Hoxe ao saír do traballo dei unha volta breve pola zona habitual da ría para comprobar se había novidades. Pensando principalmente en especies coma mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis), mas tamén noutras acuáticas máis ocasionais tipo ganso de cara negra (Branta bernicla) ou mergo cristado (Mergus serrator), que adoitan aparecer nestas datas os anos en que o fan. As mobellas (Gavia spp) chegarán unhas semanas máis tarde.
Augas da ría central
Estamos con circulación de nordés. Iso implica moito vento na zona que visito habitualmente (ribeira sur). E causa que a superficie da ría estea moi batida, con algo de ondaxe.
Ría de Ferrol un día de nordés
Sony RX10 III (focal 37 mm equiv. ) ISO:100 V:1/500 F:5,6
Mentras tomaba estas fotos de paisaxe pasou voando un grupo de lavancos reais. Con eles voaba un pato que non puiden identificar mas ampliando a imaxe semella un ausbión común (Mareca penelope). Probablemente volveremos ter novas del.
Anatídea sp (probábel Mareca penelope)
A outra novidade da tarde foi unha gaivota cana (Larus canus), que descansaba na pequena praia de Maniños (Fene).
Sony RX10 III (focal 600 mm equiv. ) ISO:100 V:1/640 F:4
Esta gaviota é das máis delicadas que coñezo. A súa invernada en España é moito máis importante nas costas galega e cantábrica, especialmente con vagas de frío (non coñezo dados de Portugal, síntoo). No litoral andaluz e mediterráneo resulta máis rara de ver.
O meu récord persoal son dúas citas moi parecidas en número:
- 19 ex observados o día 31/0171997 na lagoa da Frouseira
- 18 ex observados o día 6/12/2024 tamén na Frouseira
Gaivota cana (Larus canus) xoven de 1º inverno
Sony RX10 III (focal 600 mm equiv. ) ISO:100 V:1/320 F:4
Na parte mais interior da ría fotografaba de novo á aguia pescadora que xa ten pousadoiros permanentes para todo o inverno. Esta vez comendo un peixe e tentando non caer da estaca por mor do forte vento que sopraba.
Aguia pescadora (Pandion haliaetus). Toma documental moi recurtada
Os primeiros exemplares de mergullón de pescozo negro soen chegar en outubro, ainda que teño tres citas en setembro (Cecebre, Forcadas e ría de Ferrol). A mediados de novembro xa formaban eses grupiños de 15-30 individuos. Tendo en conta a tendencia tan negativa destes últimos anos agardemos que cando menos formen eses grupos en xaneiro.






Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos