Seguidores e seguidoras

jueves, 21 de marzo de 2024

A Frouseira, visita breve

 Esta mañá achegueime á lagoa de Valdoviño, para ver se empezara a cousa migratoria. Estamos xa na segunda metade de marzo e os ventos comezan a soprar de nordés, así que é previsíbel a sedimentación de especies típicas desta época, coma Limosa limosa, Calidris pugnax, Spatula querquedula ou Charadrius dubius.

Lagoa da Frouseira, Valdoviño

    Quen si apareceu foron os de sempre. Eu xa case penso que o fan para provocar. Ven que estás a tomar fotos e deixan que o can se meta na auga xusto onde están as aves que afotas mentras os donos miran para ti desafiantes a ver se dis algo. Sábense inmunes e presumen da sua condición. 

   Nestes momentos teño problemas bastante máis serios así que obviarei toda esa merda mascotista e seguimos coas aves, que é do que se trata. 

Parella de patos cincentos (Mareca strepera)

 O mellor foi esta galiña de auga común, fotografada no lugar coñecido coma "Pozo do cura", un recanto onde era habitual vela hai trinta anos. Agora a especie rarificou moito e sempre é unha ledicia poder fotografar un exemplar tan de perto.

Galiña de auga común (Gallinula chloropus)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:2000   V:1/320    F:6,3

    A galiña de auga estaba nunha zona con pouca luz a esas horas da mañá e probei de novo a redución de ruido con Intelixencia Artificial do Lightroom. É un proceso lento mas o resultado paga a pena (todas as imaxes deste post están recurtadas, coma sempre, que o zuiko aumenta moito pero non fai milagres).

Galiña de auga común (Gallinula chloropus). Redución de ruido con I.A.
OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:1600   V:1/320    F:6,3
 
   Idealmente debera agacharme para conseguir unha perspectiva máis horizontal e eliminar ese fondo tan feo pero se fixese iso a galiña veríame mover e sairía pitando inmediatamente.

Galiña de auga común (Gallinula chloropus). Redución de ruido con I.A.
OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:2000   V:1/320    F:6,3

  Falando de acuáticas reprodutoras (ou case) tamén había 3+ galos de auga comúns (Fulica atra) e 8+ mergulletes comúns (Tachybaptus ruficollis), mas non levaba telescopio e tampouco podía facer un censo completo.  No intermareal segue a famosa gaivota polar, primeira cita propia neste humidal.

Gaivota polar (Larus glaucoides)

  Resumindo, polo de agora pouco movimento. É de prever que nos próximos días a consolidación do nordés traia novidades migrantes típicas de temporada. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos