Seguidores e seguidoras

sábado, 5 de diciembre de 2015

As miñas últimas fotos coa Nikon P900

DESPEDIDA DA NIKON P900

   Quedáranme sen publicar varias fotos tiradas coa Nikon P900 o pasado mes de Outubro. Agora a cámara xa está nas mans expertas de Dani L. Velasco, quen seguro ha de darlle excelente uso nas súas viaxes como guía ornitolóxico polos cinco continentes. Comentáballe que non vai ter mellor complemento para a súa equipa reflex, sobre todo en lugares onde non poda levar moita equipaxe ou onde cómpre andar lixeiro.
   Para min foi unha satisfacción persoal que alguén coma el demostrase tanto interese por unha bridge e ademáis servíume para volver a Canon, que é onde eu me sinto máis cómodo. Aínda que a P900 era superior nalgúns aspectos, desde meu ponto de vista. Por exemplo na maior capacidade para traballar con sensibilidades altas. Mirade qué resultado con un ISO 1600:

 Tordo común (Turdus philomelos)
Nikon P900 (focal 357 mm)   ISO 1600   V: 1/160   F: 6,5

  Tamén penso que trata mellor as cores e quizá tiña algo máis rango dinámico, aínda que as imaxes JPEG non permiten a corrección que si permiten as RAW das Canon.

 Pilros tridáctilos (Calidris alba)
Nikon P900 (Focal 152 mm)  ISO  200    V: 1/320    F: 5,6

  Con bichos cercanos pódense lograr ás veces resultados tan bós coma unha equipa reflex media, aínda que é imposíbel lograr desenfoque do fondo pola gran profundidade de campo que teñen este tipo de sensores.

Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus)
Nikon P900  (Focal 357 mm)  ISO 400    V: 1/250   F: 6,5


   ABRIRON A LAGOA

   Cambiando de tema, esta semana a Consellaría de Medio Ambiente decidíu abrir a lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, que estaba chea ata os topes, como sempre nestas alturas.
   Xa foi explicado aquí todo o acontecido e dei o meu parecer en repetidas ocasións, así que non me repetirei. Simplemente vai a nova a título informativo.


    Agora o habitual é que a canle da Xunta funcione durante unhas semanas ata que o mar a peche e acabe abrindo espontáneamente polo trazado de sempre, máis ao Oeste. Será entón cando se baleire a lagoa e podamos desfrutar con maior facilidade da observación de aves.


      Poño tamén unhas fotos do entorno da lagoa para que vexades o grao de alteración que soporta a comarca de Ferrol (as fotos son de Outubro, coa Nikon P900 tamén)


      Entre a masa infinita de eucaliptal, os eólicos, as casas ao pé dun humidal protexido, a presenza diaria de cans soltos, o abandono dos cultivos e a peste do Porco bravo espero que podades entender por qué a veces ún se desespera e bota sapos pola boca.....

 Pensades que un naturalista pode ser feliz vendo isto?


  En fin, que lle desexo moita sorte a Dani coa súa nova cámara, que de seguro retratará paisaxes máis fermosas que estas tan horribles que vos puxen a modo de mostra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos