Seguidores e seguidoras

sábado, 21 de setembro de 2024

21/09/2024 Visita de control á Frouseira

   Debido á posición da Lúa estes días tivemos as mareas máis vivas desde hai 19 anos. Tiña curiosidade por ver se isto afectaría á canle da Frouseira así que fun ata aló para comprobalo. E segue aberta, totalmente operativa. 

Canle de desaugue ao mar con preamar viva
Sony RX10 III (focal 30 mm)   ISO:1600    V:1/160   F:4

   Así pois, seguiremos desfrutando da presencia de limícolas e outras aves migrantes que estarían ausentes de estaren a lagoa chea, como sería o habitual nestas alturas. 


    Hoxe a primeira hora había preamar de 4,1 m. Por tanto a lagoa estaba chea.

Lagoa da Frouseira chea pola preamar

     Parei pouco alí, só para tomar unhas fotos aos 24 galos de auga que contaba na parte N da lagoa.

Galos de auga comúns (Fulica atra)

    O galo de auga (familia Rallidae) foi sempre unha especie escasa  e irregular coma reprodutora, debido ao réxime mareal que ten a lagoa durante a primavera. Porén era abondoso durante o outono e inverno, con cifras habituais de 300-600 aves e un maior rexistro propio de 690 ex en decembro de 2003; sendo por tanto a localidade galega máis importante para a especie durante a invernada (corrixa se procede, mestre Souza).

Galo de auga común (Fulica atra)
Sony RX10 III (focal 600 mm)   ISO:800    V:1/200    F:4

  O inverno pasado contei só 117 individuos... e grazas. Porque o descenso no número de galos de auga no presente século foi case catastrófico en Galiza. Tanto se falamos de aves invernantes (caso da Frouseira) coma de reprodutoras (lagoa de Doniños, encoros de Forcadas e Sabón, etc). 

Galos de auga comúns (Fulica atra)
Sony RX10 III  (focal 280 mm)  ISO:800   V:1/200   F:5,6

   No caso das aves reprodutoras podo presupoñer varias posíbeis causas para este declinio: predación por xabalí e visón americán, básicamente (no encoro das Forcadas o xabalí tamén ten feito desaparecer masas de Bolboschoenus lacustris onde había parellas reprodutoras de galo de auga). 
      Sen embargo descoñezo os motivos polos que tamén diminuíu a cantidade de galos de auga invernantes, moitos dos cuais serían procedentes doutras rexións ibéricas ou europeas. En calquer caso os antes comúns galos de auga son agora unha especie que gosto moito de ver e que tento sempre fotografar, por se dentro duns anos xa non podemos facelo.

Galos de auga comúns (Fulica atra)

    Depois dei unha volta polos campos de Taraza, Meirás. Uns campos que cada vez teñen menos campos pero máis chalés, eucaliptos, etc. Alí atopaba este picanzo vermello xuvenil, a ponto de iniciar a súa migración para África.

Picanzo vermello (Lanius collurio) xuvenil

  Os paxaros estivais están a marchar mas chegan os invernantes, coma esta pica dos prados. Tres exemplares observados na zona onde pacen varios cabalos. Primeiro rexistro da tempada.

Pica dos prados (Anthus pratensis). Imaxe moi recurtada
Sony RX10 III (focal 600 mm)    ISO:400   V:1/320   F:4
  
Poño unha captura de pantalla para que vexades o recurte que apliquei á imaxe anterior:

Editando co Lightroom

     E remato o post manifestando a miña ledicia por ter comprado a Sony RX10 III. Qué xoia, qué marabilla tecnolóxica, qué cámara tan  extraordinaria! A pesares de ter un sensor de só unha polgada, permite un recurte das imaxes semellante ao dunha cámara micro 4/3" ou mesmo dunha reflex APSC de gama baixa. Cando me enterren que a metan no cadaleito.

2 comentarios:

  1. Sí, Xabi, A Frouseira sigue siendo la principal localidad para Fulica atra en Galicia fuera de la época de cría. Hace años Sabón le hizo sombra en varios censos de enero (aunque allí las concentraciones más potentes siempre fueron, en general, las estivales), pero casi siempre A Frouseira alcanzó el primer puesto, con un máximo de 700 galos en enero de 1974 (los censos subieron incluso algo más hasta febrero).

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos