Seguidores e seguidoras

venres, 17 de maio de 2019

Controlando aves comúns (e non tan comúns) por Moeche

 Aproveitando o feriado deste 17 de Maio, día das nosas letras, achegueime outra vez ao val do Xuvia, desta volta ao seu paso por Moeche.


   Nestas veigas de Moeche perviven algunhas das paisaxes agropecuarias mellor conservadas da comarca de Ferrol, adicadas sobre todo á gandeiría sostíbel. Afortunadamente semella que non chegou aínda a obsesión polo monocultivo de millo (maínzo, dicimos en Ferrol) nin o glifosfato.


  Realicei os meus transectos de control habituais, unha parte deles por pistas asfaltadas e outra por pistas de terra, desfrutando dos campos en plena floración.
    A pesar de todo, moitas especies desapareceron desque coñecín esta zona, aló por 1987. Tartaraña cincenta, cuco, paspallás, rula, lavandeira boieira, papuxa común ou folosa pintada son hoxe especies extintas ou a piques de selo. Outras novas chegaron para se quedar.


  O picanzo vermello (Lanius collurio) acaba de chegar esta semana procedente de África. Hoxe vin cando menos 2-3 machos e 1 femia en varios territorios de cría tradicionais. Os machos non perden nin un segundo e comezan cantar en canto aterrizan aquí (un canto ben cativo e con "estrofas" copiadas doutras especies, todo hai que dicilo)


     Estoutro cantaba ao "micrófono" baixo a chuvia (para todo hai que valer):

 Picanzo vermello cantando

  Os paxaros residentes están xa coa reprodución moi avanzada. Moitas especies andan ocupadas frenéticamente na alimentación dos polos:

 Escribenta liñaceira (Emberiza cirlus) femia con bicada

 Chasca común (Saxicola rubicola) macho con polo voantón

     Os mamíferos tamén colaboran na tarefa da procreación. A vaca é para min a especie animal máis importante de Galiza, por moitos motivos.

Vaca con becerro 

Vacas pacendo baixo un forte chaparrón

 Sempre que vou a Moeche o tempo pasa voando. Non canso de pasear, aínda nun día chuvioso coma éste de mediados de Maio.

Paisaxe de Moeche

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos