Seguidores e seguidoras

domingo, 18 de novembro de 2012

Ortigueira, 18-Novembro-2012

    O Domigo había unha boa maré, así que fun para Ortigueira a repasar a limicolada. Fixen un censo rápido de unha hora e o resto do día ocupeino en practicar coa Fuji HS10. Unha cámara coa que, penso, fun demasiado duro nas miñas críticas... Agora que mellorei un par de cousas que facía mal, as fotos a media-longa distancia xa teñen outro aspecto bastante mellor. Comezamos polo censo. Isto foi o que contei hoxe:
- 3 Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)
-2-3 Garzas brancas (Egretta alba)
- As habituais Garzas (Egretta cinerea) e Garzotas (Egretta garzetta)

Garza real (Arda cinerea)

- 3 Cullereiros (Platalea leucorodia)
- Patos rabilongos (Anas acuta) e asubiadores (Anas penelope) amosando xa a súa plumaxe nupcial, porque os primeiros que chegan veñen aínda coa plumaxe de muda.

 Patos rabilongos (Anas acuta) e asubiadores (Anas penelope) nun repousadoiro de preamar

Pato rabilongo (Anas acuta), macho

- 6 Pentumeiros (Melanitta nigra)
- 176++ Gavitas (Haematopus ostralegus). Non puiden contar todo o grupo (por iso poño ++)
- 15 Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola). esta limícola é das que chegan máis tarde para invernar. Por agora só atopamos grupiños mínimos.
- 74+ Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus)
- 555 Mazaricos reais (Numenius arquata) nos dous repousadoiros principais (Ladrido e Cavalar). Non contei os secundarios (San Claudio, Feás, Mera,..). Hoxe era unha visita relaxada.
- 102+ Mazaricos de bico recto (Limosa spp). Coma mínimo, 16 deles eran Rabinegros (Limosa limosa)
- 57 Biluricos comúns (Tringa totanus)
- 48++ Biluricos claros (Tringa nebularia). Censo moi trapalleiro. Non fagades moito caso.

 Bilurico claro (Tringa nebularia)

A foto anterior igual non vos parece moita cousa, pero...  fixádevos a qué distancia estaba o susodicho!!

  Bilurico claro na ribeira de San Claudio  

     Isto demostra que a miña bridge dá moito mais de si do que un pésimo fotógrafo coma min era capaz de sacar. Neste ponto teño que agradecer a Rafa que grazas ás súas extraordinarias fotografías (para flipar pinchade aqui) un servidor retomou o ánimo para intentar coñecer mellor a compacta e superar as dificultades que viña tendo con ela. E teño que dicir que estou moi contento da mellora. Seguimos:
- 2 Biluricos escuros (Tringa erythropus). Ún deles no Cavalar e outro no muíño da Acea.

Bilurico escuro (Tringa erytrhopus), entre comúns (segundo pola esquerda)

- 7 Carráns cristados (Sterna sandvicensis)
- 4 Gaivotas cabecinegras (Larus melanocepahlus). Poucas, parece, para estas alturas do ano.
- 18 Gaivotóns (Larus marinus) descansando na praia do Cavalar durante a marea alta.

Gaivotón (Larus marinus)

- Un Picapeixe (Alcedo atthis) na enseada da Lagarea-Cuíña. Levaba un peixe co que estivo a pelexar un bon rato para poder metelo para dentro.

 Picapeixe (Alcedo atthis)

- Tordos reais (Turdus pilaris), rubios (Turdus iliacus) e comúns (Turdus philomelos) nos campos e florestas do redor. 

Tordo común (Turdus philomelos)

   E remato. Hoxe, como é habitual, atopeime co "comité central" do grupo ornitolóxico Calidris (Galería Calidris). Ademáis de pasar un rato divertido con eles, entereime que a Acea restaurada lles foi cedido coma sede do grupo polo concello. Aproveitando que abriron o muíño, entrei con eles:


 Interior da acea

  Comentábame Álvaro que pensaban na idea de montar unha exposición dentro do local. Espazo teñen de sobra.

A xente de Calidris... cara al sol  (con perdón)

   Pódovos asegurar que todos eles son unha xente estupenda coa que, ademáis de aprender un montón de fotografía, te divirtes. Pero teño unha debilidade especial por Álvaro, referencia na fotografía de Natureza por aquí e unha persoa extraordinaria. Sen desmerecer ao resto do grupo, quero rematar a entrada cunha dedicatoria para el. Por ser o que é: un crack (como se dí agora..)

Don Álvaro Fernández Polo. Palabras maiores...

     Espero que vos guste esta entrada!!.



2 comentarios:

  1. Pois a min si que me gustou esta entrada...e moi agradecido polo achego e as loubas, un aquel esaxeradas diría eu.

    As fotos si que melloraron, e xa parece que lle vas pillando o punto a cámara, aínda que nengún mérito teño eu niso.

    Un acerto adicar a entrada a Alvaro. Agora insistir cos de "Calidris" en que se animen a facer a exposición permanente e conquiran unhas horas fixas de apertura da acea de Senra: sen dúbida un grandísimo e inmellorable olláparo de toda a paxarada da enseada. Poidera ser un grande centro didáctico: etnografía e natureza no mesmo casal. Só teñen que atopar o cómo: aínda que sei que fácil non é.

    A mandare, meu.

    PD: o de meu, é unnha expresión cariñosa do sur da Galicia. Vivín varios anos na Barbanza, e aínda que alí esténdena a meu home (Que andas a facer aí, meu home?)e a miña muller, habitualmente emprégase só co posesivo. Daí tamén miñas e meus, apocopando aquela expresión de cortesía e boa educación coa que D. Ramón Otero Pedrayo encetaba as súas emocionantes conferencias: Miñas donas, meus señores.
    Tiven a fortuna de asistir a unha delas, no Salón Artesoado de Fonseca en Compostela e a fala farturenta de sintase barroca e voz outa, clara e poderosa de D. Ramón non se borrou xamáis da miña idea.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Algo de culpa tés, Rafa. Estaba bastante desanimado coa bridge e, de veros resultados que consegues coa túa, decicín volver a intentalo.

      O tema das actividades na Acea ten un "pero" na miña opinión, como lles comentaba a eles: que está situada nunha zona moi tranquila da ría.

      E graciñas pola información lingüística.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos