Seguidores e seguidoras

venres, 6 de abril de 2018

Ríos e regatos

  O concello de Neda está a converterse nun dos meus "local patch" (lugares de prospección naturalista habituais). Moi perto de Ferrol e con numerosos e interesantes cursos de auga, que onte visitaba para osixenarme un pouco logo duns días complicados.

 Río Belelle

  Ademáis do río Belelle, auténtica arteria deste concello, hai numerosos cauces naturais ou artificiais, como son os construidos nos vellos muiños.


  Todos eles cun grande interese faunístico para anfibios e odonatos, algúns deles ameazados e presentes aquí, como a delicada Coenagrion mercuriale ou a fermosa Oxygastra curtisii.


  Aínda que os anfibios están a sufrir un alarmante declive en todo o país. A Rá verde (Pelophylax perez) case desapareceu do pequeno rego do Basteiro tras a limpeza de vexetación levada a cabo polo concello  o ano pasado; para previr asolagamentos, disque. E a Galiña de río (Gallinula chloropus) seguíu a mesma sorte nun dos seus últimos lugares de nidificación na comarca.


  Porén onte unha familia de Lavancos (Anas platyrhynchos) alegraban a mañá e ofrecían un chisco de esperanza neste panorama tan desolador.


  É imposíbel resistirse á simpatía e tenrura duns patiños de poucos días alimentándose na compaña dos seus proxenitores, quizá unha das esceas máis fermosas que ofrece a Natureza.


  O venres había doce pitos, contaba unha viciña. Onte só ficaban catro. As Ratas, o Raposo, algún mustélido ou as Gaivotas patimarelas puideron ser causantes desta desaparición. Polo visto o porco bravo non visita este regato.


 Pitiños de Lavanco (Anas platyrhynchos

  A nai non os perdía de vista.


  E este gato doméstico tampouco, aínda que mentras permanezan na auga non hai perigo.


  Agora medrarán as canas de Typha latifolia, que converterán esta canle nun lugar máis atractivo para a fauna acuática. Esperemos que se volva asentar a Galiña de río, cada día máis escasa.


  Unha Papuxa das amoras (Sylvia atricapilla) mostrábase máis confiada do habitual. Entre cantar para marcar territorio, cortexar a femia e carrexar pallas para o niño tiña choio dabondo para facerme caso a min.

Papuxa das amoras (Sylvia atricapilla) macho

  Ben, a ver se mañá podo facer unha saída xa máis seria. E a para a semana que vén imos facer un post especial sobre os anfibios e répteis de Ferrol, solicitado por un amigo.

6 comentarios:

  1. Son os grandes descoñecidos e moitas veces odiados .E non hai moito onde consultar para os que queremos aprender un pouco. Ademåis moitos de les e os séus hábitats están amenazados.
    Agardamos unha boa introducción .
    Graciñas Xabi

    ResponderEliminar
  2. Pronto veremos a esos Odonatos,volando y sobre todo poder volver a la OXYGASTRA CURTISII y la BOYERIA IRENE que también es otro Odonato de esa zona, un saludo y gran pots de un gran sitio como el Belelle

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. E a Boyeria, certo. Outra libeliña difícil de observar (máis polos seus hábitos que pola sua escaseza, penso)

      Eliminar
  3. Pena que esa presa non sexa derrubada ou no seu caso dotada dun paso de peixes en condicións.
    Os migrsdores verianse moi beneficiados.
    Propúxenllo ó alcalde coma solución definitiva das riadas, pero cona sempre as "palas" non foron pra derrubar obstáculos fluviais, senon pra fozar nos fondos.
    Falando de fozar...si que chegha n os porcos aí. Pero Eu malicio mais que foran os visóns.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Se hai visóns por aló case que seguro. No mesmo centro do Basteiro soe haber un "paso" de vexetación esmagada, causado probablemente por un animal mediano que visita o rego case a diario.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos