De todas formas, o pico migratorio aquí é máis ben entre a segunda e a terceira semanas do mes. Sempre falando desde a modestia dunha ría galega, que posúen unha importancia menor durante os pasos (o seu forte é claramente a invernada).
O máis salientábel de hoxe foi:
- 612+ Lavancos (Anas platyrhynchos). Nas rías galegas, e supoño que nas cantábricas tamén, a poboación de Lavancos é bastante complicada de determinar. Por unha banda están as aves aniñantes nos esteiros e ríos tributarios destes sistemas estuarinos que baixan aos intermareais unha vez rematada a cría; por outra, os exemplares que acoden á ría para a muda desde localidades cercanas; e logo as aves propiamente invernantes de procedencia europea que chegan cos fríos. Penso que os Alavancos que censo todos os invernos en Ortigueira son básicamente autóctonos, excepto en anos especialmente fríos.
- 2 Patos frisados (Anas strepera)
- 2 Patos asubións (Anas penelope) en Feás. Primeiros rexistros
-1 Pato rabudo (Ana acuta), idem.
- 6 Cercetas (Anas crecca)
- Unha Águia pescadora (Pandion haliaetus) frente ao porto de Ortigueira. Esta rapaz volveuse tamén moi habitual nesta ría durante os últimos anos.
Águia pescadora (Pandion haliaetus)
Tamén había algunhas limícolas, por suposto, pero case todas das especies habituais no verán:
- Gabitas (Haematopus ostralegus). Non os contei. Así a ollo 100+, poñamos.
- 2 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
- Centos de Mazaricos (Limosa lapponica e Numenius arquata/phaeopus)
- 32 Biluricos comúns (Tringa totanus). Exemplares xuvenis mesturados con adultos, sobretodo nos esteiros máis interiores.
- Deceas de Biluricos claros (Tringa nebularia)
- Moitos Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos). Son datas importantes para o paso da especie e seguramente o seu número andaría polas varias ducias.
- 4 Pilros comúns (Calidris alpina)
- 3 Pilros tridáctilos (Calidris alba) na praia de Cariño
- 1 Virapedras (Arenaria interpres) idem
Embarcacións de recreo no interior da ría
A pesca deportiva foi a máis nestes últimos tempos, especialmente durante o verao. Hoxe non se cabía no porto de Ortigueira entre pescadores locais, guiris madrileños e demáis familia. Na ría case había máis embarcacións que aves. Xa sabedes que eu respeto estas cousas, pero nun humidal con tantas figuras de protección en sentido figurado habería que figurar unha figura que figurase... En fin, xa non sei por onde iba...
Na enseada de Ladrido pasei un rato entretido. Ás veces non hai máis que se sentar ún e as cousas, simplemente, aparecen. Caso deste Mazarico chiador.
Os Mazaricos de bico curvo (os do xénero numenius) semellan gostar moito dos caranguexos da ría. Un exemplar buscaba no intermareal o seu alimento favorito mentras eu o afotaba cómodamente sentado na ribeira, debaixo dun Estripeiro (Crataegus monogyna), un arbusto abondoso na ría e que nesta época resulta certamente vistoso polas súa bagas vermellas.
Mazarico chiador (Numenius phaeopus)
O Picapeixe é unha das xoias ornitolóxicas de Ortigueira. Por comentarios de Álvaro Fernández e José Miguel Alonso sabía xa desta poboación reprodutora, e hai dous anos descubría un niño ocupado nun típico talude vertical de terra.
Onte era un xuvenil o que pedía de comer a ún dos seus proxenitores (a femia, penso). Os reclamos desesperados do famento Picapeixe e as persecucións aéreas detrás do adulto chamaban a atención no esteiro todo.
Picapeixe xuvenil reclamando bicada ao proxenitor
Na comarca de Ferrol o Picapeixe aínda mantén núcleos reprodutores na ría de Ortigueira e, máis escaso, na de Ferrol (nos esteiros mellor conservados). Penso que é moi probable tamén na de Cedeira; e o encoro das Forcadas podería acoller algunha parella, por teren boas condicións para a especie, aínda que por agora só está confirmado nas dúas primeiras localidades citadas.
Sempre que falamos destas rías pensamos no interese que posúen debido ás súas poboacións de acuáticas invernantes, mentras esquecemos a importancia que teñen para outras especies de fauna vertebrada moi ligadas a este medio, como son a Lontra ou o Picapeixe.
Picapeixe (Alcedo atthis)
E coas imaxes deste consumado pescador alado déixovos ata a próxima.
Que bonito ese Mazarico!!!
ResponderEliminarNo se te dio mal la mañana.
Apertas
E tiven moita sorte no climatolóxico, Alejandro! Foi volver a Ferrol a meiodía e caer o Diluvio Universal, como sabes (22 l. non están nada mal, se os consideramos no conxunto do que está a ser este verao bastante húmido).
EliminarEn cedeira teñoos visto a miudo cando vivia ali, agora a saber.
ResponderEliminarpreciosas fotos vaya joyas de aves!!saludos
ResponderEliminarSi que son unas joyitas, Marcos. Otro de esos bichos con "aspecto tropical", al igual que las Ranitas de San Antón. Siempre fotogénicos.
Eliminar