Seguidores e seguidoras

luns, 8 de abril de 2019

Bichos vintage (entradas antiguas reeditadas)

 NOTA: He pensado que sería buena idea volver a publicar entradas antiguas de los primeros tiempos de "Bichos e demáis familia". En aquellos años empezaba con esto de la fotografía o la literatura y cuando las veo ahora noto que necesitan una revisión y actualización. En esta serie que podemos denominar "Bichos vintage" subiré viejos post convenientemente revisados tanto en lo que refiere a imágenes (mejor editadas o directamente substituidas) como a sus textos (demasiado extensos en ocasiones). Empezamos con una entrada publicada inicialmente en Octubre de 2011.

ENTRADA:

 Esta fin de semana eran as festas patronais no meu barrio, así que decidín emigrar cara a outra ponta do país. O destino foi a zona de Ourense fronteiriza con Portugal: a "raia". Concretamente as terras de Cualedro, a cavalo entre o val do Támega e a Serra do Larouco.

Paisaxe de Cualedro (Ourense)


Por recomendación de Martiño Cabana visitei primeiro as veigas da Saceda. Un val que posúe varias brañas e conxuntos húmidos ben interesantes. Por desgraza este ano de seca excepcional o elemento líquido brillaba pola súa ausencia. Isto debería ser unha grande charca:


  Baixo as pedras do leito lacustre, agora completamente seco, amoreábanse exemplares metamórficos de Rá verde (Pelophylax perezi). O frío da mañá (4º C) animaba ademáis á busca de paseriformes por aquelas chairas abertas. Para este ferrolán as paisaxes destas terras de Baltar, Cualedro e A Limia teñen máis parecido coa dura meseta castelá que co norte húmido do que procedo.

 Volvendo ao bichos, neste tempo de paso migratorio, é doado ver algunhas especies de paseriformes típicos coma picafollas cantores, papamoscas cincentos ou negros.

 Papamoscas cincento (Muscipaca striata)

Papamoscas negro (Ficedula hypoleuca)

  A Fuji HS 10 non é desde logo a mellor cámara para capturar paxaros insectívoros.

Picafollas cantor (Phylloscopus trochilus)

 Tamén había varios Picanzos reais meridionais (Lanius meridionalis), que probablemente sexan reprodutores na zona.


 Picanzo real (Lanius meridionalis)

  Circulando pola pista, atopei un Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) atropelado. Unha vítima recente do tránsito rodado, que tantas mortes ocasiona anualmente entre as poboacións de anfibios, répteis e Ourizos, especialmente.

Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) femia, atropelado

  Esta Lagartixa galega (Podarcis Bocagei) estaba ben viva, ao abrigo do mato nun muro lindeiro. Esta especie móstrase máis "campestre" e forestal polo sur galego. Alí convive con outra parente cercana, a Lagartixa dos penedos (Podarcis hispanica), dominante nas áreas de baixa altitude e climatoloxía máis mediterránea.

Lagartixa galega (Podarcis bocagei)

 O val da Saceda é predominantemente agrícola, pero aínda conserva manchas caducifolias, á beira dos ríos (case todos secos agora).


En canto sobe algo o relevo, a Xesta (Cytisus multiflorus) domina as ladeiras onde outrora había bosques. Os lumes crónicos deste país teñen moito que ver con isto.

Xestas á beira do camiño

 Estas zonas de mato degradado e abondosas pedras son o hábitat da Cobra lagarteira meridional (Coronella girondica). Atopei este exemplar xuvenil baixo unha pedra

Cobra lagarteira meridional (Coronella girondica)

Nunha pedra cercana había unha "camisa" de ofidio (unha muda completa). Aínda que pareza complicado, ás veces podemos determinar a especie da súa propietaria, xa que moitas cobras dispoñen dun tipo de escama característica (carenada, surcada, lisa) así coma dunhas placas e escamas cefálicas tamén diagnósticas. Esta da foto, tendo en conta o seu pequeno tamaño, probablemente fose dun xuvenil da mesma especie de Coronella, ou incluso do mesmo exemplar.


   Aínda que prefiro non manipular os animais (excepto que sexa absolutamente necesario para a identificación) ésta preferín collela un momento, para ver a coloración ventral.

 Coma curiosidade comentar que hai uns anos, nos montes de Vilariño de Conso, fun testemuña dun dos comportamentos defensivos máis curiosos que xamáis vin. Unha Cobra lagarteira meridional adulta, ao detectarnos, comezou a envolverse ata facerse completamente unha pelota. Unha vez capturada, mantiña a forma na nosa mao, sen desfacerse, durante moito tempo.


Cobra lagarteira (Coronella girondica) facendo display defensivo

 Aproveito para recordar que a captura de anfibios e réptiles está proibida pola lei. É recomendábel dispoñer dos correspondentes permisos, como os que solicitamos á Xunta os colaboradores do Atlas da SGHN. En todo caso sempre é preferíbel chegar á identificación sen manipular a fauna. E por suposto, deixar o animal no mesmo lugar onde estaba.

 Polos camiños saltaban ortópteros de todo tipo. Puiden fotografar este Saltón de ás azuis que conta cunha fabulosa camuflaxe sobre o fondo areento.

Saltón (Acrididae sp)

Por aló andaba tamén unha Libélula (Sympetrum) Pola maneira de cazar as libeliñas verdadeiras divídense habitualmente en dúas clases: as tipo "frecha" e as tipo "peneireiro". As primeiras están case todo o tempo pousadas na vexetación vixiando e saen disparadas como unha frecha cando detectan unha presa. As tipo peneireiro botan o día voando e peneirando polo seu territorio de un lado a outro, pousando raramente. Os Sympetrum son da primeira clase.

Lavacú sanguiño (Sympetrum sanguineum)

     Por último...os de sempre volveron actuar, mentras eu andaba por Cualedro...Unha estampa desgrazadamente familiar para todos os galegos e galegas repetíuse perto da Saceda:


  Quero despedirme adicando esta entrada ao piloto da avioneta  accidentada onte domingo, mentras loitaba contra as lapas noutro incendio, en Laza. Íñigo Zobiga Padadogorría, de 54 anos, faleceu defendendo os nosos montes. Porque o persoal de extinción de incendios son os heroes do noso tempo (a pesar dalgún lamentábel caso illado que non representa ao colectivo). Mentras, outros criminais prosiguen a súa tolemia incendiaria, co consentimento de algúns e a impunidade total da administración, incapaz de atallar esta lacra medioambiental.

  Vémonos na segunda parte desta viaxe, que espero subir axiña.

3 comentarios:

  1. Como molam estas entradas vintage, já sabes porque o digo ;) Um abraço, Damián

    ResponderEliminar
  2. Pois si que molan estas entradas vintage!! Ademais, cun pouco de todo. Bo traballo (unha vez máis).
    Apertas,
    Martiño

    ResponderEliminar
  3. Graças, rapazes. O interessante é que naquela época em que começava a andar "Bichos" nom tinha responsabilidades familiares e desfrutava de autonomía para mover-me fóra de Ferrol. É umha mágoa que na "época dourada" de anos anteriores, com viages freqüentes ao Delta, Arribes ou Villafáfila nom tivesse cámara de fotos. Porque daquela si que teria material de primeira....

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos