Seguidores e seguidoras

martes, 21 de marzo de 2023

Mais datos de martaraña (Martes martes)

    Vinte anos atrás tiña unha morea de espazos naturais cercanos a Ferrol para bichear aos que podías chegar en 15 ou 20 min de coche. Hoxendía todos eles (a maioría en entornos litorais) son auténticos parques caninos, e como valoro moito a miña tranquilidade levo anos explorando lugares onde poder camiñar sen cruzarme con esa tropa, aínda que sexan espazos naturais máis modestos cunha fauna menos glamourosa. E o val do Xuvia está a ser a miña táboa de salvación cando teño pouco tempo ou non podo conducir moito, como agora.

Transecto no val do Xuvia

    O domingo investiguei un novo percorrido na parroquia de Lamas (San Sadurniño). Atopei varias plantas en floración típicas de comezo da primavera.

Abrótega (Asphodelus albus) Fam. Xanthorrhoeaceae
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  ISO:1250   V:1/200   F:5,6

Centella de auga (Caltha palustris)
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  ISO:1600   V:1/400   F:5

Centella de auga (Caltha palustris) Fam. Ranunculaceae
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  ISO:1600   V:1/400   F:5,6

 Mentras non recupere non podo levar o tele grande, así que montei o Panasonic 100-300 mm no corpo da OM-1. A verdade é que se nota moito no peso. E coa Olympus podes esquecer o problema da luz, tomando boas fotos con rangos de ISO incríbelmente altos.

Tritón ou pintafontes común (Lissotriton boscai)
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  ISO:16.000   V:1/200   F:6,3

Hábitat do pintafontes común

Rá vermella (Rana parvipalmata)
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  ISO:1600   V:1/200   F:5,6

   O momento escatolóxico da xornada chegou con esta caca de martaraña (Martes martes). Aínda que evito manipular excrementos neste caso fago excepción e adoito collelos cun pao para ulilos, porque teñen un cheiro nada noxento, que mesmo recorda algo a froitos secos coma noces ou avelás.

Excremento de martaraña (Martes martes)

   Entre cacas atopadas e observacións directas axuntei deceas de citas da especie. Neste mapa aparecen só as que subín á plataforma Observado desde 2021 pertencentes ao val do Xuvia nos concellos de Moeche e san Sadurniño.

Citas propias de martaraña no val medio do río Xuvia

 Cando voltaba para casa atopei a Roberto Sanxurxo, seguidor deste blogue que vive precisamente en Lamas e pasoume un vídeo que tomou cunha cámara de fototrampeo nun souto da súa propiedade (a cita non aparece no mapa pero está moi cerquiña da primeira pola esquerda). Non puiden subir o vídeo ao post así que saquei varios fotogramas que poño a continuación:

Martaraña (Martes martes) sobre tronco
Cámara de fototrampeo (Roberto Sanxurxo Muíño)


  Nas imaxes vese como a martaraña está uliscando e semella lamber algo que hai sobre o tronco. Ignoro se eran formigas ou os liques iso que lambía.




  Unha mágoa non poder subir o vídeo, por exceso de peso, pero as fotos tamén quedan moi chulas.


Martaraña (Martes martes) sobre tronco
Cámara de fototrampeo (Roberto Sanxurxo Muíño)

   Coma outros mustélidos a martaraña ten "implantación diferida", quer dicir, os espermatozoides mantéñense no útero da femia desde o veráo mais non fecundan o óvulo até xaneiro. Logo dunha xestación de nove semanas nacerán as crías (2-4 normalmente), así que están a ponto de nacer nestes momentos. Por xuño-agosto entrarán en celo, sendo daquela máis doadas de ver durante o día.

  E con esta xoia da comarca de Trasancos terminamos por hoxe. 

13 comentarios:

  1. O video grabouse cerca das 11 da maña. Pareceume un pouco raro que andivese a esas horas polo souto. A vez anterior en que puiden grabala eran cerca das 3 da mañá. Grabeina cerca da "bañeira" do Porco bravo e precisamente a aparición dun asustouna. A cámara de fototrampeo permitiume comprobar a presencia de maneira habitual no souto de xinetas, martaraña, porco teixo e raposo

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. A martaraña éche bastante diurna. Xunto coa lontra e a delonciña son os mustélidos máis doados de ver polo día. Por certo subiches esas citas de xeneta e porco teixo? Se non dame os datos e súboas eu.

      Eliminar
  2. José Antonio de Souza21 de marzo de 2023, 13:03

    Enhorabuena a los dos, chavales. Me ha gustado mucho el post, que me ha alegrado el día. Desde luego, si nos hablaseis hace unas décadas de estas observaciones de marta en la franja costera de Galicia, que claramente denotan una presencia relativamente común, os aseguro que más de uno no os creería.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Certamente, Jose. Aínda lembro como aló por 1990-1992 (viaxando na moto coa miña rapaza) parara na entrada a Becerreá porque había unha martaraña atropelada. Naqueles tempos toda unha rareza!
      Un abrazo e grazas pola visita.

      Eliminar
    2. De sempre escoitelle aos vellos de San Sadurniño falar de que a marta lles entraba nos galiñeiros. Imaxino que non saberían diferenciar entre unha martaraña e unha garduña. Para eles sería todo o mesmo.

      Eliminar
    3. Polo visto e publicado no primeiro atlas de vertebrados da SGHN a martaraña debeu ser frecuente no val do Xuvia históricamente. Aínda que no resto da fachada costeira era moi rara ou inexistente, como aponta o mestres Souza.
      A martaraña é sen dúbida unha das xoias da nosa comarca.

      Eliminar
    4. Tiña pensado ir publicando as citas. Que son bastantes. A dúbida que teño é si poñer fielmente a ubicación por medo aos "escopeteiros".

      Eliminar
    5. Polos "escopeteiros" non te preocupes, home. Esa xente está hoxe máis preocupada polo xabalí e polo lobo. Sube as citas sen medo.

      Eliminar
  3. José Antonio de Souza22 de marzo de 2023, 11:34

    Como dice Rober, varios paisanos también me contaron entre 30 y 50 años atrás, en lugares del NW de A Coruña, como Veigue (Sada), Quembre (Carral) o Cortiñán (Abegondo), que las martas (ignoro si se referían a marta o a garduña) eran bien conocidas por entrar en los gallineros y hacer estropicios. Al menos recuerdo bien estos testimonios, pero creo que este relato es más común y, aunque no lo tengo anotado, creo recordar que más gente me lo ha atestiguado en otros lugares. También podría ser que se les imputara a las martas esto por confusión con otros carnívoros, pero al menos en estos tres lugares me contaron que, al menos en una ocasión, se trataba de mustélidos grandes y con coloración compatible con el género Marta. Desde luego, diferenciaban claramente al raposo, que también hacía de las suyas con cierta frecuencia, pero no hicieron referencia a la gineta o a mustélidos menores como la denociña. En cualquier caso, recuerdo que Rabuñal pudo observar directamente a Martes martes en montes costeros con mato y pinar en Costa da Morte, como en el monte Blanco (Corme) y en el entorno de la sierra de Pena Forcada (Laxe, Vimianzo), en lugares agrestes pero casi en absoluto poblados de bosque caducifolio.

    ResponderEliminar
  4. Boas, Roberto. Andamos a recopilar citas da especie, e aínda que xa temos citas desa cuadrícula, non deixa de ser interesante anotar as que vaian aparecendo, se te apetece compatilas, claro. Un saúdo ós dous!

    ResponderEliminar
  5. Boas! Non sei se sabes que andamos a recopilar citas da especie en Galicia, Roberto. Aínda que xa temos citas para esa cuadrícula, non deixa de ser interesante recopilar as que sigan aparecendo, por si te apetece compartilas con nós. A distribución desta especie en Galicia cambiou moito nos últimos anos, en breve publicaremos unha actualización desta distribución na que queda reflexada a súa expansión recente. Saúdos!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Olá, Marcos. Non sei qué pasou con blogger que non me chegaron os teus comentarios ata pola noite, cando xa estaba durmindo. Así que non puiden habilitalos. Blogger a veces fai cousas raras.
      Graciñas pola visita.

      Eliminar
    2. Boas Marcos. Encantado de compartir as citas que vaian aparecendo. As que teño ata agora subinnas a observation.org. Pero se queredes volas mando directamente.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos