Seguidores e seguidoras

venres, 6 de decembro de 2013

Podiceps nigricollis feridos en Maniños. Outra historia de supervivencia!

   Se a semana pasada a triste protagonista de "Bichos" era un accidentado mazarico, hoxe a sorpresa era maiúscula durante unha visita á ría de Ferrol.

 Vista da ría desde Fene (guindastres de Astano á esda. e de Bazán ao fondo)

  Chegaba á praia de San Valentín (Fene) coa marea alta. E cun frío considerable, antes da saída do sol. Por alí andaban descansando:
- 7 Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola), que aguantan aqui milagrosamente pese ao acoso insoportable dos malditos cans. Se permanecen nesta pequena praia en Xaneiro será mais doado contabilizalos no censo.
- 13 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
- 120 Pilros comúns (Calidris alpina) na ponte das Pías, coma sempre

 Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola) na ribeira de Fene

 No medio da ría avistaba tamén, moi lonxe, un grupiño de 5 Pentumeiros (Melanitta nigra).  A segunda parada era Barallobre e Maniños. Aló atopaba a primeira Mobella da temporada: unha Mobella grande (Gavia immer), que se fixo esperar este ano; pero non hai foto.


 Dos 5 Mergullóns cristados que contaba hai unhas semanas, parece que só quedan tres exemplares. Dous deles puxéronse a facer "monarías", con ofrenda incluída. Non sabía que esta especie realizaba a parada nupcial nas áreas de invernada (porque, obviamente, non crían na ría)

Mergullóns cristados (Podiceps cristatus) en parada nupcial

 As estrelas de Maniños son, coma sempre, os Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis), que xa sabedes que posúen aquí ún dos lugares de invernada máis importantes do país. O seu número vai medrando, e xa dá gusto ver o bando cando se xunta todo. Esta mañá censaba 64 exemplares.

 Bando de Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)

 Pero a sorpresa da xornada viña cando observaba un Mergullón de pescozo negro solitario... pousado en terra! na praia de Maniños. E canto rematei o reconto desde o peirao da vila, achegueime ata a praia para ver cal era a causa daquela observación inusual, por tratarse dun ave moi acuática, que apenas toca terra máis que para anidar.


  Cando cheguei aló, a marea xa baixara un pouco e o mergullón ficaba solitario no medio do intermareal. Diante desta circunstancia anormal, saltaron as alarmas, ante o que parecía claramente un caso de ave ferida ou enferma, e montei un "operativo de salvamento", consistente en poñer as botas de goma para intentar alcanzar ao ferido, e chamar a Pedro Cruzado para que trouxera unha caixa de cartón.
  Unha vez calzado adecuadamente, interneime no intermareal para intentar averiguar se a ave tiña realmenta un problema ou estaba alí porque se levaba mal co resto do grupo.  E, cando me aproximei, o mergullón levantouse como un resorte e correu coma unha centella...


  ...ata alcanzar a auga.  Pensei que quizá fose simplemente que a ave quedara despistada e, ao verme, reaccionou e decidíu volver ao líquido elemento, onde estas aves se desenvolven con solvencia.


 Pero non. Foi pousar na auga e volver a terra. Deime conta de que padecía algunha dificultade para nadar. Aparentemente non coxeaba en terra, aínda que corría dun xeito moi peculiar, pero por algún motivo parecía que non se atopaba cómodo na auga. E volvía a terra unha e outra vez.


  Nestes momentos ún non sabe moi ben qué facer. Recordoume o caso dun Carrán ferido cun ala rota, que quixen recoller nunha salina do Delta do Ebre pero que fuxía de min e foi imposible facer nada por el. Qué fas nestes casos? Se insistes en collela, podes acabar por agotar a ave, porque non se deixará coller ata que fique sen forzas, pero non apetece irte e deixala así,  un estado no que sabes que é un branco fácil para calquera depredador (sexa un azor, un can ou un humanoide)



   O mergullón seguía sen decidirse. Cando eu me aproximaba el fuxía, pero en canto eu quedaba quieto, volvía para a ribeira, onde parecía sentirse máis seguro. Polo menos acribilleino a fotos.




   Logo de meditalo, decidín que eu debía marchar e abandonar o mergullón, porque tampouco  ía poder recollelo, por moito que quixera.



   Nestes momentos aparecía a "ambulancia".

 Pedro Cruzado, coa caixa de emerxencia

   Eu xa volvía ao aparcadoiro e lle expliquei o acontecido. Pero cal foi o sorpresón cando vai Pedro e me dí que había algo movéndose moi perto de nós. Achegámonos un pouco e non demos creto ao que viamos ali mesmo: outro mergullón ferido!!


  Desgrazadamente este exemplar amosaba un estado moito máis penoso. Ademáis dun forte olor como a gasoil (posíbel "sentinazo"?) tiña a plumaxe feita un desastre e, o pior, unha ferida importante na parte posterior da cabeza.

 Mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis) con feridas descoñecidas

  Evidentemente éste non ofreceu resistencia ningunha o pobre. Con gran tristura recollímolo e metímolo na caixa que, inicialmente, estaba destinada para outro colega.


   Chamei ao Centro de Recuperación de Fauna de Oleiros (981 626 241), tremendo porque non estivera pecho (entre que hoxe era día festivo e os recurtes orzamentarios que están a afectando a todo....) Pero colleron a chamada e organicei o traslado. Mentras escribo estas liñas o mergullón estará xa no centro, recuperándose das feridas baixo os coidados dos veterinarios.  Esperemos que poida saír desta.

 Ata mañá.


4 comentarios:

  1. Como nos dixeron a nos cando levamos alguns araos petroleado no inicio do Prestige "tes o ceo ganado". Xa en serio, a ver se recupera, algunha idea de que pasou?.

    Cesar

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Este comentario foi eliminado polo autor.

      Eliminar
    2. O "ceo" vouno ter por aqui en Xaneiro, espero...(non quero máis recompensa que esa)
      Do outro, pois a verdade é que inicialmente pensei no ataque fallido dunha rapaz, que deixara afectada a ave. Mentras estaba controlando desde o peirao de Maniños houbo unha enorme desbandada xeral na praia ésta, onde estaba o mergullón soitario. E resulta unha zona con presenza habitual de Gabián e Azor.
      Pero ao atopar o segundo bicho (que cheiraba fatal como a gasoil ou gasolina), pois xa non sabe ún que pensar, a verdade. Un sentinazo? ataque de cans? (instantes antes de tomar as fotografías veu un fulano con un boxer e un pitbull, ou parecido e (xa sei que non o vas crer) soltounos na praia, onde corrían coma tolos.
      Tamén pensei en que se lastimaran na hélice dunha embarcación (é zona de bastante tránsito) ou mesmo nun verquido industrial (o asteleiro onde constrúo armas de destrución masiva está xusto enfrente).. Sabe Deus...

      Eliminar
  2. Puidechedes coller o que estaba máis perxudicado...o outro non houbo maneira, non?

    Unha pena o que lles pasou. Sorte que andabades vos por ahi.

    Apertas

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos