Seguidores e seguidoras

mércores, 14 de maio de 2025

14/05/2025 Xa chegaron os picanzos vermellos (Lanius collurio)

  Onte ao mediodía voltaba pola Frouseira, onde contabilizaba un "total" de cero limícolas. Si, cero (0). Certo é que as condicións non eran as idóneas (vento de SW e unha hora bastante mala) e tampouco revisei a fondo co telescopio toda a lagoa. Pero desde logo no intermareal principal non había nin un só exemplar. Algo insólito que non ten precedentes a estas alturas do ano.

Así pois, marchei ata Meirás e o cabo de Ponta Frouseira, onde teño uns lavancos amaestrados (realmente son monecos de plástico que poño para a foto mas a xente cré que son auténticos):

Parella de lavancos reais (Anas platyrhynchos)
Sony RX10 III focal 60 mm   ISO:64   V:1/160   F:5

Parella de lavancos reais (Anas platyrhynchos)
Sony RX10 III focal 380 mm   ISO:100   V:1/200   F:5

  Teño localizada unha parella de escribidores de papo negro nas inmediacións do campo de futebol de Meirás. Unha estradiña moi transitada atravesa unha zona ben interesante, que conta con extensións non forestadas de herbazal, mato baixo e algo de ucedal atlántico. Ten boa pinta para répteis coma Vipera seoanei, Lacerta schreiberi, Chalcides striatus ou Anguis fragilis. Haberá que facer mostraxes herpetolóxicas.

Escribidor de papo negro (Emberiza cirlus) macho
Sony RX10 III focal 600 mm    ISO:200   V:1/640    F:4,5

 Onte fotografaba os dous escribidores. 

Parella de escribidores de papo negro (Emberiza cirlus). Femia en primeiro plano

O macho cunha presa non identificada. Podería ser unha larva de Tenebrionidae?

Escribidor de papo negro con captura

Escribidor de papo negro (Emberiza cirlus) macho
Sony RX10 III focal 600 mm    ISO:200   V:1/640    F:4,5

     Chama a atención a concentración duns 50 liñaceiros que andan estes días por alí. Suponse que deberían estar ocupados nas tarefas de reprodución e ter un comportamento menos gregario. Case parece un bando deses que se ven na migración outonal (ata 300 ex o día 03/11/2006 en Taraza).

Liñaceiros de bico escuro (Linaria cannabina). Parte do grupo

 En calquer caso agradecín ver tantos xuntos. 

Liñaceiros de bico escuro (Linaria cannabina)

  A nova da xornada de ontes foi a chegada dos primeiros picanzos vermellos (Lanius collurio) a Valdoviño. Observei un individuo xunto ao propio campo de futebol e vin outro no sistema de dunas grises próximo á Praia dos Botes, onde aniña a especie.

  Veñen datas moi delicadas e hoxe necesitaba un día de relax. Ás sete da mañá xa estaba de patrulla polos campos de As Regas, Moeche, onde había moita néboa e unha temperatura de só 6ºC, baixa para esta época do ano.

As Regas de Casalousada (Moeche) 
Sony RX10 III focal 55 mm   ISO:320   V:1/320    F:4


  Moitos paxaros mostran agora unha plumaxe moi deteriorada. Moito dese dano ten que ver coa entrada e saída contínua dos niños, a miúdo situados en mestas silveiras ou entre ramallada.

Merlo negro (Turdus merula)
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:200   V:1/320    F:4,5

  En Moeche tamén chegaron os picanzos vermellos, o paxaro máis emblemático do val do Xuvia xunto ao merlo rieiro, por suposto.

Picanzo vermello (Lanius collurio). Macho cantor. Imaxe moi recurtada
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:100   V:1/500    F:4,5

 E por desgraza segue por aquí o bico de lacre ondulado (Estrilda astrild). Contaba que o clima tan fresco e chuvioso do estremo norte galego puidese contelo. Semella que non. Penso que xa se instalaron tamén nos campos de Moeche (na Frouseira son reprodutores confirmados persoalmente).

Bico de lacre ondulado (Estrilda astrild). Espece invasora de procedencia africá

   En fin, a boa nova é que xa chegaron os nosos queridos picanzos vermellos, bichos fotoxénicos a máis non poder. E tamén un valor ornitolóxico destacado da comarca de Trasancos/Ferrol.

2 comentarios:

  1. Bo día, Xabier. A larva da bicada do escribidor semella unha larva de díptero, posiblemente de tipúlido (que comen raíces de herba e son comúns nos prados) ou tábao (as larvas son máis acuáticas, pero chégalles a moitas especies con que haxa lama).

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas, Antón. O lugar é bastante seco, no bordillo dun paseo de cemento. A ver se hai máis opinións.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos