Seguidores e seguidoras

sábado, 24 de xuño de 2023

Observacións ornitolóxicas destes días

     Estou a dar pequenos paseos por Ferrol e extrarradio, tentando sempre fuxir da peste canina (algo virtualmente imposible). A estación de cría avanza, e nótase na presenza masiva de exemplares xuvenís polos nosos campos. Exemplares noviños de estorniño negro, pega rabilonga, peto, chasco común, merlo, tordo, torda, ferreiriños diversos ou xílgaro forman xa os clásicos grupos familiares (ou exclusivos para "adolescentes", no caso dos estorniños). Antonte nos campos de Meirás, Valdoviño, pasaba voando o que semellaba unha familia de choias de bico vermello, córvido reprodutor nos cantís costeiros próximos.

Grupo de choias de bico vermello (Pyrrhocorax pyrrhocorax)

  Aledeime de ver un escribidor común nos mesmos campos. Especie común anos atrás, agora semella bastante mais raro de ver pola zona de Ferrol.

Escribidor común (Emberiza cirlus) femia

    Nestas alturas da tempada a plumaxe de moitas aves está desgastada polos esforzos da mantenza. En días de choiva o seu aspecto é aínda mais feíño. Porén a carriza dos xuncos resulta sempre un ave fotoxénica.

Carriza dos xuncos (Cisticola juncidis)

Carriza dos xuncos (Cisticola juncidis)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:2500   V:1/250   F:6,3

    Rematamos cun clásico do agro galego: o omnipresente chasco común, ún dos páxaros mellor repartidos pola nosa Terra e ademáis moi doado de fotografar grazas ao seu carácter confiado.

Chasco común (Saxicola rubicola)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:5.000   V:1/250   F:6,3

  En fin, logo do solsticio comeza unha nova estación. Na primeira semana de xullo chegarán as primeiras limícolas migrantes rumo aos seus cuarteis de inverno en África. Hai menos dun mes que terminou a "pasaxe de primavera" e xa temos á volta a "pasaxe de outono". Isto é un non parar.

PD: Agradézovos a todos os que me escribíchedes en privado para preguntar polo tema persoal. Graciñas. Pasados momentos moi duros agora a cousa cambiou de maneira radical e progresa de maneira moi optimista. Apertas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos