Hoxe fun con Manuel Arzúa polos montes de Goente (As Pontes). Un pequeno "problemiña intestinal" (produto quizá dos medicamentos que estou a tomar) obrigounos a reducir a visita máis do que quixéramos. Unha pena, porque facía unha mañá preciosa.
A pesar da brevidade da visita, puidemos atopar as primeiras postas do noso anfibio máis resistente: a Rá vermella (Rana temporaria). Poño unhas fotos da especie, cedidas por ese magnífico herpetólogo que é Martiño Cabana. A primeira é dun exemplar con coloración típica da zona:
A segunda mostra un adulto de fase "laranxa" e case sen pigmentación. Esta variedade cromática é pouco común en Ferrolterra. Penso que quizá podan ser algo máis frecuentes na provincia de Lugo, onde a teño observado en bastantes ocasións.
Hai poucos anfibios en Europa tan sumamente resistentes ao frío como esta rá (supoño que a Rana arvalis e poucos máis). É tan dura que, agás na montaña, escolle os meses máis fríos do ano para se reproduciren. Por se fose pouco ten predilección polas comarcas máis frías e húmidas, tanto a nivel europeu, como a nivel peninsular, onde só aparece no extremo Norte.
Nas comarcas de Ferrol-Ortegal e A Mariña atópase excepcionalmente ao nivel do mar. A suavidade e humidade relativa do noso verán ten moito que ver nisto. Mais ao Sur, a Rá vermella vai subindo en altitude progresivamente e, en Ourense, só podemos atopala xa na alta montaña, a partir dos 1400 metros.
Aquí podemos ver como estaban conxelados os charcos de posta.Porque hai que dicir que a mañá era fría (-2º C nos vales da zona)
Aínda que pareza sorprendente, resulta moi habitual ver as postas de ovos desta especie baixo unha grosa capa de xeo. Coma curiosidade, temos atopado, na Serra da Capelada, masas de ovos depositadas directamente sobre a neve! Qué magnífico animal!
Neste charco, debaixo do xeo, aparecían varias masas globosas de ovos.
Aproveitamos a nova cámara sumerxíbel de Manu (non é broma) para sacar unhas fotos moi chulas dos ovos, a curta distancia. Para que os especialistas se fixen nos detalles (eu a este nivel xa me perdo...)
Os ovos desenvolven unha especie de envolta xelatinosa ao seu arredor, ata o momento da eclosión, cando aparecerá un cucharón diminuto e case negro.
As postas de hoxe semellaban pequenas en canto a número,aínda que non "censei" os ovos. Quizá porque as primeiras femias que chegan ás charcas podan ser as de menor tamaño (non o sei). Pero avanzada a temporada reprodutora poderemos encontrar probablemente masas de ovos de maior tamaño.
Tiñamos intención de prospectar unha charca moi interesante pero a ameaza dun novo bombardeo intestinal aconsellou unha prudente fuxida para retaguardia. E volvimos para Ferrol a toda pastilla (nunca mellor dito o da pastilla).
Vémonos na próxima entrada. Espero que con mellor saúde, porque vaia Navidades que levo...
Cal é a marca e modelo da cámara, rapaz? Parece mentira que se poida meter a cámara así e sacar fotos sen unha caixa impermeables.
ResponderEliminarMartiño
Pregúntalle a Manu, macho. Eu tamén flipei ata que o vin...
ResponderEliminarBoas Xabi,
ResponderEliminarhai estudos dos balticos que falan do agrupamento das postas e a resistencia a conxelacion.
Nos tiñamos no traballo unhas olympus pequenas sumerxibles, ainda que as fotos non eran pa botar foguetes..
Cesar
Non estou seguro, César, pero penso que nalgún sitio mesmo lín que para a lograr a maduración das células sexuais, as femias necesitaban uns días con temperaturas inferiores a 5º C. Como non recordo onde foi preferín non poñelo na entrada.
ResponderEliminarUnha aperta.
Saúdos colegas.
ResponderEliminarA cámara é unha FUJIFILM FINEPIX XP30 (14MP, zoom óptico 5x e con GPS)pequena, manexable e resistente a caídas de 1,5m., sumerxible 5m. polo de agora estou contento...aínda non a probei moito, pois a auga está moi fría (por certo, tamén soporta temperaturas ata -10º).
PD: Por desgracia, non teño comisións
Ostias, e con GPS. Pena que hai crise que senón dábame un "homenaje".
ResponderEliminarHala, pois a facer fotos de bichos baixo a auga!!!
Martiño