Esta mañá fun a Valdoviño para estrear o novo trípode. Con el completaba a renovación da miña equipa óptica (espero non gastar mais cartos por unha boa tempada). A lagoa ten un alto nível de auga, como é normal nesta época do ano.
Lagoa de Valdoviño
Cisne mudo (Cygnus olor). Especie alóctona e invasora
Desde o "Observatorio do camiño" (foto 1) contei o seguinte:
- 12 + + Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis). En canto se abra a lagoa e baixe o nível contarei 50-60 ou máis pero agora son moi difíceis de detectar
- Unha ducia de corvos mariños (Phalacrocorax carbo)
- 9 Asubiadores (Mareca penelope) que entraron do mar en migración, ou iso me pareceu
- Arredor de 140 alavancos (Anas plathryhynchos)
- 62 Patos frisados (Mareca strepera)
- 2+ Cercetas (Anas crecca)
- 3 Patos chupóns (Aythya ferina)
- 2 Patos cristados (Aythya fuligula/collaris)
- Un grupo de aprox 60-65 galiñolas negras (Fulica atra)
- 1 Galiña de río (Gallinula chloropus)
Ademáis Outono é un mes moi bon para observar as nosas lontras (Lutra lutra). Unha delas alimentábase moi perto do paseio peonil a media mañá.
Lontra paleártica (Lutra lutra)
Nikkon B700 focal 1320 mm ISO:1100 V:1/250 F:6,3
Lontra nadando perto da pista peonil
Tiven que apartarme case correndo porque chegaba un "fotógrafo de Natureza" vestido cunha cazadora vermella moi cantosa e non quixen que se me puxera ao carón coa lontra diante (estes paxareiros modernos mátanme...). En canto pasou "o perigo" volvín con ela.
Lontra paleártica (Lutra lutra)
Can ceibe no espazo protexido
Como pasou en Cospeito, os espazos "protexidos" galegos acaban por converterse sempre en espazos turísticos de lecer, onde teñen cabida ciclistas, runners, trails multitudinarios e mascotas soltas. Dá igual ónde, cómo e cándo. A protección da natureza dilúese entre un sinfín de leis e normas con nulo cumprimento real. Só hai que ler o Plano de Conservación da Frouxeira publicado en 2015, que remata cunha morea de proibicións de todo tipo, pero que ten cero plasmación no mundo real.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos