Seguidores e seguidoras

luns, 31 de outubro de 2022

Nova visita a Ortigueira: plumas e escamas

 Ontes voltabamos á ría de Ortigueira (A Coruña) para controlar especies que ficaran sen contar o outro día. A preamar fora moi viva e toda a limicolada estaba na enseada de Ladrido.

Concentración de limícolas

   Cando descansan alí resultan mais difíceis de contar que no Cavalar porque moitas permanecen entre a vexetación marismeña. Ao baixar a maré van saindo ao intermareal e vense mellor, pero daquela xa comezan a marchar grupos voando cara Ortigueira.

  Na seguinte imaxe temos unha mostra da riqueza deste humedal. Na foto hai un total de 14 especies diferentes entre ardeidos, láridos y limícolas.


Bando de cullereiros (Platalea leucorodia)

Gabitas (Haematopus ostralegus) a voar cara a ría

Limícolas en Ladrido

    Poño as cifras do censado (algunhas cousas en Ladrido e outras na ría de Ortigueira sensu stricto):

  • 134 Patos albelos (Anas acuta). Incremento importante respeito da última visita
  • 162 Gabitas (Haematopus ostralegus)
  • 29 Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola)
  • 10 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
  • 162+ Fuselos de rabo pinto (Limosa lapponica). Contados desde o porto de Ortigueira, o seu número real supera os 200 ex con certeza
  • 17+ Fuselos de rabo negro (Limosa limosa). Contados tamén desde o porto. Significa un descenso forte da sp, que últimamente andaba polo centenar de individuos. Quizá ese calor que están a ter por Holanda ou Alemaña teña que ver.
  • 48 Pilros grosos (Calidris canutus)
  • 220+ Pilros comúns (Calidris alpina)
  • 1 Pilro tridáctilo (Calidris alba)
  • 1 Pilro pequeno (Calidris minuta)
  • 74 Cullereiros (Platalea leucorodia). E segue a subir....
  • 6 Garzas brancas (Ardea alba)

Pilro pequeno (Calidris minuta). O primeiro pola esquerda

   Fóra do que son as acuáticas cómpre salientar a observación dun picanzo real (Lanius meridionalis) nos campos de Leixa, toda unha raridade neste recanto do NW.

Picanzo real (Lanius meridionalis)

    Perto de nós pousou un grupo de subeliñas, unha das nosas especies de paseriformes máis inconfundíbeis, bonitas e simpáticas.

Subeliña común (Aegithalos caudatus)
Panasonic G7 + Zuiko 100-400 mm  ISO:400   V:1/500  F:6,3


Subeliña común (Aegithalos caudatus)
Panasonic G7 + Zuiko 100-400 mm  ISO:400   V:1/800  F:6,3

Subeliña común (Aegithalos caudatus)
Panasonic G7 + Zuiko 100-400 mm  ISO:640   V:1/1000  F:6,3

   Mas non todo van ser plumas. En dúas das paradas observamos lavacús estriados, porque a tempada de libeliñas aínda non rematou. Oportunidade para seguir desfrutando a impresionante calidade do Zuiko para fotografía de aproximación grazas á súa distancia mínima de enfoque. 

Lavacú estriado (Sympetrum striolatum). Imaxe sen recurte
Panasonic G7 + Zuiko 100-400 mm   ISO:250   V:1/800    F:6,3

  Terminamos con outra das especialidades de Ortegal: a lagartixa da serra (Iberolacerta monticola), que aquí simplemente é a lagartixa común, omnipresente en calquer hábitat disponíbel, antrópico ou non. De feito a lagartixa típica dos muros na Galiza, Podarcis bocagei, resulta bastante escasa e localizada nesta comarca do estremo norte peninsular.

Lagartixa da serra (Iberolacerta monticola), macho con "deseño marmoratus"
Panasonic G7 + Zuiko 100-400 mm   ISO:250   V:1/800    F:6,3

Lagartixa da serra (Iberolacerta monticola), femia con deseño alaranxado

   Os xuvenís son doados de distinguir grazas á cor verde azulada da cola. En canto van medrando perden ese ton tan característico.

Xuvenil moi noviño de lagartixa da serra (Iberolacerta monticola)

Xuvenil mais crecido de lagartixa da serra (Iberolacerta monticola)

    Recentemente os taxónomos segregaron varias especies da Iberolacerta monticola nominal (a que temos na maior parte de Galiza). Na montaña de Ourense existe unha pequena poboación de lagartixa leonesa (Iberolacerta galani) cuxo rasgo morfolóxico máis visíbel é o número de ocelos azuis nas costas: 6 ou máis. As monticola normais adoitan ter 2-3, ainda que onte puiden fotografar un macho con 4 pintas azuis en liña.

Detalle dos ocelos azuis nun macho

    Espero que gostásedes da entrada. Vémonos na próxima.

José Ramón e mais eu combatendo no frente do Dombass contra o Batallón Azov
Foto cortesía do mestre Álvaro Fernández Polo (tirada co teléfone)

7 comentarios:

  1. Bonito post y un gran placer disfrutar de ese Lanius Meridionalis gracias a Alvar Fenandez por hacernos esta foto juntos. Los nombres esos hay que memorizarlos.

    ResponderEliminar
  2. Os Sympetrum striolatum son os odonatos que mellor pasan o inverno (coa excepción das Sympecma fusca, que son invernais). Dan algo de alegría nestas datas nas que quedan moi poucas libélulas voando (outra cousa son as larvas).
    Saúdos,
    Martiño Cabana

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Desde logo son as únicas libeliñas que vexo nestas alturas do ano ademáis das Aeshna mixta, por suposto. Hai uns anos, cando aínda visitaba o sistema dunar da Frouxeira, vira unha cantidade brutal de S. fonscolombi voando e pousando nas mesmas dunas. Era mediados de Novembro e flipara.
      Apertas.

      Eliminar
  3. Noraboa pola foto da libeliña, non creo que sexa doado fotografialas á velocidade que van e o ritmo que levan.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Depende da especie. Algunhas non paran quietas e resulta imposible pillalas. Outras, como as do xénero Sympetrum, pasan moito tempo pousadas e xa é máis doado fotografalas.
      Grazas pola visita, Mari.

      Eliminar
  4. Petaches as subeliñas. Fantásticas fotos! Unha aperta.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas, Álvaro. A ver se a próxima vez teño a cámara configurada como Deus manda e non me fago a picha un lío (eu e mais o Zuiko aínda nos estamos coñecendo, haha).

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos