Seguidores e seguidoras

xoves, 2 de agosto de 2012

Begonte, as lagoas do Mergullón cristado

   Lembro, hai anos, o día que Óscar García me informara da primeira nidificación do Mergullón cristado (Podiceps cristatus) en Begonte. A noticia que me dera o ornitólogo chairego foi toda unha novidade para min naquela época, pois esta ave apenas era especie reprodutora na provincia de Ourense por aquel entón. Arestora xa o fai en Sobrado e nas Forcadas, por exemplo; e seguro que o vai facer a curto prazo no lago das Pontes. Pero naqueles tempos (debeu ser a finais dos noventa, penso) foi un notición.


 Había tempo que non visitaba as lagoas de Begonte, tamén coñecidas como de Riocaldo, de Pedroso,  e non sei cantos nomes máis terán. Son o resultado da naturalización dunhas antigas explotacións areeiras, aínda que a mina segue activa nun área cercana.


  Éste é un dos mellores exemplos de criación de humidais artificiais que coñezo. É certo que a construción de grandes encoros ocupando vales fluviais provoca normalmente a desaparición irreversíbel de hábitats. Un caso típico son os vales do Eume ou do Miño. E hai canteiras abertas en lugares de enorme valor ecolóxico como Trevinca ou Courel que deberan ser consideradas directamente crímenes contra a humanidade.
  Sen embargo non son poucas as ocasións en que este tipo de actividades humanas poden  acabar xenerando hábitats novos e moi valiosos. Encoros para rego como El Fondó (en Alacant) son un exemplo ben coñecido. Ou, no noso país, as areeiras da Limia.


  En Galiza temos unha serie de lagoas artificiais produto de explotacións abandonadas, que posúen un grande interese. Principalmente para as comunidades de anfibios e odonatos, pero as lagoas máis grandes, como Begonte, tamén para as aves. Especies como os Mergullóns (Podiceps cristatus e Tachybaptus ruficollis), a Galiñola (Fulica atra), a Píllara  pequena (Charadrius dubius) ou a Andoriña das Varreiras (Riparia riparia), foron claramente beneficiadas pola aparición destes humidais artificiais.
  Hoxe, mentras me achegaba coidadosamente á ribeira nun recuncho da lagoa principal, atopeime de súpeto con isto:


 Un niño ocupado de Mergullón cristado apareceu diante miña nunha pequena enseada moi resgardada. Eu quedeime todo o quieto que puiden, pero xa me viran. Deume tempo polo menos a disparar unha serie de fotos. Grazas a esta imaxe descobrín que tamén estaban chocando (no niño sobresaen dous ovos de cor crema).


  Digo tamén porque ún dos adultos saeu con este "personaje" no lombo. Un poliño precioso desfrutando (mentras dure) da posibilidade de ir nadando de balde, e sen gastar calorías.


  Certamente non coñezo un sitio mellor para afotar os Mergullóns cristados...


 Na ribeira suroeste apereceu chiando coma un tolo un Bilurico alinegro (Tringa ochropus). Con éste si que non houbo nin serie de fotos nin carallos. Unha foto testemuñal, e grazas...

Bilurico alinegro (Tringa ochropus)

 Coma atenuante alegarei que non atopaba o anel de enfoque...

 Por aló andaba tamén un Ganso canadiense (Branta canadiensis). Para min as anátidas exóticas non teñen interese ningún, pois penso que a maioría son procedentes de escapes e, por suposto, non reprodutores. Pero algún poderá apontar unha especie máis na súa lista de "bimbos".


  Nas xunqueiras había tal profusión de cabaliños do demo que parecía que os pisases. E non esaxero. Creo que na miña vida nunca vira tal cousa! A foto non fai idea do observado.


  Agora non teño tempo para mirar na guía, así que me limitarei a poñer unha foto.


 Tamén desfrutei un bon rato nunha charca nas ribeiras do río Ladra. Alí concentrábanse un bon número de Espiñentos (Gasterosteus aculeatus)


  Este pequeno peixe é comun nos encharcamentos da Terra Chá. Polo seu vistoso aspecto (especialmente os machos en celo) e polo seu comportamento, é moi coñecido polos naturalistas. Nunca dei atopado un niño, que fan os machos con algas do fondo para a posta da femia, pero sempre me fai feliz atoparme con eles. Ao contrario ca Gambusia (Gambusia affinis), que é unha especie americana invasora algo parecida, o Espiñento é un peixe autóctono e de moito interese.

 Espiñento (Gasterosteus aculeatus)


  O que non é autóctono, pero que xa o temos ata na sopa é... ISO.

Cangrexo vermello (Procambarus klarkii)

  Preferiría rematar cunha foto máis agradábel, pero é o que hai. Esta praga converteuse, na miña opinión, nun dos principais problemas ecolóxicos do noso país. Polo de agora as comunidades de anfibios resisten como poden nas lagoas de Begonte. Alegreime moito cando escoitei varios coros de P.perezi e algún canto de H.arborea. Sen embargo os transectos que fixen polas ribeiras máis apropiadas non deixaban moito lugar para a esperanza.

 Coa foto máis odiada polos amigos herpetólogos, déixovos. Ata outra!





4 comentarios:

  1. Fermosas fotos Xabi, moi boas. E o texto tan didáctico coma sempre (eu son dos que leo...).

    ResponderEliminar
  2. A "culpa" é da cámara, Quique. Co tele novo ata un fotógrafo tan túzaro coma min pode sacar instantáneas bonitas. Non imaxino o que daría de si nas mans de Rafa Loureiro, por exemplo.
    Unha aperta.
    PD: Deberías verme cando aparece algo de repente e, cos nervos, non atino cos botóns, acostumado á Fuji...

    ResponderEliminar
  3. Si. Ultimamente estamos a revisar bastantes canteiras e lagoas grandes na procura de odonatos e non facemos máis que ver cangrexos. Unha desgracia.
    O grupo de cabaliños do demo parece de Enallagma cyathigerum. O exemplar que está solo é de Ischnura graellsii. Esta é fácil. Ten unha luz ó final do abdome. I. pumilio ten o segmento 9 e parte do 8 azul. I. graellsii e I. elegans so no 8. Para distinguir ambas, I. elegans ten unha protuberancia no tórax e I. graellsii non. I. elegans é costeira e I. graellsii está en toda Galicia e poden ter híbridos, as moi capullas, o que fai que poida haber dificultades de identificación na costa, onde conviven ambas.
    Unha aperta,
    Martiño

    ResponderEliminar
  4. Graciñas Martiño, tomo nota. Eu estes días ando "empalmado" co novo teleobxectivo e non me paro apenas a mirar as cousas.

    Inisito en que nunca vira tal concentración de odonatos. Acordeime mito de ti e de Damián, que íades pasalo pipa aquel día. Tamén había moitas do grupo "Calopteryx e similar".

    Un abrazo!

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos