Aproveitei para facer unhas mostraxes en áreas de prado e campo das parroquias de Lago e Meirás:
Pradeira húmida en Lago
Busquei folosa pintada (Locustella naevia) mais non dei con ela. É posíbel que teña perdido ún dos seus últimos núcleos de reprodución na provincia coruñesa.
Campos de Taraza, Meirás
Baixo un orvallo moi fino, dese que case nin molla, percorrín os transectos habituais arriba e abaixo, atopando paxaros típicos e comúns na zona: chascos (Saxicola rubicola), merlos (Turdus merula), tordos (Turdus philomelos), escribentas liñaceiras (Emberiza cirlus), ...
A surpresa foi un macho cantor de trigueirón (Emberiza calandra), especie divagante bastante rara por aquí, aínda que nestes últimos anos é case regular na Primavera. Na comarca de Ferrol debeu criar até finais dos noventa no val de Moeche, onde teño observacións de adultos con un posíbel voantón (30-Xuño-1997).
Trigueirón (Emberiza calandra)
Os abondosos e confiados picaxuncos permiten facer todo tipo de provas fotográficas, como disparar con ISO 800. Non vai mal a Nikon B700, pero que nada mal...
Picaxuncos (Cisticola juncidis)
Nikon B700 focal 258 (1440 mm) ISO: 800 V: 1/ 500 F: 6,5
E agora toca esperar, mentras Eolo se vai situando nunha posición máis favorábel para os nosos intereses. Seguiremos informando diariamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos