Este 9 de marzo de 2023 celébrase o primeiro Día do Naturalismo Galego. Todo grazas ao traballo incansable do amigo Rafael López Loureiro, que durante varios meses estivo a promocionar a figura do Pai Frai Martín Sarmiento, monxe benedictino galego nacido o 9 de marzo de 1695 e que foi sen dúbidas o primeiro naturalista da nosa terra.
Ilustración de Rafael López Loureiro
Rafa publicou numerosas entradas no seu blogue, Ao Noroeste do noroeste, para espallar a figura e obra de Martín Sarmiento. Tamén contactou con todo tipo de asociacións conservacionistas e culturais, logrando o apoio de todas elas: Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega das Ciencias, CSIC, CEMMA, Sociedade Galega de Historia Natural, ADEGA, Verdegaia, Federación Ecoloxista Galega, Asociación Betula, etc. Como resultado vaise oficializar esta conmemoración.
Por tanto a partir de agora cada 9 de marzo será o Día do Naturalismo Galego, o noso día. Un momento para honrar a todos os pioneiros, como Martín Sarmiento, Víctor López Seoane ou José Curt. E para seguir a denunciar as moitas ameazas que están a destruir o noso medio natural. Unhas ameazas que nestes momentos toman forma de muíños para eólica mariña na costa NW, unha zona vital para a pasaxe migratoria das aves mariñas.
Cartaz da conferencia no local da S.G.H.N.
Mais debe ser este nove de marzo un día de ledicia para todos os e as naturalistas da Galiza, sexan persoas afeizoadas ou profisionais, divulgadoras ou investigadoras científicas.
Rafa (con óculos) falando na mesa a representantes ecoloxistas
Sen embargo, esta ledicia por termos un día adicado á nosa actividade favorita, está tinxida de negro polo estado tan lamentable da nosa Natureza, que nas últimas décadas experimentou unha degradación acelerada nunca vista antes na Historia recente. Algo no que coinciden os naturalistas máis veteranos.
Mareas negras e "sentinazos" ilegais, contaminación dos ríos desde canteiras, minas ou verquidos urbanos, eucaliptización do territorio, monocultivos intensivos que empobrecen a biodiversidade no agro, caza de especies ameazadas como a rula ou o paspallás, uso de plaguicidas e biocidas, desecación ou colmatación de humidais, incremento das especies invasoras, instalación de parques eólicos en todos os nosos montes mesmo os incluidos na Rede Natura e agora en áreas mariñas de grande importancia para as aves, mascotismo descontrolados ne praias e humidais litorais,.... A pesar de todo isto, Galiza conserva aínda un patrimonio natural que debemos coidar. E tamén podemos desfrutar a través da súa observación e estudo, que é o que facemos os naturalistas.
FELIZ 9 DE MARZO, COMPAÑEIROS E COMPAÑEIRAS NATURALISTAS!
Boas horas a toda a xente!!! Feliz Día do Naturalismo!!! Moi agradecido por estas palabras e animar a celebrar, vindicar e denunciar. Hoxe publicarase, eu fareino ao noroeste do Noroeste. o documento conxunto de denuncia e advertencia dos perigos biocidas do inmenso mar de eólicos que pretenden instalar no norte Galego, O Día do Naturalismo nace berrando!! A criatura está viva!!! Rafael Lopez Loureiro.
ResponderEliminarFelicidades en este gran día ,Xabier.
ResponderEliminarFeliz día, Xabi. E a seguir divulgando. So nos queda confiar nas novas xeracións, en que veñan con máis conciencia e ganas de coidar do mundo. Eu polo menos procuro aportar o meu gran de area, cos meus fillos, sobriños e amizades.
ResponderEliminarApertas.
Inés González
Estou completamente seguro que ti aportas non un grao de area senón unha praia enteira. Porén non son tan optimista coa maioría da sociedade actual.
EliminarPD: Ti botas tempo sen entrar en Bichos pero cando entras, entras "a saco", haha
Saudos
ResponderEliminarPor non fastidiar o día pasado, hoxe paso a comentar un feito que sería a outra cara da moeda. Nestes tempos hai que ter moito coidado con algunhas cousas. Pois resulta que en Sanxenxo dende hai algún anos abriron unha serie de rutas por onde camiñara Sarmiento, sinalizaron, desbrozaron, abriron e axeitaron camiños para poder pasar. Moitos dos trazados destas rutas descorren por lugares de interés natural e mesmo están dentro da rede natura 2000. Como se pode imaxinar, agora son lugares cheos de camiñantes, ciclistas, mascotas etc. cando hai uns anos apenas eran coñecidos e polo tanto visitados e ben conservados. Hai mesmo unha web que promociona estas rutas, que polo que vin están por toda a costa do Salnés.
Xabi, desculpa pero aproveito a tirada do teu blog para promocionar a entrada sobre Emberiza schoeniclus lusitanica( Escribenta) no meu blog. www.sanxenxobiodiversidade.blogspot.com, espero que non che moleste.
apertas
Eu cada vez que se abre un "sendeiro" ou un "roteiro" póñome a tremer.
EliminarRespeito da publicidade que fas no comentario non me molesta en absoluto. Sabes que ésta é a tua casa tamén.
Un abrazo Emilio.