Aspecto da xunqueira principal
Como tantos outros humidais non se pode entender a sua evolución sen coñecer o "manexo", a interacción do home co medio natural. Un manexo que actualmente está orientado ao turismo ou lecer pero que tempo atrás buscaba o aproveitamento agro-gandeiro.
Paseo peonil
O abandono deste aproveitamento tradicional deriva habitualmente nun proceso acelerado de colmatación e incremento da cobertura forestal nos humidais. Consecuentemente, unha perda das especies asociadas a estes hábitats tan escasos na Galiza.
Conta o señor José que hai 60-70 anos a xunqueira estaba dividida en parcelas (el aínda conserva 2 ferrados). Cada propietario estaba obrigado a curtar "a xunca", que empregaban para estrar (encamar) o gando, unha corta que facían a partires de Xuño-Xullo. Se alguén non o facía viñan do concello e facíano eles. Igual que en Cospeito ou na Frouxeira levávanse as vacas a pacer na xunqueira. O terreo era brando mais permitía sen problema a entrada dos carros a recoller a xunca.
Todos os anos chegaban mulleres de Betanzos especialmente para apañar o toelo (Scirpus lacustris), un macrófito de talo redondo co que "enristraban as cebolas". José reveloume tamén unha acepción local para Typha sp: negrito, chamado así pola cor das flores femininas.
Don José Martínez Rivas (89 anos). Imaxe tomada co seu permiso
Arestora a vexetación ripícola de salgueiral e ameneiral cobre grande parte da antiga xunqueira. Nos tempos de José os viciños subían en lancha polo rego principal, hoxe moi pechado de vexetación e sen apenas calado. Contoume que os rapaces pasaban de pé por baixo da vella ponte da estrada. Agora os sedimentos areosos depositados no leito do río impédeno.
Aspecto actual do rego
Martiño Cabana pasounos unha comparativa da situación actual e no 1957, cando se tomou a serie do famoso vóo americán. Pode apreciarse a parcelación do propio humidal, así como o uso agrícola dos terreos colindantes, hoxe moi urbanizados ou con cobertura forestal (caducifolia e eucalipto).
Non se aprecian augas libres extensas na foto antiga. Segundo o señor José había unha rede de canles de auga que por veces facían de lindes das fincas pero básicamente era unha grande pradaría de xunca asolagada. Naquelas canles "había moitas anguías (Anguilla anguilla) e tamén munxes (Mugil sp)". Hoxe a fauna piscícola tamén está extinguida.
Aspecto en 1957 (vóo americano) e actual
En Abril de 1982 José Souza visitou a xunqueira na compaña de J. M. Fafián e realizou un plano do humidal. Amablemente cedeume as páxinas do su cuaderno de campo, que pegaría aquí na súa totalidade pero que debo resumir por falta de espazo.
Plano elaborado por José Souza en 1982
Souza relata no seu cuaderno as especies de fauna vertebrada observadas. De entre as aves cita niños atopados de mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis), nunha pequena charca do sector N, galiña de río (Gallinula chloropus) e lavanco (Anas platyrhynchos). Tamén é detectado o rascón (Rallus aquaticus). Moi interesante tamén a cita de 1 macho de cerceta de estío (Anas querquedula) observado aquel día. O lavanco, a galiña de río e o rascón seguen a criar actualmente.
O señor José coñecía ben a pola de auga, termo que escoito por por primeira vez na comarca de Ferrol, onde é máis coñecida como galiña de río. Pregunteille por ela e contestou que "tiña un debuxo que parecía a bandeira de España", imaxino que referíndose ao bico.
Volvendo a 1982 Souza indica tamén a abondancia da rata de auga (Arvicola sapidus), con numerosos excrementos e encames achados, así como a escoita de abondosos cantos de rá verde (Pelophylax perezi), hoxe extinta. Cando preguntei ao señor José pola sorprendente ausencia de rás que se podía apreciar na actualidade contestou categórico: " - Iso foi polos sulfatos".
Desde logo a ausencia case absoluta de anfibios neste humidal - teóricamente un bon hábitat para varias especies - é realmente insólito.
Xunqueira de Ares (canaval de Phragmites ao fundo)
Fica aínda unha magnífica comunidade botánica, entre que as Souza menciona trebo de auga (Menyanthes sp), frundio (Myrica gale) e varias xuncas coma Carex hista ou C. riparia. De máximo interese é a comunidade de ambroíño de río (Nymphaea alba) que atopou naquela visita de 1982. Podemos engadir Ares a outros humidais litorais dos que desapareceu este nenúfar, como o Carregal de San Xurxo. Probablemente acabe por desaparecer tamén na lagoa de Xuño, onde houbo igualmente cambios drásticos nas últimas décadas, segundo me relatou Miguel Conde.
Esta historia da xunqueira de Ares lémbranos o importante que pode ser o manexo humano para conservar os ecosistemas acuáticos e a biodiversidade asociada. É absurdo investir nun plano de conservación da escribenta das canaveiras se logo a propia Administración permite que o hábitat desta especie en perigo de extinción se convirta nun salgueiral pantanoso. Señores académicos: unha de dúas, ou permanecemos ausentes mirando desde a nosa burbulla ortodoxa e elitista como se produce a sucesión ecolóxica ou actuamos para mellorar a BIODIVERSIDADE.
Por último agradezo a José Souza e Martiño Cabana a axuda prestada na preparación deste post.
Se cando os arqueólogos vos decimos que non hai tal Medio Natural, senon que é unha construcción cultural...
ResponderEliminarTodo o mais acepto o concepto de interacción...
Non sei a quen te refires con ese "vos" pero eu desde logo sei bastante ben qué é un medio natural e qué non o é, ainda que non estudei arqueoloxia (ninguén é perfecto).
EliminarClaro que hai Medio Natural, pero está interferido polas diferentes especies humanas en Europa desde hai 300.000 anos
ResponderEliminarE vostede é...? Ou non lle permiten identificarse?
EliminarTampouco sei a que se refire con iso de "vos" pero bueno...
EliminarO concepto de medio natural como algo externo ó ser humano non é correcta, por que o ser humano actuou como unha especie máis no ecosistema nos últimos milenios e aínda o fai nalgunha zona do mundo (cada vez menos, por desgraza). Sen embargo, esa interacción biolóxica practicamente desapareceu nas últimas décadas, onde unha parte do sector primario se converteu nun sistema extractivo. Un cultivo de millo, unha plantación de eucalipto ou unha "pradeira" de raigrass italiano non é medio natural, é tan artificial como o centro da Coruña. Eses ambientes son pésimos para a biodiversidade aínda que algunha especie o poida aproveitar como os xabaríns, que non son máis que ratas grandes.
Pena que nestas zonas húmidas non se siga traballando dun modo máis sinérxico coa biodiversidade pero a PAC española tirou polo lado produtivo e jodeuse o invento.
Apertas,
Martiño
Boas Xabi,
ResponderEliminarUnha vez máis, unha entrada estupenda. Non esperaba menos, jeje.
Souza xa viu unha situación moito máis avanzada de forestación da xunqueira que a que se ve no voo americano, onde case non había ningunha árbore na zona. O cambio dos últimos trinta anos foi maior que a dos trinta anteriores.
Os académicos e as administracións, que realmente son as que mandan, deberían ler moito máis (ou algo, polo menos) os traballos que se están facendo no centro de Europa, especialmente en Inglaterra. Alí xa teñen moi claro o que hai que facer e invírtese para revertir os problemas de conservación que nós tamén temos. Non se pode entender unha estratexia de conservación como unha actuación inmobilista se durante milenios eliminamos os factores que mantiñan estos humidais a longo prazo, pénsese nos grandes herbívoros que existían ou as enormes variacións do nivel hidrolóxico previa ás desecacións/canalizacións. Se estes dous grandes factores, a non actuación é a destrución do humidal.
Unha forte aperta,
Martiño
Graciñas, Martiño. Cánto che debe este blogue! Sempre disposto a botar unha mao vía telefónica para consultas de todo tipo.
EliminarUn abrazo.
Só estivem umha vez na junqueira de Ares, num dia de choiva e apenas mirei nada... Terei que voltar. Um post excelente, parabéns. Abraço, Damián
ResponderEliminarGraças por comentar sobre o post, Damiam. É úm desses humidais caídos em desgraça.
EliminarPD: atopei Brachytron!!!
Un entrada muy interesante Xabi.
ResponderEliminarUn saludo.
Grazas, Juan.
EliminarXabi, perdona por no haber entrado antes: ya sabes que siempre llego tarde... Estupendo post, que debería hacer reflexionar a tanta gente que tiene una imagen "desenfocada" de la conservación biológica. Martiño tiene toda la razón cuando dice esto de que la Xunqueira ya estaba cambiando cuando la visite en abril de 1982: a juzgar por las fotos (no visito la zona desde hace décadas) el paisaje actual es bastante parecido al que nos encontramos entonces, y la cosa debió de ir a peor: eso de que no haya ranas ni nínfeas parece que indica lo que era de esperar: la terrestrificación del humedal. No sé si la situación hidrológica ha cambiado, pero lo que sí se ve es la invasión de la Xunqueira por rellenos y ambientes antrópicos, y que me imagino que el hidroperíodo debe de ser más corto. Una pena. Desde luego, la zona merecería más atención, y no me cabe duda de que podría ser una zona excelente para el escribano palustre, aunque la pérdida de áreas agrícolas en las inmediaciones (que aún predominaban en 1982) no pinta bien...
ResponderEliminarPor cierto, no hay un solo ecosistema en la península ibérica que no haya sido manipulado o impactado por la actividad humana desde el Holoceno...
Moitísimas grazas por comentar, José. A verdade é que a desaparición de humidais é tremendo. Non entendo que a recuperación dalgúns deles ou construción doutros novos non sexa unha prioridade para certo personal con "Poderes". Pero aquí xa sabemosque curtar unha póla de salgueiro ou meter unha pala para criar lámina de auga é pecado mortal. Cando Damián ou Martiño me contan proxectos levados a cabo en Europa doume conta do atraso que levamos en asuntos de conservación/restauración.
EliminarPD: Cómpre loubar o magnífico traballo da SGHN restaurando pequenos humidais estacionais na Limia. Iso si é conservación, mamóns da Xunta!!
Bueno, se o van facer como a chapuza de Cospeito, mellor que non toquen nada!!
EliminarDe feito vai tomando forma a idea de que estamos xa no "Antropoceno". E na liña do comentado xa, respecto a idea de "non hai medio natural", penso que debemos entender o ser humano como parte da natureza. Non estamos separados, somos parte da natureza, quizá o sentido bucólico que as veces temos dela nos nubre a percepción.
EliminarNon creo que haxa ningún interese real da administración galega de conservar espacios, nin especies, nin modelos socioeconómicos respetuosos co medio natural.
Qué boa entrada Xabi, graciñas.
Alexandre Justo
Graciñas a vós por lé-la, Alexandre. Con respeito a que somos parte da Naureza eu diría que "si e non". O ser humano é algo moi especial que non podemos comparar co resto do reino animal (xa non digamos vexetal).
EliminarApertas
Se me permites unha analoxía... as células cancerosas dun organismo animal, son parte dese organismo ou son elementos alleos? A proteína amiloide dun cerebro enfermo de Alzheimer é parte do cerebro enfermo ou é un elemento alleo?
ResponderEliminarSon, nin máis nin menos, elementos do sistema que se volven contra o propio sistema.
Apertas,
Alexandre
Serei breve porque non quero empezar un debate. Iso é efectivamente o que te ensinaron, que simplemente somos un organismo algo mais evolucionado, que nacemos, morremos e nos convertimos en enerxía de consumo. Eu ademais de estudar bioloxía, física ou química (en BUP e COU) estudei a ciencia do Yoga. Quizá ti deberas facelo tamén. Asegúroche que se a coñeceras verías que Deus, alma e bioloxía non son contraditorias en absoluto, a pesar do grande empeño que durante séculos puxeron as diferentes igrexas en promover a ignorancia.
EliminarUn abrazo, Alex.