Seguidores e seguidoras

domingo, 25 de decembro de 2011

Paseando pola Frouxeira (2ª parte)

 Isto de pasear polo campo levando simplemente a cámara fotográfica ten unha cousa moi boa. O feito de non carrexar os binóculos nin o telescopio, de non ter que preocuparse por censar ou de levantar pedras, nin de facer sequera anotacións no cuaderno de campo, deixa a ún totalmente libre para se adicar á fotografía.

 Algo que, por outra banda, está a darme unha segunda "xuventude" no que saír ao campo se refire. Agora podo degustar mellor as pequenas cousas ás que ata hai pouco apenas prestaba atención. O cotián transfórmase en algo novidoso, logo de velo retratado nunha fotografía.

 Nos campos de Taraza, por exemplo, sorprendín este Coello (Orictolagus cuniculus).


 Probablemente para moitos lectores non sexa unha observación demasiado chamativa. Pero por estas terras do Norte, por encima do Golfo Ártabro, o Coello é moi escaso. As súas claras preferencias por solos areentos e secos, como os que dispón no Mediterráneo, fai que por Ferrolterra sexa un animal francamente escaso, que se atopa básicamente en montes de interior e costeiros con toxeiras baixas e áreas pedreguentas. Casualmente, comparte prácticamente o mesmo hábitat e distribución na zona con outro bicho de procedencia mediterránea: o Lagarto arnal (Timon lepidus).

 Falo dos Coellos salvaxes, por suposto. Porque non podemos esquecer que A Frouxeira está dentro dun enorme coto de caza (TECOR, agora) no que as soltas de especies cinexéticas son frecuentes.  Pero como digo, os Coellos autóctonos teñen unha distribución moi cativa. Este exemplar da foto, mesmo podería ser procedente dunha solta.


 Intentaba sacar unha foto decente da Lavandeira enloitada (M.alba yarrelli) e tiven un encontro cun paisano moi pouco amistoso..

 Xa cando pasei pola súa casa e lle dei os bós días, ao tipo custoulle un mundo contestar un escueto "Olá". Logo eu púxenme a fotografar a un lado e a outro, moi perto da súa finca. E claro, para un galego, todo aquel que anda mirando para a súa casa ou terra está facendo mal, ata que se demonstre o contrario!

 Así que despois dun rato observándome con desconfianza mentras intentaba retratar a Lavandeira, oínlle dicir a outro que estaba con el: - "..voulle dar un toque..."

  Entón achegouse a min, cunha mirada doente, e preguntoume nun ton francamente hostil:

- "E logho...¿qué anda solucionando por aqui?"

 Aguantándome a risa, resposteille que non andaba "solucionando" nada e que só quería fotografar paxaros. Monstreille unhas cantas fotos para enfriar o ambiente, e o nacho xa se relaxou un pouco.

 En fin, son moitos anos, e estas cousas forman parte do "oficio" de naturalista no rural galego. Menos mal que aquí non hai armas coma nos USA...

 Sigo. A sorpresa do día foi unha Papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala). Ave dicíl e tímida. Pero que hoxe, por isto do Nadal, tivo a ben pousar un pouco para saír neste blogue.

 Trátase dun sílvido de moi recente colonización na comarca de Ferrol, con primeiras citas propias en 1985. Hoxe en día é, sen embargo, unha das papuxas máis comúns en áreas arbustivas. Quizá mesmo puidese desprazar á anteriormente máis común Sylvia communis, coa que comparte un hábitat bastante parecido.


 A plumaxe do macho..inconfundíbel.



Desde logo é difícil que volva atopar outro exemplar tan confiado..


 Nunha cuneta, había unha pequena charca, na que varios machos de Tritón común (Lissotriton Boscai) esperaban a presenza dalgunha femia con ganas de marcha.



 Mentres estaba cos Pintafontes (como tamén se denominan os Tritóns) escoitei o inconfundíbel reclamo da Choia de bico vermello (Pyrrhocorax pyrrhocorax). Un bando de sete exemplares pasaba lonxe (tiven que "liquidar" ún co photoshop)



  Logo voltei ao bosque de ribeira, no que os numerosos cantos dos paseriformes animaban moito a xornada. Semella que a algún xa lle parece Primavera.

 Pero quen máis follón montaba rebulindo entre as pólas dos Ameneiros era este Esquío (Scirius vulgaris):


 Ao igual ca Papuxa cabecinegra, o Esquío é  de recente aparición na comarca (vino por primeira vez na Frouxeira en Marzo do 89, creo).  Agora xa é un animal familiar e recoñecido por todos.


 O mellor veu xusto antes. Por primeira vez conseguín fotografar un Peto real (Dendrocopos major).


 Estas fotos hanlle gostar a Paco, estou seguro..


 Desde logo empezo a entender aos colegas fotógrafos. Como digo sempre, non se poden facer varias cousas a un tempo. Se censas, censas, se levantas pedras para herpetos non podes mirar ao ceo, e se queres fotografar en serio, tes que abandonar outras actividades. Estes días toca fotografía.

 Unha xornada moi bonita, en definitiva, e que, seguro, repetirei. Polo menos mentras siga cos problemas no ombro e de baixa.

 Un saúdo e felices festas.

2 comentarios:

  1. Claro que me gustan Xabi, no es fácil pillarlo bien.
    Ya sabes que soy de la opinión que el Peto en la zona costeira de Ferrol disminuyó mucho.
    Saludos y felicies fiestas a todos.
    Paco

    ResponderEliminar
  2. Eu penso coma ti sobre a súa diminución.

    Supoño que ao explotar un recurso tan especializado como son as larvas de insectos que viven no interior dos troncos, debeu padecer moito o cambio de vexetación na nosa zona.

    Non son entomólogo, pero me dá que nos Eucaliptos non debe de haber moita "chicha".

    Un abrazo e feliz gaivoteo nestas festas. Que o Papá Noel da Cocacola (o orixinal era verde) che traia moitas anelas...

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos