Seguidores e seguidoras

sábado, 11 de abril de 2020

Unha sexta pasada por auga

  Esta sexta feira (venres) foi un día pasado por auga. E na Galiza cando dicimos "pasado por auga" queremos dicir que non parou de chover case en toda a xornada. Unhas condicións ideais para facer provas coa Nikon P1000 desde a xanela. Polo de agora pouco mais podemos facer.

  As Gaivotas patimarelas (Larus michahellis) xa comezaron o período de cría e arestora as parellas móstranse moi agarimosas, facendo constantes visitas ao emprazamento do niño. Sobre el e fóra del as parellas realizan complexas ceremonias de cortexo, baténdose no bico e cunhas voces características que se escoitan estes días por toda a cidade.

 Gaivota patimarela (Larus michahellis) femia
Nikon P1000 focal 360 (2000 mm)  ISO:110  V:1/100   F:8
Disparo remoto sobre trípode. Distancia: 35 m

   Onte aproveitei a chuvia persistente que caía de tarde para tirar unhas fotos ás miñas viciñas. Aínda non coñezo ben o procesado dos NRW da P1000, así que cómpre estudar os parámetros de nitidez, ruido, contraste ou saturación máis axeitados.

 Parella de patimarelas (macho esda. e femia drta.)
Nikon P1000 focal 180 (1000 mm)  ISO:110   V:1/125   F:6,3

  A chuvia sempre dá un toque moi fermoso a estas imaxes. Espero ir atopando axiña eses valores óptimos de edición para tirar partido dos RAW.

Gaivota patimarela (Larus michahellis)
Nikon P1000 focal 467 (2600 mm)  ISO:110   V:1/ 100   F:8
Disparo remoto sobre trípode. Distancia: 35 m

 Isto foivos todo por hoxe. Xabi Prieto transmitindo desde a capital de Mordor.

4 comentarios:

  1. Oe Xabi, umha pergunta: notas um cámbio no número de parelhas de Larus michahellis este ano desde a tua casa em Ferrol? Mais territórios aparentemente ocupados ou menos? Logo direi-te o que vejo na Corunha. Apertas! Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. No número de parelhas nom. Nom diréi que as tenho contadas porque mentiria mas a sensaçom visual é a de sempre. Saio pola ventá, fago un "varrido" rápido e acho as parelhas mais ou menos onde sempre. Onde si notéi umha diminuçom foi no asteleiro há 3-5 anos, logo do cámbio dos telhados de uralita polos novos de PVC (um cámbio de hábitat que empurrou algumhas parelhas a aninhar nas mesmas ruas da factoria).

      O que si percebim foi un declive no número de polos da parelha que vive frente a minha casa. O primeiro ano que a controléi em sério sacárom adiante 3 pitos. Ao ano seguinte 2. Un ano máis tarde só 1 e já en 2019 nom eclosionou a posta. Tenho umha teoria "conspiranoica" que relaciona a baixa natalidade coa mudança na dieta (antes proteína animal de qualidade e agora pienso para gatos ou boleria das terraças).

      Eliminar
    2. Na Corunha a produtividade semelha estável ao menos nos telhados da zona da Falperra e praça de Vigo... o que si que notei no período 2016-2019 é um pequeno -pero bem aparente- declive no número de parelhas no conjunto da cidade, umha vez que muitos telhados 'tradicionais' de cria ficárom baleiros... Ia fazer umha prospecçom mais detalhada neste 2020 para confirmá-o pero acho que nom vai ser possível pola crise do COVID.
      Saúde,
      Damián

      Eliminar
    3. Olho tamém coa actividade das empresas adicadas a combater as povoaçons de aves urbanas. Actúam a demanda do concelho ou bem das associaçons de vizinhos. É possível que na tua zona tenham actuado mais.
      Outra cousa,por se tes algum casal à vista. Quando naçam os polos, observa a bicada que lhes dam. Anos atrás vira como traziam peixe (dum Froiz próximo), tipo xurelos ou algo assi. Agora o habitual é boleria industrial (das terraças) e moito pienso para gatos, que apanham nos comedeiros que ponhem as bobas animalistas.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos