Se hai dúas imaxes que caracterizan o mes de maio na lagoa de Valdoviño son o intermareal cheo de limícolas e as roladas con poliños de lavanco real. Pois nen unha cousa nen outra. Esta semana facía dous controis de limícolas. O xoves 22 contaba únicamente 6 pilros comúns (Calidris alpina) e hoxe só 8 píldoras cinsentas (Pluvialis squatarola). E mais nada. Inconcebible.
Pilros comúns (Calidris alpina)
Onte avisoume Xabi V. Pumariño de que había tamén 2 píllaras douradas, 1 píllara dourada americana e 1 combatente, mas hoxe non fun quen de velos.
Píldoras cinsentas (Pluvialis squatarola)
A pasaxe migratoria é un fenómemo moi complexo que depende das circunstancias climatolóxicas, do que acontece nas áreas de cría e tamén nas de invernada das especies que logo pasan por aquí, ou das propias tendencias poboacionais, por exemplo. Ademáis non podemos esquecer que a cantidade de limícolas que sedimentan en Valdoviño e que a nós nos parecen "moitas" (entre uns centos e varios millares) non deixa de ser unha parte ridículamente minúscula do total europeo. Por estes motivos podo entender ata certo ponto que este ano o paso non pasara por aquí, valla a redundancia.
O que me costa caro entender é que a estas alturas non haxa roladas de lavanco real (como si vin no pequeno rego de Basteiro). Penso que alguén veu polos (por eBird) pero o normal en maio sería ver con facilidade varias femias con polos xa de diferentes idades en calquer momento do día.
Lavanco real (Anas platyrhynchos)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3 ISO:3200 V:1/200 F:8
O máis curioso é que hai moitos lavancos emparellados por todas partes, e cada vez máis confiados cara o ser humano. Mas non hai polos. Podemos concluir definitivamente que houbo un fracaso masivo este ano por causas que ignoro mas imaxino. Ademáis das adversas condicións meteorolóxicas desta primavera, con fortes saraibadas moi tardías, penso no omnipresente xabalí, na posible irrupción do visón americán ou da predación por parte da lontra. Pero que non haxa pitos nestas alturas é certamente preocupante.
Lavanco real (Anas platyrhynchos)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3 ISO:3200 V:1/320 F:7,1
Cambiando de tema xa chegaron todos os picanzos vermellos. Estes días estou a velos instalados xa nos tradicionais territorios de Valdoviño ou Moeche, onde por certo o "macho do cruce" amosaba unha plumaxe tremendamente deteriorada. Non sei moito do tema mas nesta época do ano as penas deberían estar perfectas para lucir. Admítense opinións.
Picanzo vermello (Lanius collurio)
OM-1 + Panasonic 100-300 f:5,6 ISO:400 V:1/1000 F:7,1
En Meirás (Valdoviño) hai un territorio que aínda non coñecía, pola estrada ao campo de futebol.
Picanzo vermello (Lanius collurio)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3 ISO:800 V:1/500 F:6,3
Esta mañá orballaba e quedou unha foto bonita cando o macho comezou a cantar. Se fose chuvia menos miúda aínda había quedar mellor a foto.
Picanzo vermello (Lanius collurio), macho cantando
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3 ISO:800 V:1/500 F:6,3
Esta semana, sabedor que renuncio a comprar o 150-400 f:4, Manolo Rei falábame do Zuiko de focal fixa 300 mm e f:4. Un obxectivo tamén PRO e moito máis económico (o cual non quer dicir barato).
Zuiko 300 f:4
A verdade é que non descarto esa posibilidade. Sen embargo ese pepino non deixa de ser algo parecido ao que xa teño, aínda que con mellor calidade. Porén a Nikon P1000 dá prestacións que ningún outro equipo pode dar. Non cabe dúbida que neste blogue foron publicadas moitas fotos que sen a P1000 serían imposíbeis. Haberá que darlle unhas voltas ao tema.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos