Seguidores e seguidoras

domingo, 28 de agosto de 2022

Observacións ornitolóxicas en Cospeito

   O problema de cervicais que me tivo moitos meses de baixa laboral en 2020 volve darme a lata. Porén, logo dunha semana descansando e tomando calmantes o sábado estaba xa bastante mellor e puiden coller o carro para achegarme até Cospeito (Lugo) e seguir probando o novo teleobxectivo.

Paisaxe da Espiñera, Cospeito (Lugo)


  A excepcional seca que está azoutando Europa nótase tamén na chaira luguesa (onde xa non vin unha soa cegoña branca, por certo).


  O sempre tímido picanzo real foi o primeiro avistamento de interese. Por desgraza a especie está xa extinguida coma reprodutora na zona, segundo informaba o colega Óscar Rivas en Galiciaves. Os exemplares que podemos ver agora son migrantes doutras rexións.

Picanzo real (Lanius meridionalis)

   A rula común experimentou un forte declinio na Península. Na costa galega case desapareceu mas aínda conserva poboacións importantes no interior da Galiza. Había moitos anos que non vía un grupo familiar con dous adultos e catro voantóns, unha escea rarísima xa en Ferrol.

Grupo familiar de rulas comúns (Streptopelia turtur)

Rulas comúns (Streptopelia turtur)

   Na aldea da Espiñeira fotografaba dúas bubelas, especie que na contorna de Ferrol só podemos ollar nas pasaxes migratorias actualmente. Sen embargo nos anos oitenta criaba nalgúns pontos con hábitat apropiado. Eu téñoas visto naqueles anos por Liñares (Brión), unha aldea tradicional con abondosos muros de pedra, onde tamén escoitara o moucho (Athene noctua). 

Bubelas (Upupa epops)


    Para variar a mañá comezaba con ceos toldados, algo de vento e, luz case nula, así que as fotos non fan moita proba da cualidade do Zuiko. Tiven que subir moito a ISO, e a G7 non é precisamente unha full frame... As probas con aves deberán agardar.

Bubela (Upupa epops)
Panasonic G7 + Zuiko 100-400 mm  ISO:8000   V:1/400   F:6,3

 Depois fun ao que queda da lagoa de Cospeito, logo da desfeita perpetrada pola Xunta de Galiza hai vinte anos. A maiores do terríbel dano ecolóxico, o abandono absoluto das instalacións impede a observación ornitolóxica desde os observatorios construidos, coa visión obstruida pola vexetación.

Panorámica desde o observatorio baixo de pedra, pecha polos salgueiros

   Debido ao nefasto modelo de restauración levada a cabo pola consellaría, a lámina de agua foise reducindo mentras medraba a superfice ocupada por grandes macrófitos como Typha latifolia e sobre todo por salgueiros (Salix atrocinera), até converter a antiga lagoa nun salgueiral pantanoso sen apenas augas libres.

Masas de espadana (Typha latifolia)

 Aínda por riba a lagoa sofre un problema de verquidos de lodos e herbicidas que converteron as augas nun lugar inabitábel para a fauna. Comentábame Martiño Cabana que en mostraxes recentes non atopoaba case nen larvas de insectos.


   Achegueime até a mesma ribeira e puiden confirmar que a vida acuática abandonou esta lagoa. Apenas media ducia de anátidas e 3 biluricos alinegros. Nin unha soa rá, nin unha libeliña,... 

Aspecto da lámina de auga residual que fica en 2022
 
Biluricos alinegros (Tringa ochropus)

  Termino cunha serie de fotos "macro" sacadas en campos da zona. O mal tempo non axudou moito (é difícil focar un insecto sobre unha herba que non para de moverse). A final optei por usar o tripé.

Gris estriada (Leptotes pirithous) Fam Lycaenidae
Panasonic G7 + Zuiko 100-400 mm  ISO:200   V:1/500    F:6,3

Mosca zángano (Eristalis tenax) Fam Syrphidae
Panasonic G7 + Zuiko 100-400 mm+ MC1,4x  ISO:1250   V:1/500   F:8,9

Ícaro (Polyommatus icarus) Fam Lycaenidade
Panasonic G7 + Zuiko 100-400 mm+ MC1,4x   ISO:640   V:1/320   F:9

Sátiro (Ipparchia statilinus) Fam Nymphalidae
Panasonic G7 + Zuiko 100-400 mm+ MC1,4x  ISO:200   V:1/60   F:10
 
  Bon, aquí seguimos, esperando unhas circunstancias máis favorábeis nas que podamos probar o Zuiko con aves. Se o pescozo mo permite, claro.

2 comentarios:

  1. Espero que as molestias do pescozo non vaian a máis. Sei por propia experiencia o fastidiado que é. Ánimo e que vaia todo ben. Mentres seguimos por aquí, atentos ás aventuras que publicas no blog.

    Apertas,
    Inés González

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas, Inés. Espero que desta volta a cousa non se prolongue moito no tempo. Supoño que é unha recaida temporal.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos