Seguidores e seguidoras

sábado, 12 de novembro de 2011

Buscando a Rá vermella (Rana temporaria) por Ferrolterra

  Hoxe a primeira hora dei unha voltiña polo lago de Doniños. E digo "lago" porque creo que a éste si o podemos considerar como tal, se atendemos a unha das acepcións tradicionais, que describe un lago por seren unha superficie lacustre con máis de tres metros de profundidade. Se aplicamos esa definición, por exemplo, o de Doniños pode ser denominado con este termo.


 A esta enseadiña chámolle, desde hai moitos anos, a "Baía dos Nenúfares", por motivos obvios...


 Agora as follas flotantes do Ambroíño de río (Nymphaea alba) están a secarse, antes de desaparecer baixo as augas durante o inverno..


 Estas follas, xunto cos restos dos xuncos e espadanas, supoñen un bon lugar para observar multitude de invertebrados acuáticos de todo tipo, como este Caracol acuático. Aquí a miña escasa bibliografía  impídeme ir máis aló e non podo determinar nen sequera a familia, das varias que hai nas augas continentais europeas.


 Na superficie, as Galiñolas (F.atra) ou estes Mergullóns (T.ruficollis) monstrábanse, coma sempre, moi desconfiados.


  O meu obxectivo nesta visita era sen embargo atopar a Rá vermella (Rana temporaria) en Doniños, aproveitando a alta humidade que reinaba a primeira hora (case o 100 %) e as temperaturas frescas, que facilitan a observación de anfibios en xeneral.
   Este anuro de montaña está presente amplamente na comarca ferrolá, pero quería perfilar un pouco o límite da súa área de distribución no concello. Non houbo sorte.

  E busquei nos lugares típicos da especie. Ou sexa, "ecotonos" entre arboredo caducifolio e prados húmidos-enchoupados, que constitúen un hábitat moi característico da temporaria...


 Ás veces é moito máis doado atopar as postas nas típicas charcas estacionais de inverno. Pero a chuvia caída aínda non foi dabondo para enchelas.

 Durante a prospección penetrei na espesura do bosque de inundación, formado por Salgueiros (Salix atrocienerea) e Ameneiros (Alnus glutinosa), buscando lugares con maior cobertura vexetal sobre a follasca do chan.
  Nestes entornos de permanente sombra e humidade son comúns diferentes tipos de fentos, como este espectacular Dentabrú (Osmunda regalis). A min sempre me pareceu que ten un aspecto tropical.


  ...ou estoutro, que penso que pode ser... Stegnogramma pozoi? (socorro!)


Pero as rás que apareceron non eran vermellas, senón a Rá verde (Rana perezi), de costumes bastante máis acuáticas. Nesta época do ano, aparecen moitos exemplares relativamente lonxe da auga, como este adulto.
  Simplemente polo "jizz" resulta fácil distinguila en moitas ocasións. A súa axilidade, moi superior á da temporaria, e os seus saltos, moito máis potentes, por exemplo, son característicos (onde non está presente a R.iberica, como é o caso). A liña verde dorsal é diagnóstica.


  En vista do éxito, fun ata as brañas de Lobadiz, na parroquia de San Xurxo.

 Alí tampouco tiven sorte. De feito apenas había puntos de auga aínda. O que levantei nada máis chegar foi unha Becacina (Gallinago gallinago). Poño algo parecido a unha foto...(na miña defensa alego que estaba xa no quinto pino e non había luz..)


 Con esta Carriza dos xuncos (Cisticola juncidis) tiven máis sorte, e puiden retratala de maneira máis digna.


 E andaba eu atento aos anfibios e saltou a sorpresa: dúas Escribentas laponas (Calcarius laponicus) decidiron sair voando a varios metros de min, no medio dunha pequena xunqueira. Colléronme totalmente de sorpresa e non puiden sacar foto. Unha pena. Esta é unha desas rarezas polas que os máis "frikies" da ornitoloxía, os "bimbeiros", son capaces de facerse 1000 km en coche para velas...

 Decidín cambiar de aires e de obxectivo.

 É ben sabido que Ferrol foi históricamente unha cidade de importancia estratéxica para a mariña de guerra. Unha consecuencia disto é a existencia dunha morea de antigas baterías de defensa espalladas por todo o litoral da comarca ata Valdoviño, case todas abandonadas hoxe en día.



 Os túneis dalgunhas destas instalacións están agora inundados e ofrecen unha nova oportunidade para a cría de varias especies de anfibios.


  Ou para a flora acuática, coma a Espiga de auga (Potamogeton natans), que posúe tamén follas flotantes.


 
 Fóra do túnel sorprendeume un xuvenil de Lagarto das silvas (Lacerta schereiberi), que non puiden retratar. Unha cita moi tardía, desde logo, para tratarse dun lagarto.

  O que sí puiden fotografar foi este Sapo raxado (Discoglossus galganoi), que case pisei, nunha charqueira.


A pesar do grave despiste de deixar a lanterna no coche, metínme un pouco polo túnel, ata onde a luz do día mo permitíu.
   Os Tritóns comúns (Lisotriton boscai) son residentes permanentes destas instalacións. Aínda que non son moi amigo de manipular a fauna para a súa observación, a falta de luz obrigoume a coller un exemplar para ilustrar o blogue.


 Había larvas da especie por aló. A diferenza dos cucharóns de anuro, os de tritón (ou píntega) teñen desde que nacen as patas dianteiras, saíndo posteriormente as traseiras. As branquias externas, para poder respirar baixo a auga, son outra notable diferenza con respecto ás larvas de rás e sapos que, por carecer desta "tecnoloxía",  necesitan subir á superficie para respirar..


Tamén había varios machos de Tritón verde (Triturus marmoratus). Durante o período de celo desarrollan cristas moi vistosas no corpo e cola, e a súa pel vólvese máis escura e granulosa. Este exemplar comezaba a amosar estes caracteres.


 Sorprendentemente, observei cando menos, unha larva relativamente xoven (duns dous meses, como moito) de marmoratus. Un dato realmente interesante, toda vez que a especie abandona habitualmente a fase acuática en Maio-Xuño, volvendo á auga nestes días de Novembro.

 Polo tanto, á vista da existencia destes cucharóns de T. marmoratus, podemos deducir que algunha exmplar prolongou o seu período reprodutor nestes túneis ata o mes de Setembro, máis ou menos

 Coméntame Pedro Galán no correo privado que é certamente sorprendente esta observación, pero que pode ser efectivamente unha posta tardía, debido ás características tan especiais deste hábitat. Polo que me di, semella que aínda nos queda moito por aprender sobre a bioloxía dos tritóns.

  Ata a próxima!

9 comentarios:

  1. A extrateixa de verdade é a plantación de piñeiros, cuadriculada, a 5 pasos, que fixeron.
    ¿Non viche?. Os da Asociación de Veciños o ten moi craro. Mercaron maquinaria e todo. Quizáis non "alarme" tanto, pero non sei se será peor co campo de golf que quixeron... que tampouco o quero.
    A mín amargoume a tarde hai uns días.
    Non me gusta nadiña....
    Apertas
    Paco
    Nesos tuneis alguén amosoume unha Salamandra por primeira vez. Sempre hai charqueira para entrar neles.

    ResponderEliminar
  2. Pois eu aínda non vin a repoboación esa, Paco. Xa mo comentara Piedade, da SGHN, pero non atopei o sitio de marras. Aparentemente as brañas... estarían fóra desa actuación?

    Por certo, non dixen que fosen os túneis de Lobadiz. Xa comentei que hai moitas baterías abandonadas entre Chanteiro, Prior, Montefaro, Campelo, Valdoviño, etc.

    Por motivos de seguridade preferín non concretar o sitio (hai moito traficante ileagl de anfibios polo mundo adiante, Paco). Probablemente te recordaron aos de Lobadiz porque todos se parecen bastante.

    Unha aperta e grazas por comentar.

    ResponderEliminar
  3. Boas Xabi,
    nos temos atopado T.marmoratus na auga ben entrado agosto, supoño que hai moita variabilidade dentro das diferentes zonas.

    Cesar

    ResponderEliminar
  4. Ben, pero recorda que estamos a falar de unha localidade costeira, a nivel do mar. Vós.. ¿ónde o atopáchedes en Agosto?

    Por outra banda, coincido contigo en que de un sitio a outro a cousa debe variar dabondo. Hai anos recordo ver na auga algún L.helveticus na lagoa de Doniños precisamente no mes de Agosto. Unha especie que, como ben sabes, abandona a auga normalmente bastante antes.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  5. Teño que revisalo pero seguro que no val do Arnoia atoparamos algun. Pero a fenoloxia dos anfibios en Galicia e casi tan variable como en toda a Peninsula iberica, tanta variabilidade de habitats, climas e altitudes e o que ten..

    ResponderEliminar
  6. Bueno, non fai falta que revises, César (sei o choio que dá iso, e non vale a pena tampouco).

    Coma ben dís, a variabilidade que temos na Galiza é algo sen parangón na península, na miña humilde a afeizoada opinión. Se acaso en Nafarroa pode ocorrer algo parecido.

    Porque aquí temos unha diferenza pluviométrica e térmica tan acusada entre unhas comarcas e outras que non sei se haberá caso igual no contexto peninsular en tan pouco espazo xeográfico (en grao extremo: Xistral-Verín). Non sei que opinas ti, que te moves moito por terras portuguesas...

    ResponderEliminar
  7. Si, probablemente se algun dia fosemos quen de desactivar o xen minifundista e facer unha rede cooperativa de datos fenoloxicos a xente tolearia tentando analizar os datos.

    ResponderEliminar
  8. Boas Xabi...stegnogramma pozoi eu descartariao...mira por Athyrium filix-mas, pro non sei é un comentario á presa sen revisar bibliografía, e os felgos convén miralos tamén polo revés, e pra máis sempre me provocan brotes de dislexia e confusión entre eles. A mala memoria.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  9. Pois se me pasara o athyrium (non o vín na guía). Desde logo, polo hábitat de bosque de inundación que semella que lle gosta, ten pinta, ten..
    A ver se a próxima vez levo a lupa encima e lle fago unha inspección máis rigurosa.

    Graciñas polo comentario.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos