Hoxe, camiño das Forcadas, fixen unha parada na lagoa da Frouxeira, en Valdoviño. O nivel da lagoa segue a subir, pouco a pouco. Sen pausa pero sen presa...
Algunhas aves, coma os Corvos mariños (P.carbo, que seica chaman de "Chíscalas" un pouco máis ao Norte) vense obrigadas a mudar os seus pousadeiros tradicionais. E agora buscan a ribeira noreste da canle, para poder secar as súa plumas ao vento. Desde logo é un lugar bastante máis exposto ás molestias humanas que os da beira Sur, a carón do "Lago pequeno".
O bando de Galiñolas (F.atra) estaba perto da pista. Unha boa ocasión para practicar fotografía.
No medio delas o grupo de Patos chupóns (A.ferina) que chegou hai uns días. Por agora son moi pouquiños, 18-20 así a ollo. Hai que recordar que actualmente esta lagoa é a principal localidade de invernada da especie en Galiza. Na enseada de San Simón, na ría de Vigo, tamén aparecen bandos importantes, pero no resto de humidais galegos é un pato certamente escaso hoxe en día, en comparanza co resto da península.
Na Frouxeira, bandos de 300 ou 400 exemplares son frecuentes en anos bós. Iso sí, hai anos en que non aparece nin o primeiro, sendo unha anátida con grandes oscilacións de un inverno para outro.
Polo medio había algún "infiltrado", como este macho branquinegro de Pato cristado (A. fuligula), no centro da fotografía. Sinto moito non poder ofrecer fotos de maior calidade...
Ata outra
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos