
EliminarComéntoche, o bico de coral xa chegou a Cedeira e tristemente xa confirmei reprodución (pero este foi a primeira vez que o vin no esteiro). A primeira observación que teño da especie na zona é de finais do 2020 e desde aquela non desapareceron. Hai polo menos dous núcleos no concello, un deles nunha lagoa de orixe antrópico detrás da praia (reprodución, por confirmar pero moi probable) e outro no río Condomiñas (onde si confirmei a reprodución). Este último é o que máis me preocupa, xa que na zona (un canaval formado recentemente na zona que hai máis ao norte do polígono) reprodúcense varias parellas de folosas das canaveiras e ademais é zona de invernada da escribenta das canaveiras. Polo que sería moi interesante saber como afectará a estas especies a presenza destas aves (un día contei un mínimo de 40 exemplares). Sen non me equivoco agora mesmo teñen aquí o seu límite de disribución norte, oxalá non pasen da Capelada, pero han pasar...
Apertas,
Álvaro Pérez Pérez
Saludos a todos, y mi calurosa enhorabuena, Álvaro, por tu estupendo post sobre esta ría, realmente poco prospectada ornitológicamente, como bien apunta Xabi Prieto. También es muy de agradecer a Xabi la admisión de colaboraciones tan interesantes como esta y otras que se han publicado en este magnífico blog. Solo puedo aportar un detalle: así como en otras fotos (como la segunda y otras en donde se ven correlimos) aparecen claramente formaciones de Salicornia sp., de cobertura típicamente poco densa, en las dos últimas fotos esas formaciones apretadas pertenecen, sin duda en su mayor parte, a Sarcocornia perennis.
ResponderEliminarGraciñas Jose. Xa está corrixido. Resulta que o único que eu escribín foron os textos a pé de foto, así que ese erro é meu (Álvaro foi máis prudente e quedaba en salicornia sp.). Logo de consultar a guía de Xosé Ramón Garcia descartei a Sarcocornia porque di que os talos "pasan a color acastañados ou laranxas", cousa que se aprecia na foto da guía. Entón pensei que sería unha que vin en Villafáfila formando espectaculares alfombras vermellas e que non se daría pola nosa zona.
EliminarUn pracer terte como revisor, mestre.