Seguidores e seguidoras

xoves, 11 de febreiro de 2016

A boas horas...

  Pois ao final semella que vai vir o frío, como se o inverno quixera despedirse marcando o gol da honra, e perdoade o argot futboleiro. O importante descenso das temperaturas que anuncia o prognóstico para o domingo indica un cambio importante na situación meteorolóxica que, deduzo, afectará a todo o occidente europeu. Unhas circunstancias que poden modificar radicalmente as comunidades de aves invernantes, tanto nos humidais como en terras de interior, aumentando moitísimo a cantidade e a variedade de especies.
 
  O mellor é cando estas vagas de frío chegan en Xaneiro ou sobre todo en Decembro, xa que agora a invernada está rematando para algunhas especies de aves e a migración de retorno comezou para as máis madrugadoras. Así que os cambios serán menores do habitual.


  Os que non se librarán do frío, da chuvia, do vento e mesmo da neve serán os visitantes que acodan ao festival ornitolóxico do RARO, que se celebrará en Cariño o vindeiro fin de semana; aínda que probablemente o temporal ha de traer algunha sorpresiña das que tanto lles gosta a esta xente.

  Ademáis vou ter dous visitantes moi especiais na lagoa de Valdoviño. Dous auténticos fenómenos que xa están dando moito que falar grazas ao amplo coñecimento do medio natural que xa teñen a pesar da súa xuventude. Deles falaremos na próxima entrada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos