Seguidores e seguidoras

sábado, 11 de decembro de 2021

Garzas boieiras (Bubulcus ibis) e gaivota de Bonaparte (Chroicocephalus philadelphia)

   A avifauna actual pouco ten que ver coa que podiamos observar hai trinta ou corenta anos. Especies comúns daquela son hoxe moi raras de ver; pola contra, outras que antes resultaban escasas ou nen existían podemos velas agora de xeito habitual.

Bando de garzas boieiras (Bubulcus ibis) en Ortigueira

   A garza boieira (Bubulcus ibis) é unha desas especies que nos anos oitenta asociábamos aos montados de Extremadura ou á albufeira de Valencia. Había algunhas observacións xa en territorio galego (eu víraas en Febreiro de 1986 en Valdoviño e en Setembro de 1987 en Doniños) pero eran auténticas rarezas naquela época. Quén nos diría que en 2021 sería unha garza común e mesmo abondosa coma invernante nas rías da costa N galega!


Garzas boieiras (Bubulcus ibis)

Garza boieira (Bubulcus ibis)

Garzas boieiras acompañando gado vacún


  Esta pasada ponte festiva observábamos un grupo de 37 ex en prados de pasto á saída da mesma vila de Ortigueira. Se non estou errado é o grupo máis numeroso detectado na localidade. Debatíamos no foro de galiciaves sobre as posibilidades de alimentación que poden ter estas garzas durante o inverno nos fríos pastos galegos. Persoalmente dubido moito que os invertebrados poidan ser parte importante da súa dieta, como pode ocorrer nunha comarca mediterránica de primavera.

Garzas boieiras (Bubulcus ibis)

  Algo máis ao S, na ría de Ferrol, temos un continxente invernante que suma 29 ex nestes momentos. O mesmo que en Ortigueira, as boieiras "ferrolás" empregan a ría básicamente coma durmideiro, alimentándose en campos viciños.

Garzas boieiras (Bubulcus ibis) en Neda (Ría de Ferrol)

  Xunto ás boieiras repousaban un bó número de gaivotas choronas. Unha delas invernante habitual e anelada na Bélxica, segundo me informa Antonio Gutiérrez.

Gaivota chorona (Chroicocephalus ridibundus) anelada na Bélxica

  A gaivota de Bonaparte (Chroicocephalus philadelphia) é outra ave que nos últimos tempos aparece con regularidade por terras de Ferrol-Ortegal, sempre individuos solitarios. Lembremos que estamos a falar dunha especie americana,que mantén o status de raridade no Estado español. Este inverno, a Bonaparte baptizada coma "Bill" por Antonio semella que colleu gosto á ribeira de Fene, onde adoita descansar durante a preamar.

Gaivota de Bonaparte (Chroicocephalus philadeplphia)
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:200   V:1/320   F:5

  Esta mañá puiden fotografala a pracer, na compaña de Simón Bellas.

Gaivota de Bonaparte (primeira pola dereita) xunto a choronas

Gaivota de Bonaparte amosando as primarias

Gaivota de Bonaparte (Chroicocephalus philadeplphia)
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:160   V:1/320   F:5

  E con esta fermosa gaivota americana, de aspecto tan delicado despedímonos por hoxe. 

2 comentarios:

  1. Vaites, nunca vin en directo a gaivota de Bonaparte.

    Grazas por compartir, Xabi.

    Biquiños,
    Inés González

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois polo visto é cada vez máis habotual, Inés. Aínda que tamén hai moitos observadores pendentes desas cousas.
      Apertas.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos