Seguidores e seguidoras

xoves, 15 de decembro de 2011

A grande inundación

Estes días a lagoa litoral da Frouxeira, en Valdoviño, está chea a rebosar. Coma soe pasar durante o verán e outono, a canle pola que desemboca ao mar acabou por pecharse, orixinando un aumento paulatino do nivel da lagoa, debido aos aportes aluviais e pluviais.


 Normalmente, na maioría dos humidais a riqueza en biodiversidade está directamente relacionada coa cantidade de auga. A máis auga, máis bichos, simplemente. Se o líquido elemento non está presente, pois a fauna acuática desaparece, como ocorreu nas Tablas de Daimiel.  E cando máis auga hai, pois máis biodiversidade haberá tamén, como pasa en Villafáfila, sen ir máis lonxe.

Seguramente é por iso que moita xente pensa que canta máis auga teña A Frouxeira, máis aves acuáticas vai haber. Pero resulta que, neste caso, non é así.

 Como sabemos, o valor medioambiental máis notábel dun humidal son as comunidades de aves asociadas. Por moito que nos podan interesar os anfibios, os odonatos, os invertebrados, a fauna piscícola ou a flora, todas as figuras de protección que teñen a maioría das nosas lagoas e rías (Ramsar, LIC ou ZEPA) son debidas ao interese que para a avifauna posúen.  Porque se nun humidal hai unha comunidade de acuáticas rica e diversa, normalmente saberemos que ese humidal está sano.
 Polo tanto cómpre conservar este valor, como garante da conservación do propio humidal. Penso que niso estamos todos e todas dacordo.



  No caso que nos ocupa, como xa expresei en todas as ocasións en que puiden, considero que o nivel hídrico que chega a acadar A Frouxeira case todos os anos resulta prexudicial para algunhas especies moi importantes que viven na lagoa e canaveira.

 Arestora penso que a profundidade máxima das augas pode andar polos dous metros e pico, incluíndo a capa de lodos do fondo (hai muitos anos que non me meto nela e non lembro ben..). E se non se intervén abrindo a canle, como semella que é a postura da Xunta, vai subir aínda moito máis antes de que acabe desbordando por sí mesma. Pois fóron moitos os cambios que sofreu A Frouxeira ao longo do século pasado, tanto na lagoa, na canle ou na barra dunar.
 O feito é que a día de hoxe, o nivel de "rebose" natural é moito máis alto que ese metro e medio, aproximadamente, que era o que tiña antes. Tal como indica a propia fisonomía do reborde terrestre da lagoa, as miñas observacións persoais,.....E como tamén explicaba Genaro Dalda, no seu "Estudio fitológico da Frouxeira", realizado nos anos sesenta, e no que sinalaba un nivel así como de "apertura espontánea".

O problema, para min, está no asolagamento da masa de Pragmites/Scirpus/Juncus, xa que no interior na marisma hai áreas abertas con vexetación baixa que son lugares de alimentación e repouso para moitas aves, como a ameazada Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus).

 Podemos ver na foto coma os claros do centro permanecen agora baixo unha lámina de auga. Podo asegurarvos que, durante a Primavera, a presenza de Escribentas por esa zona que permanece agora inundada é constante.


  Pero o que eu diga pouco importa. E menos á Admistración, así que non vou perder máis tempo niso.

 Simplemente deberemos contemplar como a fisonomía da lagoa vai mudar nos próximos anos. E que conste que non todo é malo, porque hai un aspecto que vai ser positivo, con toda certeza.

 Debido a esta idea de intervención mínima que teñen os expertos contratados pola Xunta, a consecuencia inmediata  vai ser unha diminución na oscilación do nivel. Que agora viña sendo demasiado brusco, entre os períodos de seca e crecida. Así pois, o mantemento dunha certa estabilidade de nivel durante a época reprodutora vai repercutir moi probablemente no incremento das poboacións de acuáticas nidificantes.

 Especies moi escasas actualmente como a Galiñola (Fulica atra) ou o Mergullón (Tachybaptus ruficollis) han ver medrar exponencialmente os seus efectivos. Non teño ningunha dúbida. O mesmo que as anátidas. Tal e como pasou no ano 2003, en que se incomunicou a lagoa do mar durante a Primavera, debido á crise do Prestige.

 Eu non cuestiono que se intenten minimizar os cambios bruscos de nivel. Estou completamente dacordo con iso!! (aínda que suporá a perda das poboacións migrantes de varios milleiros de limícolas). O que non comparto en absoluto é que sexa a costa de deixar subir a lagoa ata os dous metros e medio ou tres. Porque, se ninguén abre a canle, ése é o nivel que vai coller. Podedes imaxinar cómo han quedar as xunqueiras.

 Tamén comparto que as actuacións humanas por medio de pás escavadoras é algo antinatural, que nun ecosistema sano non ten cabida. Polo tanto sería moi desexábel que o ser humano non tivera que intervir, sendo a propia lagoa a que se autorregulase. Pero actualmente penso que é moi aconsellábel facelo.




 Con respecto a que se vexan afectadas as pistas e fincas da ribeira, pois por min, coma se chove, vaia. Coincido cos colegas de Verdegaia e da SGHN que esa pista é algo artificial,que nunca debeu ser construída. Parteu unha canaveira pola metade, e acabou derivando nunha presenza humana insoportábel hoxe en día, no que debe ser un lugar onde a fauna e a flora sexan protagonistas silenciosos. 

  E se hai anos permitiron que se urbanizara no mesmo borde da lagoa, con chaléts de segunda residencia, pois será problema de quen o permitíu e dos seus propietarios.



 En fin, espereremos que ese tan esperado Estudo sobre A Frouxeira sexa sensato e as persoas que o leven a cabo saiban responder a este importante desafío, para conservar a (para mín) máis importante lagoa litoral galega.

 Para rematar, déixovos cunhas fotos de Gaivotas, que andaban acojonadas polos campos de Taraza. Non era para menos, vendo a que estaba caendo no mar... 

 Eu son bastante inepto nisto das Gaivotas, e non me atrevo a dicir se son cachinnas, michahellis de terceiro inverno ou argentatus de segundo. Tampouco as miñas guías de que dispoño me permiten facelo, todo hai que dicilo.. Seguro que a algún colega lle han gostar as fotos.

Unha aperta. 











5 comentarios:

  1. Andiven un pouco fora da rede dun tempo a esta parte, pero estiven poñéndome ó día, e teño que darche os parabéns polas fotos. As do martiño, pese ó que digas son moi meritorias. Pouco che falta para que sexa a cámara a que non che faga xustiza.
    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Moi completa a entrada Xabi. A ver como vai a invernada...

    Unha aperta,
    Damián

    ResponderEliminar
  3. Sodes todos moi amábeis conmigo. Demasiado. Metede algo de caña tamén, coño, que a crítica é necesaria sempre e, ademáis, xa sabes que me vai a marcha...

    Teño que anunciarte, en primicia, que esta fin de semana quizá poda meter fotos reflex. Choriceille a cámara (Canon 250 mm)a Pepe Vidal durante uns días, para ver como vai.

    Se a saúde mo permite, claro. Porque hoxe tiven un pequeno accidente laboral no barco e ando medio cascado (caínme e levei un golpe moi forte no óso sacro)

    Un abrazo e grazas pola visita. Xa te botaba de menos.

    ResponderEliminar
  4. Olá Dámián. A invernada penso que non vai serdestacada. O alto nível das augas está penalizando claramente a presenza de anátidas de superficie (crecca, penelope, clypeata, platyrhynchos).
    E a invernada dos Aythya penso que xa está estabelecida, cun número moi cativo.

    O pior vai ser contar os bichos. Porque esa é outra. Non imaxinas a enorme diferenza entre un censo con lagoa chea e un censo con lagoa baleira. Abismal en dificultade e precisión.

    Tal como está é literalmente imposíbel sacar unha precisión superior ao, digamos... 30%.

    Un abrazo, máquina!

    ResponderEliminar
  5. Por certo, o meu primeiro comentario era para Marcos, lóxicamente.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos