Seguidores e seguidoras

domingo, 17 de maio de 2026

Primeiros picanzos en Moeche no día das nosas letras

 Logo de ver onte os primeiros picanzos vermellos (Lanius collurio) tiña curiosidade por ver se chegaran tamén a Moeche. Así que alí fun nesta húmida e mesmo chuviosa mañá.

Veigas do Xuvia en San Xurxo de Moeche
 
  Realicei unha mostraxe camiñando pola zona das Regas, onde teño controlados cinco territorios de picanzo (catro os últimos anos).

Territorios tradicionais de picanzo vermello entre As Regas de Casalousada e Penasalbas

  Tamén controlei os campos de San Xurxo de Moeche (río arriba e perto xa do castelo).


San Xurxo de Moeche

  Dun total de 6-8 territorios onde podía habelos só apareceu unha parella: "a da Curva" (T1). Certo é que  o tempo húmido e fresco non axudou na detección pero sigo convencido de que non é ata a última decea de maio cando están asentados todos os nosos picanzos nos seus territorios de cría.

Femia de picanzo vermello (Lanius collurio)

Macho de picanzo vermello (Lanius collurio)

     En calquer caso estamos na mellor época do ano para desfrutar a observación naturalista. É un momento propicio para avistar carnívoros de día, coma este raposo, que andaba todo concentrado na procura de micrótidos nun prado.

Raposo (Vulpes vulpes)

  Hoxe levaba a OM-1 co Zuiko 300 f:4. De novo sentín a preguiza típica á hora de cambiar o tele por un obxectivo curto para tomas de paisaxe. Acabei disparando co teléfone.

Lamas (San Sadurniño). Foto con Sasung A25

  E rematamos así o post publicado neste Día das Letras Galegas. Un día que dentro duns anos será algo como o "Día do Latín" ou "Día do Sánscrito". Porque a morte da nosa língoa é un feito, por moito que algúns esteamos tentando mantelo con vida na unidade de coidados intensivos. Mas o diagnóstico non deixa lugar a dúbida. É cuestión de tempo. O galego ficará coma unha especie de patrimonio arqueolóxico empregado nos círculos do soberanismo galego...  e pouco máis.

 Como todos os que nacimos durante a ditadura franquista eu fun educado en español, tanto na casa coma no colexio (comezamos a dar aulas de galego en 6º de EXB). Porén, nas familias de entón o galego era a lingua falada por pais, nais, abós e aboas. E todos os nenos "mamábamos" o idioma de ouvidas.  Ao chegar a certa idade, os rapaces máis comprometidos dábamos o paso de mudar a fala desde ese español imposto pola forza, para expresarnos no idioma propio do país, no idioma dos nosos pais, e resultaba un proceso natural que non nos custaba demasiado traballo. Coñecíamos a fonética, o léxico, a semántica,... Iso mudou radicalmente.

   Co cambio de século aconteceu un fenómeno sociolinguístico nunca visto na Galiza. Por primeira vez na Historia, os nenos nacen e edúcanse en familias monolíngues castelán falantes, familias en que non hai ninguén que se exprese en galego; nin pais, nin abós. Iso derivou nunha dificuldade engadida á hora da aprendizaxe da língua, especialmente na fonética, dando lugar á aparición dos "nonainos": persoas que non son capaces de pronunciar o ene velar a final de sílaba, ou mesmo o xis, quizá os dous fonemas máis representativos do noso idioma. Para que vos fagades unha idea, vén ser como se os estudantes españois non fosen quen de pronunciar o eñe ou o elle. Imaxinades a un locutor do Telediario que na vez de "España" pronunciara "Espana" en horario de máxima audiencia? Pois iso exactamente está a acontecer en Galiza co galego. Cando escoito certo locutores de televisión ou radio cáeseme a alma aos pes. Non é que non saiban falar galego, é que directamente non son capaces de vocalizalo, como se estivesen a falar inglés ou alemán. Terrible...

    Neste contexto é normal que a masiva inmigración latina e magrebí non sinta a necesidade de aprender galego, como si acontece en Cataluña co catalán. Alí podes ver perrucarías ou negocios de comida rápida rexentadas por estranxeiros coa rotulación en catalán, porque lles interesa aprender o catalán para se integrar. Aquí non o verás xamáis. 
    Coma resultado, cada vez que chega un repartidor de paquetería ou un fontaneiro a casa (agora case sempre inmigrantes) debo obrigatoriamente falar en español. Xa non é que os demáis cidadáns non o falen; é que eu non podo empregalo se quero facerme entender. Porque en cidades coma Ferrol sempre houbo unha proporción moi importante de xente que non falaba o galego; pero o entendían porque o escoitaban na casa. Agora xa non. 

  En fin, sei que outras persoas teñen unha visión moi diferente sobre estas cousas. A miña é sumamente pesimista, alomenos para a zona de Ferrol, que tampouco se caracterizou nunca por ser un entorno favorable para a língua galega. 

  Feliz día das Letras Galegas, wey.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos