Finalmente foron dúas ou tres as parellas de picanzo reprodutoras na parte baixa do val de Moeche, a zona que controlo habitualmente. Falamos dunha superficie dunhas 50 ha onde o normal sería atopar 4-5 territorios doadamente.
Picanzo vermello (Lanius collurio) Foto: José R. Castro Gómez
Sony RX10 III focal 600 mm ISO:1250 V:1/400 F:4
A semana pasada houvo unha fortísima vaga de calor na Galiza, a máis intensa que eu lembre. En Ferrol tivemos unhas temperaturas máximas de até 36 ºC e mínimas de 20ºC, sempre baixo unha humidade ambiental dun 50-80%, o cal aumenta a sensación de calor. Sen embargo esta mañá as cousas meteorolóxicas voltaban á normalidade e Moeche recibíanos con néboas e unha agradábel temperatura de 14ºC. Unha marabilla.
Campos de Moeche a primeira hora
Logo da calore insoportábel padecida nestas últimas xornadas camiñar hoxe polo fresco val do Xuvia foi unha experiencia rexeneradora da saúde para nós.
Paisaxes de Moeche ao mencer
Como dixen e logo de varias mostraxes conseguimos identificar un mínimo de dúas familias de picanzos, que probábelmente eran tres; dúas delas xa con polos voantóns. Empresteille a Sony RX10 III a José Ramón Castro, que sacou unhas fotos moi chulas dos picanzos.
Picanzo vermello (Lanius collurio) con bicada para polos
Voantóns de picanzo pedindo a merenda
Cando terminabamos o percorrido puidemos observar e fotografar un grupo de polos. Estas fotos sempre teñen grande interese documental, especialmente nun ano que non semella favorábel para o picanzo, alomenos na zona de Moeche.
Grupo de polos voantóns de picanzo
(Fotos: José Ramón Castro Gómez)
E con esta imaxe do meu local patch terminamos por hoxe (voume abster de comentar o encontro coa retardada mental de turno e o seu rotweiller solto e sen buceira no medio da estrada).
Casalousada, Moeche (A Coruña)
Y que peligro con el perro que hasta casi lo atropellamos por culpa de la lúcida que no lo llevaba amarrado.
ResponderEliminar