Seguidores e seguidoras

martes, 29 de novembro de 2011

Villafáfila 26 de Noviembre, segunda parte.

Se comentaba que a estrela do inverno en Villafáfila era o Ganso bravo, a Avetarda (Otis tarda) éo todo o ano, por teren aquí unha das maiores poboacións de Europa. Na xornada do domingo só puiden realizar avistamentos moi lonxanos da especie (a mellor zona para fotografalas é a parte de Barillos, á que non puiden ir).

Poño unha foto testemuñal..



  Cos que tive algo máis de sorte foi cos Grous (Grus grus), ave espectacular e elegante coma poucas. Nestes meses do Outono, a reserva rexistra importantes concentracións de Grous, que se alimentan en dehesas e sembrados polo día, e volven ás lagoas a durmir a última hora da tarde. Todo un espectáculo.

 Este adulto, no centro, camiñaba acompañado de dous exemplares xuvenís.


 A media tarde xuntáronse 70 exemplares na Salina grande. En canto se puxo o sol, comezaron a chegar bandos de 80, de 30,... Pero xa non tiña luz para fotografalas.


 As ringleiras en "uve" destas enormes aves, son unha estampa característica.


  Antes fora cara a veciña "Laguna de Salinas", para comprobar se tiña auga, pero aquilo estaba seco coma o deserto do Sáhara. Polo menos sigue en pé o pequeno piñeiral "adehesado" de Piñeiros mansos (Pinus pinea)


  Así pois todas as acuáticas estaban concentradas na "Laguna grande". Ademáis dos aproximadamente 10.000 patos (e, probablemente, outros tantos Gansos) había tamén limícolas. Algo un pouco chocante nestas terras mesetarias de interior. Pero Villafáfila pode presumir tamén dunha boa riqueza e diversidade de limícolas, sobre todo daquelas especies asociadas a hábitats campestres (Avefrías, Píllaras,..)

 Na tarde do sábado puiden facer un pequeno censo da Laguna Grande:

- 40 Avocetas (Recurvirostra avosetta). Logo de pasar polo Photoshop, esta foto, tomada ao anoitecer, case vale para ver...



 - 230+ Avefrías (Vanellus vanellus). Semella un número moi baixo, pero con estas aves nunca se sabe. Na estación reprodutora andan moi espalladas, pero durante o inverno tenden a concentrarse moito máis, en grandes bandadas que poden desprazarse bruscamente dun sitio para outro. É probable que houbese bandos maiores da especie na zona de Barillos, onde soen verse moitas (eu apenas me movín da zona da Salina Grande)


 - 15 Mazaricos reais (Numeius arquata) nas zonas tradicionais, próximas a Otero de Sariegos.


- 2+ Combatentes (Philomachus pugnax), na zona da ponte romana.

- 89 Pilros comúns (Calidris alpina). Poño unha foto moi mala (a luz a esas horas xa non valía para nada)



 
- 9 Pilros pequenos (Calidris minuta) acompañando aos comúns. Este limícola diminuta inverna regularmente na reserva de Villafáfila, en grupiños coma o de hoxe.

  Ben, finalmente tiven que dar por rematada a visita, non sen antes contemplar por última vez os bandos de aves voando sobre a lagoa, a modo de despedida cara este que escribe.


 Ata outra, amigos emplumados! Outra vez será.

4 comentarios:

  1. Esa Villafafila!!! Ese postre de queso!!!!Que ganas....
    Saludos.

    ResponderEliminar
  2. Pois o pudding de queixo non o tomei desta vez, Fernando! Estaba bastante cheo e xa era tarde para para cear tan copiosamente.

    Foi unha mágoa non poder quedarme o domingo, para conseguir unhas fotos algo mellores. Porque a verdade é que neses sitios está "chupao" retratar aos bichos de cerca, carallo. Nen sequera tes que baixarte do coche para velos a dez metros. E a luz...nada que ver coa que temos por Ferrol.

    Unha aperta e graciñas por comentar.

    ResponderEliminar
  3. Cómo se nota que tés debilidade por Villafáfila e pola meseta. Xa sabes que é algo que temos en común. Mágoa que tiveras que interrumpir os plans, e máis por unha cousa familiar. Ainda así, vese que disfrutaches do tempo que tiveches. Castela ten algo especial.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  4. Teño, Quique, teño...Qué che vou dicir que non saibas, se botas case todo o ano por aló!

    Unha aperta.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos