Seguidores e seguidoras

luns, 8 de abril de 2013

Unha sorpresa imprevista

  O meu cos Cirrios (Aps spp) é pura e dura mala sorte.  Hai un par de anos observei o que, sen dúbida, foi unha desas citas que pasan aos anuarios coma referencias históricas, quizá irrepetíbel. Grazas a Damián, entereime por casualidade que un Cirrio "con albinismo" que me acababa de pasar por diante na lagoa de Valdoviño un día de Maio non era senón un Cirrio do Pacífico (Apus pacificus), algo que suporía a primeira observación peninsular e das poucas do Paleártico. Vamos, iso que os rarólogos denominan un "mega". Pero dado que eu nin coñecía que existise tal cousa, decidín continuar co importante censo de Escribentas das canaveiras que estaba facendo na xunqueira, sen darlle maior importancia naquel momento.
   Agora a falta de fotografía (e de apelido do observador..) pois fai que aquela observación estea pudríndose no caixón de "posíbeis", a pesar da boa disposición e a deferencia que  tivo conmigo Ricard Gutiérrez, probablemente a única persoa, xunto con Damián, que lle deu visos de veracidade á cita. O ano pasado observei un Cirrio común con albinismo parcial e a Ricard lle encantou a miña explicación sobre as diferencias entre ún e outro exemplar; pero sei que sen foto... non hai caso.

Cirrio pálido (Apus pallidus) foto propiedade de birdsphotographer.com

   Pola mesma época, descubría tamén que os Cirrios que aniñaban nos guindastres do asteleiro no que traballo eran Cirrios pálidos (Apus pallidus). Igualmente foi por mera casualidade. Un comentario de Porfirio Solla, ornitólogo experto na especie, alertoume sobre a posibilidade de que fosen efectivamente pálidos eses cirrios que chegaban máis cedo do normal e que quedaban máis tarde, dentro da factoría. Un día armeime de valor e introducín uns binóculos e, medio escondido para que non me gravaran as cámaras de seguridade, puiden identificar claramente varios exemplares. 
   Pedín permiso para facer unha visita fóra de horas de traballo para meter a cámara e rexistrar aquilo, pero aínda estou esperando a resposta. A crise de carga de traballo que comezou daquela, así coma os cambios na dirección da empresa, borraron aquela posibilidade polo momento. Así que tampouco hai foto destes pálidos de Navantia que, recordemos, constituirían a colonia máis septentrional da Península (creo que non chegan a Santander, que estaría máis ou menos na mesma latitude)

  Pero había algo que me traía louco sobre estes pálidos de Ferrol. Aínda que polas circunstancias laborais non podía facer o seguimento como eu quixera, penso que tiña bastantes datos como para ver que non coincidían moito as fechas de entrada e saída con respecto ás de Sanxenxo ou mesmo a veciña cidade da Coruña, onde tamén anidan. E sempre me preguntaba que pasaba logo de Agosto, ou antes de Abril, que era cando eu os vía básicamente. Unha serie de observacións vellas e recentes da especie na Frouxeira leváronme a pensar que quizá se puidesen desprazar ata a lagoa esperando períodos máis favorables ou posteriormente, como territorio de dispersión. Porfirio comentárame a dificultade da observación en certas épocas do ano e eu era consciente que podían entrar a última hora do día nos guindastres, sen eu poder sabelo (daquela traballaba sempre de mañá). Pero non sei por qué, tiña esa idea na cabeza. E, desde a miña ignorancia total na bioloxía da especie, parecíame moita distancia para que os cirrios pálidos de Bazán utilizasen a lagoa coma área de dispersión (uns 12-13 quilómetros en liña recta).

Cirrio común (Apus apus)

   Certo que o asteleiro posúe unha superficie moi grande, e agora xa non estou traballando nas gradas (a zona principal de cría) pero este ano seguía sen ver ningún a estas alturas. Mentras, en Sanxenxo, e grazas ao seguimento de Encarna González, sabía que xa chegaran hai semanas. Preguntábame ónde estarían os pálidos de Navantia, porque me custa crer que haxa tanta diferencia na fenoloxía entre as dúas localidades.
  E onte avistaba dous cirrios entre un bando de 200 Andoriñas (Hirundo/Riparia) que esperaban sobre a lagoa a que escampase o temporal. Falamos dun 7 de Abril, unha data moi temperá para a chegada dos cirrios comúns a Ferrol. Así que me saltaron as alarmas e me dixen: ten que ser!
 Pero non. Logo de ver a foto na casa e dunha consulta en Galiciaves, parece que se trataría de Cirrios comúns (Apus apus) estes de onte na Frouxeira. Polo tanto sigo cheo de dúbidas. Ónde están? cándo veñén? por qué? (case parezo certo entrenador portugués)

 En fin, seguiremos investigando.

3 comentarios:

  1. Este comentario foi eliminado por un administrador do blog.

    ResponderEliminar
  2. Perdoa que te borrara o comentario, Eloi, pero non debemos dar demasiadas pistas sobre os niños de Falcón (é un tema moi serio e a cetrería dispón de furtivos moito máis competentes do que imaxinas).
    Sobre esa canteira, non te penses que é hábitat de cirrios. En todo caso podería andar por alí algunha Andoriña dáurica (Hirundo daurica) especie mediterránea que está a colonizar a nosa zona pouco a pouco. Polo visto os viadutos das estradas favorécena especialmente.
    Unha aperta

    ResponderEliminar
  3. Non hai fallo.
    En todo caso que teñan coidado, que nesa zona e roubando un nido de falcón, un tiro pode xurdir de calquera lado. Os accidentes pasan ...
    De todas maneiras o tema de furtivismo de niños, non creo que estea tan extendido, polo menos nesta zona. Poidoche asegurar que coa cantidade de xornadas que pasamos no monte de caza e miranda, nunca maniobras raras vimos. E na costa tampouco. Non digo que algo haxa, que algo ouvín de outras zonas de Galiza, pero eiquí creo, que ne maneira masiva e organizada, non.
    Outra cousa son os niños de frixílidos. E senon mira o accidente mortal cunha escada que tivo un veciño da Faisca (casualmente do gremio paxaril) o ano pasado.
    En canto á daurica. Creo que non. Pero podería ser...

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos