Seguidores e seguidoras

mércores, 23 de novembro de 2011

Requiem por un humidal

Hai un días falaba aquí sobre o humidal de San Xurxo, no concello coruñés de Ferrol. O proceso de colmatación é algo natural en todas as zonas húmidas pantanosas, que comeza cubríndoas de vexetación palustre primeiro, e arbustiva/arbórea finalmente. Así aconteceu probablemente en Pantín ou San Xurxo, e ocurrirá tamén na Frouxeira.

 Sen embargo, parece lóxico pensar que pode haber outros factores, non tan naturais, que aceleren un pouco a velocidade destes procesos de colmatación. Por exemplo, o cambio climático (por diminución das precipitacións e aumento das temperaturas) ou as masivas repoboacións de Eucaliptos nas ladeiras veciñas, que secaron moitos pequenos regatos e mananciais, tributarios do cauce principal do Carregal de San Xurxo.

 Máis aló da especulación ou das hipóteses que teñamos, o feito obxectivo é a desaparición desta pequena pero interesante zona húmida litoral na costa ferrolá.

 A día de hoxe, a súa recuperación semella imposíbel e irreversíbel, (para moitos ortodoxos é un tabú iso de "intervir" no medio). Pero quero mostar unhas fotos que, na miña opinión,  puideran representar moi ben o aspecto que tiña o Carregal hai cen ou douscentos anos.

 Hai un par de anos estiven pola Costa da Morte, a Meca do Percebe e das rarezas ornitolóxicas, e tomei estas fotos da Lagoa de Traba. O seu aspecto é o dunha canaveira de Phragmites australis, cunha boa zona de augas libres e, aparentemente, con boa profundidade.



 Probablemente o humidal de San Xurxo tería un aspecto moi semellante ata non hai moitas décadas. De feito, cando comezaba as miñas "andainas" naturalistas, aínda conservaba un par de lagoíñas interiores, onde aniñaban as acuáticas e flotaban os fermosos Ambroíños de río (Nymphaea alba), ao igal que na veciña lagoa de Doniños.

 Meténdome no máis profundo do canaval, coas correspondentes botas de cana alta, chegábase ás augas libres,  onde as vistas eran moi parecidas a esta foto de Traba, aínda que a masa de auga era notablemente menor (e o límite entre vexetación palustre e augas libres non era tan definido coma na foto).



  Supoño que no tempo en que coñeceron este lugar de San Xurxo os naturalistas máis veteranos (Souza ou Silvar) estaría pouco máis ou menos igual, pois foi dez ou quince anos antes. É unha pena que non haxa fotos nin tampouco datos recollidos da primeira metade do século vinte, dada a relativa xuventude da actividade naturalista no noso país, en comparanza co "mundo civilizado".

 Pero góstame pensar que Traba representa un estado anterior ao que coñecín de San Xurxo. E que moitos de nós perdimos de coñecer por non ter nacido cincuenta anos antes.



  Hoxe en día, de conservar esta (posíbel) fisonomía, sería un lugar punteiro na zona para as aves asociadas a este medio. Hai que ter en conta que, case, case, se sitúa a medio camiño entre a lagoa de Doniños e a da Frouxeira.

 En fin, deixemos o "Naturalismo-fición" e, volvendo ao planeta Terra, despídome de vós.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos