Seguidores e seguidoras

xoves, 8 de decembro de 2011

Precenso na ría de Ferrol

No mes de Decembro fago habitualmente o que denomino os "precensos". Ou sexa, unha serie de visitas previas, cara os censos de invernantes que se fan todos os anos en Xaneiro. Así podemos ir tendo unha idea aproximada de como está a cousa en cada localidade. Aínda que logo poda vir unha vaga de frío e mudar bastante o panorama (normalmente para mellor!).

 Hoxe dei unha volta pola ría de Ferrol. Cando non dispoño de moito tempo, paro só nos meus tres sitios favoritos: Barallobre, San Valentín e Neda.

 O tempo por aquí segue chuvioso, e as horas da mañá sucédense cunha luz malísima, que impide sacar fotografías decentes coa miña compacta. O orballo hoxe apenas me deu tregua.
 Esta foto, ademáis, ten algo de masoquismo (sabendo que mañá non fago "ponte" e terei que ir currar baixo aqueles guindastres do fondo...)


  Isto foi o que vin hoxe:

- 75 Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis) en Barallobre-Maniños, coma sempre. Segue aumentando o número de exemplares conforme se achega o Nadal. Hoxe o grupo aparecía fragmentado en varios bandos menores e pescando moi activamente. Todo un reto censalos ben nesas circunstancias, dou fé.


 - 305 Alavancos (Anas platyrhynchos) só no fondo da ría, a zona de maior interese para as anátidas.
- 1 Pato culler (Anas clypeat) femia. Especie rara na localidade.
- 4 Patos rabilongos (Anas acuta). Éstes son últimamente invernantes regulares, sempre en pequeno número.
- 149 Piros comúns (Calidris alpina) en Fene.
- 3 Gaivotas cabecinegras (Larus melanocephalus), todas adultas.
- 1100 Gaivotas choronas (Larus ridibundus) en Neda-Narón, que concentra habitualmente un 30% do total da especie na ría. Polo menos puiden  sacar unha foto decente..


  Para os amigos gaivoteiros, comento-vos que o intermareal de Neda-Narón é, con moita diferenza, o mellor lugar para gaivotas da ría, tanto en cantidade coma en calidade. Por certo... houbo "sentinazo". Observei varias gaivotas, grandes e pequenas, manchadas no ventre.


 Os Gaivotóns (Larus marinus) nunca faltan á cita. Hoxe había 2 adultos e quizá un xoven.


 De regalo, 2 Gaivotas canas (Larus canus) xuvenís. Poño unha foto testemuñal (cando non se pode non se pode, e ademáis é imposíbel..)


 Ao longo de toda a mañá os Carráns cristados (Sterna sandvicensis) eran unha compaña constante por toda a ribeira Sur da ría.



 En fin, que a cousa se vai animando.

 Ata a próxima.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos