Seguidores e seguidoras

domingo, 29 de abril de 2012

Bicheando con José Curt Martínez

  Houbo algunhas entradas, moi especiais para min, que considero que son merecedoras dunha  "segunda edición". Non teño tempo para explicalo pero vai unha entrada  sobre alguén moi especial para mín. Vexo que houbo unha aparición recente de novos seguidores de "Bichos" e quero que, sobre todo a xente nova,  coñeza a Curt, O MESTRE dos naturalistas galegos.

  Na segunda xornada da visita de José Curt a Ferrol, era obrigado pasar polos novos locais e museu da Sociedade Galega de Historia Natural. Especialmente tendo en conta a condición de socio que José posúe desde a mesma criación da Sociedade.
 Os paneis e vitrinas que temos non han aburrir a ningún afeizoado á Natureza que veña por aquí. Esta Pitón foi atopada hai anos no meu barrio de orixe (xúrovos que non teño nada que ver). No museu expóñense a pel orixinal, o esquelete da susodicha e unha naturalización, en fibra de vidro, tomado do propio bicho (e que aparece na foto)


 Para non enrollarme, direi que hai de todo: peles de mamíferos carnívoros de todo tipo...


 ..coleccións botánicas terrestres e acuáticas...


  ...paneis con pegadas e excrementos de mamíferos..


 ... ou vitrinas con cunchas mariñas e peixes abisais alucinantes, propios de películas de terror.

    Curt e Silvar, vellos coñecidos, charlaban animadamente, diante da mirada de Laura e Manu. Pepe observaba atentamente as cunchas, buscando algo "coñecido" como Berberechos, Langostas, Percebes ou Nécoras...


  José pedíume específicamente que lle sacara unha foto diante desta Lura xigante (non te preocupes, José,  que non me olvido de mandarche as fotos orixinais)


 Como agora está metido nun tema relativo a cetáceos, solicitoume tamén esta foto, diante do esquelete dun Zifio, onde sinala o estrano da súa cavidade craneal, cunha funcionalidade aínda pouco coñecida.


 Pedínlle a Paco Girón que pasara por aquí para que se puidese apreciar o tamaño deste Caldeirón (Globicephala melas)


 Tamén temos espazo para a entomoloxía. Este panel, aínda en proceso de montaxe, encantoume.


  Pero faltaba o máis bonito da visita. José Curt, un grande amante dos hérpetos, pedíunos que o levásemos por charcas a buscar anfibios. Parece que a cousa herpetolóxica está negra por Madrid, e xa lle tardaba volver a desfrutar da observación e o contacto con estes bichos.
 Aproveitando que eu a Manu temos os correspondentes permisos da Xunta para a manipulación da fauna, fomos prospectar unhas charcas na zona das Pontes, a ver se atopábamos novidades que aportar ao Atlas de hérpetos da SGHN. Así que nos armamos do equipo habitual e fomos direitos a dúas charcas próximas a Goente.
  Peroalmente descoñecía qué nos podía deparar esta Primavera tan anómala no que á climatoloxía se refire. Collín o trueiro e as botas altas, e me metín na charca.


  A tarefa non era doada, debido á abondancia de flora subacuática que dificulta moito o manexo do trueiro e empeora os resultados da pasada, debido á velocidade lenta coa que tes que avanzar a manga. Ademáis nestas condicións o desarraigo producido na vexetación dos fondo e a fauna asociada é moi grande. Un motivo para non facer demasiadas pasadas. E un motivo tamén para reflexionar sobre as contradicións que temos ás veces os naturalistas durante as nosas observacións, por seren, no fondo, unha práctica agresiva (por exemplo estas pasadas con trueiro, o anelamento de aves con redes ou o levantamento de pedras alterando comunidades de invertebrados).

Aínda que deixara a lupa e a clave de identificación na casa, temos a sorte de contar coa inestimable axuda de Martiño Cabana e Pedro Galán. Grazas a eles puidemos confirmar as nosas sospeitas de que este cucharón correspondía a un Sapiño comadrón (Alytes obstetricans), unha cita nova na cuadrícula do Atlas. Bingo!


 Curt non perdía detalle de canto sacaba na rede. Básicamente larvas de libélula.


 Logo baixamos ata as fragas do Eume. Nun lugar onde se concentra unha enorme diversidade de anfibios anuros e urodelos, buscábamos a nosa xoia, para ensinarlla a José. Pero antes dela, apareceu outro animal igualmente "fotoxénico", sobre todo polo seu tamaño: o Tritón verde (Triturus marmoratus). Unha nube de paparazzis apareceu de repente  cos seu flashes, para retratar esta femia recén capturada.


 Como lle comentaba a Pepe Vidal, durante a fase acuática os Tritóns verdes amosan unha coloración moi escura, case negra, e moi diferente do fermosísimo verde claro que manteñen durante a etapa terrestre.


 Pouco despois capturamos e identificamos varias larvas desta mesma especie. A diferenza dos cucharóns de anuro, os de urodelo sacan primeiro as patas dianteiras  (nas rás e sapos saen antes as patas traseiras). Estes xa eran bastante desarrollados e daquela tiñan xa os catro membros completos. As manchas negras das cristas caudais e a cola afinada, rematada nun filamento, son rasgos diagnósticos da especie no noso país.


 E, por fin, atopamos dúas Saramagantas (Chioglossa lusitanica), no seu hábitat característico de manancial sombrizo, cheo de musgos e pedras. Foi un momento de enorme ledicia para Curt que, como me dixo, había trinta anos que non observaba tan fantástico animal.


 Antes da despedida, fomos xantar unhas tapas pola Terra Chá. Como facía calor no restaurante aquel, eu intentaba abanicar ao mestre coa man, mentras Manu sopraba con forza... Se nos chega a pedir que bailásemos unha danza de Swazilandia en pelotas, non tardamos un segundo.


 Como despedida, esta foto con José Curt, eu, Manu Arzúa e Pepe Vidal (xa que eu fun vexetariano durante anos, obrigáronme a desfacer a carne do coello, lóxicamente).



  Qué tres días inolvidábeis pasamos...Probablemente habemos de falar deles durante anos.

 Estas dúas entradas tan especiais quero adicalas con todo o cariño a Manu e a Pepe (as dúas persoas máis bonachonas que ún poida imaxinar), que me axudaron moito durante todo este tempo, compartindo a "loxística" para que Curt se sentise o máis cómodo posíbel durante a súa estancia por terras galegas.
 Unha pena que, por diferentes motivos, algúns perdesen a ocasión de coñecelo e charlar con el persoalmente. Pola miña parte sei que fixen todo o que estivo na miña man, dentro dos requerimentos de discreción que José me marcara antes da súa visita. Outra ocasión haberá, seguramente.

 Ata a próxima!



6 comentarios:

  1. ¡¡Graciñas, Xabi, pola tua agarimosa dedicatoria!!
    Quero deixar constancia da miña enorme satisfacción por haber tido a gran sorte de disfrutar da compaña de tanta boaxente, destacando, en especial, a do mestre CURT e a dos seus aventaxados discípulos, Xabi Prieto e Manu Arzúa.
    Despois destos 3 días cheos de intensas e inesquecibles vivencias, sinto como un vacío interior o non poido reter un berro: ¡¡Quero mais!!
    Saúde e saúdos.
    Pepe Vidal.

    ResponderEliminar
  2. Todo isto haberá que gardalo no "disco duro", Pepe, para non o esquecer.

    E, probablemente, haberá máis...

    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  3. Ola Xabi:
    Alégrome moito por ti e por Manu as marabillosas xornadas que debestes de pasar con D. José Curt, mestre de mestres. Eu teño a súa guía de anfibios e réptiles da que falas, tan gastada que parece un manuscrito medieval.
    Estamos, o meu cuñado e máis eu, rematando de reformar a base de datos do Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia; en canto a teñamos xa vola enviarei a todos os colaboradores para que nos podades enviar os datos novos.
    Unha forte aperta. Moisés.

    ResponderEliminar
  4. OK, Moisés.

    Non teño moitas cousas novas para o Atlas, pero algunha hai. En canto xunte unhas cantas citas xa chas mando coma sempre.

    Sobre Curt,...non sei qué dicir. É outra cousa diferente a todo o que coñecín at agora. Outro nivel. Cando me contou que na súa primeira teporada en terras galegas (mentras estudaba en Marín) contemplou a lagoa de Antela, pois xa te maxinarás!!

    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  5. qué bo!!
    Graciñas!!!

    ResponderEliminar
  6. Graciñas a ti, "Simona" e benvida a este blogue. Sen os lectores e lectoras un blogue non é máis que un espazo baleiro. Éste foi o motivo de que os comentarios son públicos e libres, sen mediar aprovación previa.

    Iso si (por enésima vez) pídovos, POR FAVOR, que asinedes os comentarios. Sei que as normas de cortesía se perderon no camiño a esta sociedade da desinformación, pero ún aínda mantén unha serie de normas que considero elementais en calquera comunicación humana.

    Porque agora estou pensando, por exemplo, nunha "Simoniña" ("alias" Ana) que coñezo en Ferrol desde hai anos. E non me queda claro se és ti ou non.

    Por favor, asinade!!

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos