Seguidores e seguidoras

xoves, 26 de xuño de 2025

Bichos "vintage": Ortigueira, primeira entrada (03/09/2011)

 NOTA: Post publicado o 3/09/2011, revisado e reeditado con algúns cambios. Foi o cuarto post publicado desde o nacimento de "Bichos" (25/08/2011).  O meu equipamento daquela era unha modesta Fuji HS10 (focal 25-720 mm f:5,6 equivalente) con 10 MP, que ampliaría catro meses despois coa compra da miña primeira reflex (Canon EOS 500D + Canon EF 70-300 mm).

   Por certo, atención á baixa cifra de cullereiro e tamén á ausencia da águia pescadora, especies que tiveron unha expansión espectacular nos catorce anos que hai desde aquela antiga publicación, cando "Bichos e demáis familia" estaba nacendo aínda.

ENTRADA

    Ún dos lugares que seguramente vai ter moitas entradas neste blogue é a ría de Ortigueira. Localizada nos concellos de Cariño e Ortigueira, é un coñecido lugar de referencia para todos os  ornitólogos da zona. A área pertencente ao termo municipal de Cariño (sector W-NW) ten especial interese para a observación de aves mergulladoras (Gavia sp, Podiceps sppMelanitta spp ou Mergus spp), limícolas de costa rochosa (coma o escaso Calidiris maritima), Gaivotas de todas as especies habidas e por haber, e aves mariñas en xeral. A zona correspondente ao concello de Ortigueira (a maior parte) posúe as maiores áreas de marisma, como Mera ou Ladrido e, lóxicamente tamén, as maiores poboacións de anátidas ou limícolas.


Ría de Ortigueira (Mapa ING escaneado)

Ría de Ladrido (mapa IGN escaneado)

    Hoxe a marea estaba máis alta do que anunciaba a previsión. Foi ún dos motivos de que decidira voltar a Ferrol antes do previsto. En San Clodio un grupiño de pilros comúns (Calidris alpina) e Píllaras reais (Charadrius hiaticula) aproveitaban o pouco sitio que ficaba sen inundar pola marea.

Pilros comúns (Calidris alpina)

Pilros comúns e píllara real (Charadrius hiaticula)

     A luz do mencer complicou sacar boas imaxes. Isto semella unha pintura mais ca unha foto...

Mencer en San Clodio

   Esta píllara estaba máis confiada e me permitíu achegar.

Píllara real (Charadrius hiaticula)

  A esa hora o "ambiente" no Cavalar estaba a tope. Así se chama a unha pequena ponta no extremo occidental da praia de Morouzos, na bocana da ría central. Durante as preamares concéntranse aquí un bon número de limícolas de mediano e gran tamaño. 
   
     E pido perdón pola mala calidade das fotos. O de fotografar a grandes distancias con zoom a tope está aínda en fase de práctica e non controlo ben o tema do estabilizador de imaxe.

Mazaricos reais (Numenius arquata) no Cavalar

Limícolas e gaivotas na Ponta do Cavalar

  Poño algunhas cifras de hoxe. Aclaro que son censos moi parciais. Ademáis non puiden visitar a enseada da Lagarea, lugar predilecto para moitas limícolas durante os pasos. Pero algunhas observacións indican que hai xa moito movimento migratorio, con entrada importante de limícolas:

- 60 Garzotas (Egretta garzetta)
- 1 Cullereiro (Platalea leucorodia)
- 34 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
- 1 Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) na enseada de Ladrido
- 420 Mazaricos reais (Numenius arquata)
- 120 Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus)
- 14 Mazaricos rubios (Limosa lapponica)
- 128 Pilros comúns (Calidris alpina)
- 10 Pilros ferruxentos (Calidris ferruginea)
- 36 Pilros grosos (Calidris canutus)
- 381 Gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus)
- 8 Gaivotas cabecinegras (Icthyaetus melanocephalus)

    Descansando un pouco a vista no Cavalar atopei este fermoso estripeiro ou escambrón (Crataegus monogyma) na mesma ribeira. É un arbusto común no entorno da ría. Nesta época están cargados de bagas comestíbeis, aínda que a min me resultan amargas e insípidas. Parece ser que teñen máis utilidade no campo da medicina natural, coma cardiotónico e sedante do sistema nervioso.


Estripeiro (Crataegus monogyma)

   Ben, déixovos, ata a próxima.

2 comentarios:

  1. Pues sí, apenas hemos llegado a los 14 años entre aquella fecha y la actual. Desgraciadamente, aparte de estas aves de elevado caché, tan protegidas a medio-largo plazo, otras más humildes están decayendo, en muchos casos en picado, como ya hemos comentado varias veces. Acuérdate, si te parece bien, de hacer una visita en esa misma fecha y con el mismo recorrido, y cuenta al menos esas mismas especies; a ver qué da.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois non sería mala idea, Jose. Aínda que naquela visita non contase lavanco (Anas platyrhynchos), que aínda mantiña unha boa poboación de "mancada". Revisando as miñas listas de ebird vexo que nese mesmo ano unhas semanas despois, o 24/09/2011, censaba 700 ex. Se retrocedemos a un 04/09/2005 estimaba uns 1000 ex de lavanco, que precisaba mellor uns días despois con 970 indiv o 17/09/2005. Actualmente o habitual é ver concentracións dunhas poucas ducias de lavancos, mesmo en plena invernada. Alucinante.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos