Seguidores e seguidoras

viernes, 24 de noviembre de 2023

Mobella pequena (Gavia stellata) en Ortigueira

    Onte ao mediodía visitaba de novo a ría de Ortigueira, onde había pleamar e vento moderado do leste coa mar batida. Só cos binoculares e a a cámara fixen un reconto aproximado de anátidas, aínda con cifras moi baixas (non fun á enseada de Feás, iso si).

Anátidas frente a Senra

  • ++ Patos asubiadores comúns (Mareca penelope). Só 8 ex na esteiro da Lagarea e un bando mixto con albelos duns 450 ex frente a Senra
  • 120 - 150 lavancos reais (Anas platyrhynchos)
  • ++ Patos albelos (Anas acuta), mesturados cos asubiadores
  • 90 Cercetas reais (Anas crecca). En varias das fotos que tomei aparece o que semella unha cerceta americana (Anas crecca carolinensis), xa rexistrada 
  • 1 Mergo cristado (Mergus serrator)

Mergo cristado (Mergus serrator)

  Non contei limícolas e tampouco fun aos seus repousadoiros de preamar. O bilurico común (Trinta totanus) superaba o cento de exemplares, con 99 ex no peirao de Ortigueira e algúns máis espallados.

Biluricos comúns (Trinta totanus) descansando na preamar

Biluricos comúns (Trinta totanus) en vóo

   A tartaraña das xunqueiras está a verse cada vez con máis facilidade nas migracións e na invernada. onte un macho subadulto apatrullaba na zona de Senra.

Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus) macho

    Estes días pode verse tamén unha mobella pequena (Gavia stellata), ave mergulladora non rara en Ortigueira mais da que non teño fotos decentes. Espero poder pillala ben algún día. Éstas tomeinas coa OM-1, o Zuiko 100-400 mm e máis o duplicador MC1,4x.

Mobella pequena (Gavia stellata)

Mobella pequena (Gavia stellata)

Mobella pequena (Gavia stellata)

    E agora poñede a música de James Bond ou Misión Imposible.


    Tiña visto moitas lontras facendo case de todo: xogando, marcando territorio, coidando os cachorros, pescando,... Tamén as teño observado subidas nas embarcacións da ribeira, mais é a primeira vez que vexo unha subindo pola escaleira vertical dun barco coma se fose unha persoa. Xamáis pensei que puidesen ter esa habilidade.


Lontra (Lutra lutra) subindo a barco

   Termino cunha nova boa e unha mala. A mala é que o observatorio de Senra está cada ano máis abandoado e deteriorado, cun acceso case pechado polo mato:

Observatorio de Senra
 
   O estado lamentable dos observatorios ornitolóxicos na Galiza é un clásico. Levántanse onde a alguén se lle ocorre (a veces acertan con sitio!) e logo fican no máis absoluto abandono, perdendo a funcionalidade para a cal foron deseñados: a observación de aves. 
  
Panorámica tapada pola vexetación leñosa

    Casualmente o mes que vén teño unha reunión cunha xente do concello de Ortigueira que se puxo en contacto conmigo e non vou esquecer este asunto. A boa nova é que xa limparon a vexetación que impedía a visión desde a explanada de Mera (maiormente acacia). Isto facilitará os censos.

Panorámica actual desde a explanada de Mera

2 comentarios:

  1. Boas Xabi! unhas fotos moi chulas. Un apunte nada máis, a cerceta americana éche 𝘈𝘯𝘢𝘴 𝘤𝘢𝘳𝘰𝘭𝘪𝘯𝘦𝘯𝘴𝘪𝘴 ou 𝘈𝘯𝘢𝘴 𝘤𝘳𝘦𝘤𝘤𝘢 𝘤𝘢𝘳𝘰𝘭𝘪𝘯𝘦𝘯𝘴𝘪𝘴.

    Saúdos,

    Iván.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Olá, Iván.
      Moitas grazas pola corrección. Xa modifiquei o nome. Ben sei que é "carolinensis" pero véuseme á cabeza o de "americana", quizá polo asubiador americano (que vexo máis en Ortigueira) .
      Aproveito para desculparme pola tardanza en publicar o teu comentario. Ás veces gmail deixa de darme notificacións dos comentarios e os descubro cando xa pasaron días (ou meses). Normalmente habilito os comentarios en tempo real (se non me collen conducindo ou durmindo, vaia).
      Saúdos

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos